“A miña nai dicíame que o mar é un mundo de homes. E eu dicíalle que é o que me gusta. Entón díxome que adiante. Se ti es forte e estás decidida vas atopar o camiño. Hoxe seguimos tendo a veces xente ou grupos de traballo onde a muller está un pouco de lado, pero tamén atopas xente que che dá oportunidades e o apoio que necesitas”, conta Cristina Álvarez, na actualidade técnica da Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM) do CSIC. Ela licenciouse no seu día en Navegación Marítima. Logo cursou un Mestrado en Oceanografía.

Nos barcos tivo experiencias “de todo tipo”. Cando es a nova pois todos che queren axudar. Pero é o teu traballo. Eu dicía: “grazas, pero de entrada podo eu, se preciso axuda xa cha pido”, lembra. “Que facía no barco? Pois nas prácticas para ser oficial, desde mirar presións, cálculos de carga, de descarga, temas de navegación, rutas...”, expresa Álvarez. Navegou en distintos tipos de barco por toda España, Italia, África e Estados Unidos. Eran petroleiros, gaseiros... Ela quería seguir pero non pasou o recoñecemento médico por un tema da vista. “Entón reinventeime e acabei en investigación mariña, como técnico de medida”, engade Cristina. Nestes momentos non embarca porque hai pouco que foi nai (a súa nena ten 15 meses).

“Podería ir pero por un tema de conciliación nestes momentos non pode ser. Non descarto volver a embarcar, cando a nena sexa un pouco máis grande. Na UTM temos a parte dos barcos e a das bases antárticas. Hai campañas duns 40 días fóra pero se vas a unha base xa son dous meses ou dous meses e medio. Creo que é bastante tempo e sendo a nena tan pequena... Cando medre poderá entender mellor quedar un tempo cos avós ou con familiares”, expresa Álvarez, que indica que o seu pai tamén navegou e a nai, mariscadora.