25-N: E se cambiamos o conto de Carapuchiña Vermella?

Tarxetas para a actividade do conto de Carapuchiña Vermella.

Tarxetas para a actividade do conto de Carapuchiña Vermella.

O 25 de novembro, 25-N, conmemórase cada ano o día contra a violencia que se exerce contra as mulleres e reclamar políticas en todos os países para a súa erradicación. Colexios e institutos traballan este tema, analizando datos de mulleres que sofren distintos tipos de violencia, tanto física como verbal. En moitos centros educativos enfocan este tema dende os riscos do amor romántico, dende a necesidade de establecer relacións afectivas sas e saber detectar situacións e escenas que non atenden a unha igualdade real.

No CEIP García Barbón, por exemplo, desenvolven estes días varias actividades. Unha delas é, a partir dun vídeo: unha pequena obra de teatro con marionetas que recrea o conto de Carapuchiña Vermella. No público: varios rapaces e rapazas que seguen o conto, a través do animado teatriño. Pero pasan cousas que os fan reflexionar. Trátase dun vídeo do proxecto “Cambia o conto” que en 2018 se sumou ás campañas de visibilidade do movemento #MeToo. Os actores que dirixen as marionetas conseguen facer pensar aos adolescentes que observan a obra. E os rapaces cambian a expresión cando perciben que o lobo se está portando mal coa Carapuchiña: asústaa, engánaa sobre que camiño seguir para ir á casa da avoa. (No conto tradicional: cómea).

Nun momento dado no que o lobo se mete coa vestimenta de Carapuchiña Vermella e a manda calar, ela enfádase e di: “Marcho do conto”. E salta do escenario. “Como que marchas do conto?”, pregunta estrañado o lobo. “Si, non quero que me comas!”, expresa Carapuchiña. “Volve!”, dille o lobo. E Carapuchiña responde: “Non é non”. E propón cambiar o conto.

O público entende a situación de Carapuchiña e apóiaa. “Que podemos facer para que Carapuchiña volva ao conto?”, pregunta o Lobo. E os rapaces e rapazas contestan. “Deixala en paz”. E o lobo segue: “Pero as mozas non deben ir soas pola rúa, verdade?”. E o público contesta: “Claro que poden ir”. “Quen ten a culpa de que o lobo coma a Carapuchiña?”, pregunta a actriz que dirixe a marioneta da Carapuchiña. “Do lobo”, responde o público. “Carapuchiña non fai nada para que o lobo a coma”, apunta unha nena. “E pode vestir como queira, levar a roupa que queira”, indica un rapaz. A partir de aí empezan a reflexionar sobre quen podería ser Carapuchiña na vida real, e quen sería o lobo. E empezan a falar e a analizar comportamentos estereotipados que son habituais no día a día. “Carapuchiña vermella di non!”. “Cambiamos o conto?”. “Diferentes por fóra, iguais por dentro”, son algúns dos lemas sobre os que os rapaces e rapazas traballan. #cambiaoconto #cambiaelcuento. Escribe o teu final. “Non comas a Carapuchiña e móstralle o camiño correcto”, aconsellan, finalmente, os rapaces e rapazas do público ao lobo. Precisamente a actividade consiste en escribir outro final para o conto.

É unha das actividades nas que traballa o CEIP García Barbón para este 25-N, tamén coa canción “No me cortes las alas”, de Leire Suárez, e o poema “Street Poems”, de Fran Alonso. O alumnado elabora composicións escritas propias (poemas, cancións de rap, historias breves…) que teñan temática relacionada coa sensibilización contra a violencia de xénero que hai na sociedade. Farán unha exposición de traballos de xeito individual, teñen que sacar unha foto a un mural-graffiti e engadirlle un texto ou facer eles/as o debuxo e crear o texto.

Para este 25-N no Colexio Possumus, por exemplo, traballan “saber dicir non” e a toma de decisións. Na etapa de Secundaria, co obxectivo de prever a violencia de xénero, céntranse en reflexionar sobre o concepto de amar saludablemente. “Algo tan sinxelo que nos tempos que corren, co acceso temperá á pornografía, aprenden de forma incorrecta”, apuntan dende este centro.