Achégase o Samaín e procede, se cabe máis que nunca, botar man dos libros da escritora Ledicia Costas (Vigo, 1979), en concreto da súa marabillosa colección dos Minimortos, que tanto gusta aos pequenos e pequenas (a maiores tamén). É tempo de ler, por exemplo: “O día dos vivos”. E ollo porque Costas xa está traballando na seguinte entrega, titulada: “Ai, que risa!”.

Recorda, de nena, celebrar o Samaín, Halloween ou algo similar?

Naquela época non se celebraba, polo menos onde eu vivía. O que si lembro son os magostos, unha das miñas festas favoritas de nena. Tanto na escola coma nos barrios, a chegada do outono ía asociada a unha celebración onde as castañas, cociñadas en todas as súas variantes, eran as protagonistas.

No libro trata este tema nun ambiente festivo. Cre que a colección dos Minimortos contribúe a normalizar, dalgún xeito, a relación dos pequenos coa morte, co outro mundo?

Esa é a intención: poder falarlles da morte ás nenas e nenos. Aínda que semelle irónico, a morte é un dos grandes temas da vida. Algunas persoas adultas senten pudor á hora de falarlles da morte aos cativos e prefiren non mencionala. A literatura é un vehículo excelente para tratar cuestións tan difíciles coma esta.

O da morte é un concepto duro..

Éo, por iso son libros escritos con moito humor e moita retranca. O público infantil divírtese moito con estas historias, a idea é que pasen momentos estupendos. Nos Minimortos todo é puro divertimento, son historias pensadas para a risa, non para o sufrimento.

Que feedback ten de pais, nais ou nenos/as?

O feedback dos máis pequenos é extraordinario. Sempre que rematan unha entrega preguntan cando sae a seguinte. Coñezo nais e pais que vían as historias con certo reparo ata que foron testemuñas das reaccións dos seus fillos e das súas fillas. Creo que aí radica a maxia destes libros: rompen un tabú para as persoas adultas a través dos máis pequenos.

Unha proposta para celebrar o Samaín: con nenos/as e tamén unha para un grupo de amigos (maiores)...

A) Larpeiradas, contos de medo, colares de zonchos ao estilo de Sada, calacús decorados con caras terroríficas, ir pedir “unha limosniña” polas casas (como facían tradicionalmente na Illa de Arousa), disfraces de pantasmas e ánimas, poñer Beeteljuice, e máis larpeiradas.

B) Todo o anterior con albariño e licor café.

Haberá máis entregas dos Minimortos?

Haberá! Xa estou traballando na seguinte entrega, titulada “Ai, que risa!”.

Estes libros estanse a ler noutras comunidades/países?

Este mes chega a primeira entrega a México, a través do grupo editorial Penguin Random House. É xenial, porque lanzan o libro nos días previos á celebración de Defuntos, estou verdadeiramente emocionada de ter un lanzamento dos Minimortos en México. Tamén se publican nestas datas Escarlatina e Esmeraldina en portugués, da man de Kalandraka. A morte gaña terreo!