O verán é un período de formación para o profesorado, iso é o que pensamos as profesoras do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo, Asunción G. Cabaleiro, Teresa Comesaña, Diana Babarro e mais eu (Malores Villanueva) que durante unha semana viaxamos á capital de Creta, Heraclión, para recibir formación que durante este curso poderemos aplicar no noso centro de ensino.

Despois do éxito do proxecto KA 101 en 2018 (compartindo experiencias con docentes de Estocolmo, Florencia, Reykjavik ou Croacia), continuamos a andadura en Eramus+ KA101 durante o curso 2019/2021 co proxecto “Improving our International Approach Towards Multicultural Education” para proseguir na internacionalización e modernización do instituto de Coia. Foi un dos 505 proxectos aprobados en toda España e na cidade de Vigo os dous únicos centros seleccionados nesta convocatoria foron o IES Álvaro Cunqueiro e, o seu centro adscrito, CEIP Escultor Acuña.

De 505 proxectos en toda España, os dous únicos centros seleccionados en Vigo foron o IES Álvaro Cunqueiro e o seu adscrito, o Escultor Acuña

Intercambiando coñecemento.

Despois de estancias de observación en Italia, no verán viaxamos á illa grega para realizar un curso CLIL, enfocado a promover e mellorar as seccións bilingües; outro de Educación Inclusiva, co obxectivo de aprender o manexo de ferramentas informáticas que facilitasen a inclusión de alumnado con necesidades especiais, e un de Redes Sociais co que aprender o manexo de diferentes programas que empregar na docencia coa finalidade de que as aulas sexan máis atractivas e estean máis en sintonía cun alumnado cada vez máis dixitalizado.

Docentes de Vigo en Creta.

Ademais da aprendizaxe específica de cada curso, nestas estancias é fundamental o contacto con outros docentes chegados de toda Europa e poñer en común as realidades educativas nos diferentes países. Na primeira sesión houbo a oportunidade de presentarse e de coñecer que están a facer noutros lugares, tamén da xeografía española. Todos estes coñecementos sen dúbida axudan a mellorar a práctica docente, promoven oportunidades de mobilidade e establecen cooperacións con colegas estranxeiros.

Dende o IES Álvaro Cunqueiro queren impulsar a innovación e a internacionalización do centro, mellorar a ensinanza e a aprendizaxe de linguas e promover a diversidade lingüística e a sensibilidade intercultural. Non en van as profesoras pertencen aos departamentos de Inglés, Lingua Galega e Lingua Castelá.

Obxectivos próximos: mobilidade de alumnos

Entre os obxectivos próximos están facer mobilidades de alumnado con outros centros europeos. De feito, hai dúas semanas tres profesores estiveron en Polonia visitando un instituto co que poder comezar esta experiencia.

Estas estadías son cofinanciadas polo programa Erasmus+ da Unión Europea, pero non todo é viaxar! O profesorado do centro tamén recibe formación durante o curso e así realizaron un curso de inglés as tardes dos mércores, outro de ferramentas informáticas que despois aplicaron coa creación dunha guía e un vídeo que elaboraron para dar a coñecer o noso país, a cidade e o centro aos demais participantes, entre os que están institutos de Italia, Turquía, Macedonia ou Finlandia.

Un dos éxitos do programa que coordina Asunción González é a implicación de varios departamentos: inglés, lingua galega, xeografía e historia, lingua castelá, música, educación física e bioloxía. 

Na estancia en Creta as profesoras, que durante a mañá asistimos aos cursos, puidemos tamén facer turismo e visitar xoias como Knosos, a cidade máis importante da civilización minoica, pero tamén Festos ou Malia.

Durante a viaxe.

 

  • O presente proxecto foi financiado co apoio da Comisión Europea. Esta publicación é responsabilidade exclusiva da súa autora. A Comisión non é responsable do uso que poida facerse da información aquí difundida.