O escritor Antonio García Teijeiro vén de publicar un bonito libro de poemas para o público infantil: "Canta, miña rula, canta" (Galaxia). "Dous grandes artistas, un da palabra e outro da ilustración (Xan López Domínguez), xúntanse para facer este delicado libro, poeticamente cheo de luz e de música. Sons que inspiran o poeta. Versos que inspiran o artista. A voz poética, que tan ben coñecemos de Antonio García Teijeiro estoura ata o infinito nunha incrible sinfonía de cores como nunca antes se viu", son as palabras coas que a editorial fala desta última obra.

Como naceu a idea deste libro?

Coido que a miña obra poética constitúe un todo, onde procuro variedade tanto  no contido como na  forma. Levaba algún tempo sen escribir un poemario pensado no lectorado máis cativo. E non podía ser. É fundamental que os nenos e as nenas das primeiras idades poidan achegarse á poesía máis lúdica que é unha porta aberta para que coñezan os múltiples beneficios que posúe. De aí que volvín mirar cara á poesía de tradición oral, pero mantendo o meu estilo poético cunha linguaxe coidada e cristalina. Uns versos que fosen musicais, sinxelos e, ao tempo, sedutores e, xa que logo, cun certo sentido de humor e de surrealismo. Este foi o meu planteamento inicial. Se o conseguín terán que ser os lectores e lectoras quen o digan.

Entendo que o papel de Xan López Domínguez é fundamental.

Mentres escribía este poemario tiña a Xan na miña cabeza. E cando lle dei á miña muller os poemas, díxome: “Este poemario tería que ilustralo Xan”. A coincidencia foi total. Xan López Domínguez é un dos ilustradores máis importantes e orixinais deste país. Éo dende hai ben anos. O humor, o surrealismo que conteñen certos poemas, moitos dos personaxes dos mesmos teñen a súa réplica nas ilustracións de Xan. Dálle ao libro un ton lúdico que se agradece. Fai unha recreación dos versos autenticamente prodixiosa. A lectura do poemario é perfecta. Son debuxos expresivos, diferentes, cheos de vida e de imaxinación que beben do texto, si, pero emprenden un voo particular que os fai suxestivos. Atraen dende o principio e fixándonos neles descubrimos detalles que se nos pasaron por alto nunha primeira ollada. Estou feliz co seu traballo.

Que pretende transmitir aos rapaces con esta obra?

Que a poesía entre nas casas e nas aulas é unha das miñas teimas como ben saben os que me seguen dende hai tanto tempo. E quero que teñan preto poesía dende ben pequenos. Que gocen con ela, que os axude a descubrir novos mundos, que estimule a súa imaxinación, que saiban que a palabra é un dos xoguetes máis suxestivos do mundo, que se deixen levar polo ritmo. É importante que se decaten de que a poesía non é algo duro, aburrido. Teñen que saber que se pode desfrutar cos versos, que os poemas se poden representar, interiorizar e recrear. A poesía fainos pensar e pasar, ao tempo, moi bos momentos. A poesía para os cativos e cativas ten que permitirlles saber que é unha festa, unha festa da palabra, con música e ritmo. E por que non? cun punto crítico que sirva para a reflexión.

Que cre que ten de distinto coas previas?

Cando un leva tantos anos na loita a prol da visibilidade da poesía en todos os ámbitos da sociedade; cando un abandona a súa obra narrativa (que non é pequena), crea un universo poético particular que se vai enchendo de diversas mostras literarias. Estas han de ser coherentes en todo momento. Un escribe e evoluciona sempre dentro dun estilo de seu, que se fai recoñecible porque non pode ser doutro xeito. Eu escribo dende dentro cara a fóra e dende fóra cara a dentro. As miñas inquedanzas son moitas e pretendín amosar sempre honestidade, coherencia e respecto polo lectorado. Cada libro meu ten unha razón de ser en función das sensacións que me envolven a miúdo. A partir de aí vou dando pasos (e paus de cego moitas veces) ata conseguir os obxectivos que me marquei e que xa expuxen antes. Pero para contestar á pregunta direi que hai moito máis humor en “Canta, miña rula, canta” que noutros poemarios..

E en común?

A honestidade á hora de escribir poesía. Que sexa unha poesía digna de alguén que ama os nenos e nenas dende sempre. Que quere o mellor para eles. Que non os engana. Que os respecta ao máximo. Eu coido que a poesía ten que ser moi coidada na linguaxe, que sexa expresiva e que cree imaxes fermosas -ou non- que lles permitan gozar e descubrir que, ao lelas, son quen de facer seu o texto. Non me interesan demasiado as persoas que guían o alumnado para descubrir o que din os versos. Prefiro que sexan os lectores e lectoras os que fagan a súa propia lectura e intenten identificarse con eses versos escritos dende o amor pola literatura e por eles.É unha maneira de fomentar o desenvolvemento da imaxinación. Fágoo en todos os meus poemarios porque creo niso. É algo que en común ten a miña obra poética.

Entendo que hai elementos do libro infantil que perduran no tempo…

Hai que seguir mantendo a liña dos bos libros infantís de sempre, mellorándoos cos avances técnicos de edición. O meu concepto da LIX vai neste sentido. Se o libro é de narrativa, o que hai que valorar é que conte unha boa historia,que permita ao lector/a abrirse a un mundo que o fascine con personaxes cos que sintan complicidade. Debe ter unha linguaxe clara, unha sintaxe sinxela e un ton suxestivo. Se é un poemario, a linguaxe limpa e clara, vocabulario axeitado á idade do destinatario, versos de gran vivacidade, lúdicos, rítmicos, rima consoante (nas primeiras idades, sobre todo), imaxes poéticas que produzan sensacións fondas e que os acheguen á beleza. Nos libros infantís as ilustracións son indispensables. Deben ser atraentes, que se note a lectura persoal do ilustrador ou ilustradora. Que amosen unha orixinalidade que lle dea singularidade á obra. Texto e imaxes son a fusión de dúas visións particulares dunha mesma idea. E un desexa para os libros infantís unha edición coidada, con elementos que enriquezan o obxecto libro e que o fagan atractivo á vista. En definitiva que convide a collelo e follealo.

Considera que estamos nun momento clave para que os nenos/as atopen nos libros algo emocionante entre tanta pantalla?

É certo que vivimos unha época de pantallas. Pero creo firmemente que os libros pervivirán sempre. Son insubstituíbles e compatibles coa febre tecnolóxica que nos invade. Nada é negativo se impera a sensatez. Neste punto, quero salientar a importancia da figura da mediadora ou do mediador. Tirarlle o de fascinate que uns poemas, unha obra de teatro ou unha narración posúen, debe ser unha obriga pracenteira. Preparar a obra dun xeito conveniente, creando expectativas para enfeitizalos coa palabra literaria é importante. As mediadoras xogan un papel fundamental neste momento e deben ser conscientes. Que os libros sexan algo habitual nos fogares, que funcionen as bibliotecas escolares, que nas aulas se lea en liberdade e por pracer. Os libros deben convivir coas pantallas e deixar un pouso literario necesario para a formación da rapazada.

Que o leva a seguir neste camiño (poesía para os pequenos) tantos anos despois, no que é un referente?

Pois o beneficioso que para a formación do ser humano é a poesía. Non concibo que a estas alturas do século XXI este xénero siga a ser algo descoñecido, infravalorado e que viva á marxe do desenvolvemento das persoas. Levo ben anos nesta liña, con moito esforzo, espallando o espírito poético en moitos ámbitos diferentes. Aínda que paseniño, creo sentir que algo se está avanzando. Comeza a haber ensinantes que cren na potencia da poesía na formación dos cativos. Estamos a anos luz da narrativa, pero hai que seguir aumentando o número de lectores e lectoras. E vaise conseguindo. Hai tantos traballos marabillosos que me envían a partir dos meus poemas…! Isto é unha satisfacción para min. Dáme forza para seguir escribindo e animando as persoas para que fagan da poesía algo natural e algo próximo.

Portada do libro.