Teño que adiantar que este ano estou nun 5º de Educación Primaria con 24 rapaces e rapazas fabulosos/as. O que a continuación se sinala son un conxunto de decisións pedagóxico-didácticas que me axudaron, que tiven que poñer en práctica por mor da situación que estamos vivindo e das que son fervente defensor logo da análise dos seus resultados.

Entre as numerosas decisións metodolóxicas e didácticas que adoptei e das que aprendín moito debo destacar as seguintes:

Falar a diario. Tódolos días comezabamos cunha sesión de faladoiros. Darlle a oportunidade ao alumnado a expresar o que vivían, sentían, o que se preguntaban, suxerían, inferían… de certas realidades supuxo un verdadeiro descubrimento. Notei que o alumnado quere falar e quere ser escoitado. Dinámicas como fálame de ti, conta o fin de semana, preguntas incómodas, rutinas de pensamento artísticas, fala libre ou arte para expresarte foron algunhas das propostas que intreguei nos primeiros 45 minutos de cada día lectivo.

Viviamos momentos moi complicados e houbo momentos no ano nos que a rapazada manifestaba a través destas dinámicas o seu mundo afectivo e emocional. O que escriben, o que din, o que ven, o que sinten… Darlle a oportunidade de que tiveran un espazo e un tempo ao día no que expresar ese mundo interior foi do máis gratificante para min, e tamén para eles. Por certo, engado unha visión academicista deste momento, podo asegurar que son moitos os contidos que se traballan durante estes 45 minutos diarios.

Non aos deberes dun día para outro. Unha das dinámicas que integrei este ano foron un conxunto de actividades que xiran arredor da transformación do local onde o alumnado fose quen de desenvolver iniciativas para mellorar o lugar, o momento ou o espazo que habita a diario. A través de proxectos artísticos e a través de presentar proxectos transformadores ou dar a coñecer realidades pouco coñecidas do lugar no que vivimos.

Unha das condicións que este curso me puxen era que non era un bo ano para afondar nas desigualdades sociais que xa se viviran no pasado curso confinado. Os deberes son unha ferramenta, en moitos casos, que provoca desigualdades de acceso á educación e á aprendizaxe. Con propostas amplas no tempo, menos sistematizadas e máis motivantes logrei algo que non me esperaba; un alumnado moi implicado no desenvolvemento de proxectos propios, con ideas propias e creativas que puideran formar parte da solución de melloras na sociedade na que vive.

Exposicións Orais. Cada neno tamén ten un pasado, un presente e un futuro. Antes dos faladorios, cada día, un neno traía á aula preparada unha exposición sobre vivencias que tivo no seu pasado, que estaba tendo ou intereses propios que lle son cercanos: a súa cidade favorita, o animal galego que lles flipa, un libro que elixiron, unha noticia para denunciar, un invento que os apasiona... Ao longo do curso foron 6 ou 7 exposicións orais que o alumnado preparou. Ademais de traballar a oralidade e outros moitos contidos científicos e literarios, as exposicións orais tiveron unha enorme influencia á hora de establecer lazos de unión entre o alumnado e a súa familia. A preparación das mesmas contou coa colaboración familiar nalgúns casos e, despois da dura experiencia de educación no fogar vivida o ano pasado, configurouse como unha recuperación do rol da familia nos procesos de ensino e aprendizaxe. Axudar a un fillo ou filla, sentarse xuntos un momentiño de cando en vez tamén era preciso este ano. Sei que gustou e que sentou ben a todos: alumnado, familias e mestre. A arte como ferramenta de expresión do mundo interior que o alumnado vive a dirario. Lembrando a utilidade que se fixo da arte durante o confinamento e analizada a súa capacidade para calmar tensións e expresar o que se sentía, este ano decidín integrar moita arte na aula. Formatos novedosos axudaron ao alumnado a expresarse. A fotografía, a poesía, o teatro, a escultura, a pintura, a música… Se xa somos conscientes de que a expresión artística debera ter máis peso curricular, nestes momentos foi unha salvación integrala case a diario no día a día na aula.

Sacar a escola para fóra do recinto escolar. ·

Sacar o currículo do pupitre escolar e levalo alá onde o alumnado vive, aos espazos que habitan a diario, aos lugares nos que a natureza ofrece un marco incomparable para aprender como hai que aprender. É certo que o lugar no que vivo e dou clase (A Illa de Arousa) ofrece un recurso brutal para establecer relacións entre o contido curricular e a significatividade ao ser quen de telo diante dos ollos. Era preciso saír e saímos. Saímos moito pero creo que inda deberamos sair máis. Saímos para traballar as plantas, para facer debuxo de paisaxes, para traballar os ecosistemas, para facer ecoarte, para analizar os reinos dos seres vivos, para denunciar deficiencias ou problemas medioambientais, para sacar fotos na noite e fotografar o movemeto, para ver as formas xeométricas no noso corpo e nos obxectos que manipulamos a diario, para coñecer como se organiza o goberno dunha localidade, para ver as matemáticas no mundo real tamén nos aproximamos ao mundo que está fóra da escola, a limpar praias cheas de plásticos, saímos en bici para promocionar a mobilidade sostible, para analizar as características da materia que vemos a diario… O currículo non está nos libros de texto, está fóra deles e había que saír a buscalo. Era necesario saír porque así o determinaba o sentido común, saímos porque tamén o fixaba o protocolo COVID (ao aire libre hai menos contaxios) e saímos porque o alumnado necesitaba saír, osixenar, marchar e afastarse do sedentario momento COVID.

Alumnado nunha das saídas deste curso 20-21.