Nunha sociedade que camiña ás présas e na que as notas a pé de páxina á realidade se limitan a “memes”, a Filosofía volve aos plans de ensino como materia obrigatoria en todo Bacharelato.

E iso que, como sinala Eva Garea, que a imparte no IES de Ames, é una ensinaza de “pouso”. “Pensar criticamente non é unha cousa que se pode aprender como se fose unha receita de cociña, senón que tes que traballar eses contidos para cando chegue o momento de tomar unha decisión, ao mellor algúns anos despois, cando tes ir a unhas eleccións ou reflexionar sobre unha vacina e a oportunidade de poñela”, alega.

“Que maior utilidade a da Filosofía que pensar sobre como podemos vivir, como ser felices ou como relacionarnos. A Filosofía é un saber global que nos axuda a vivir”, subliña Carme Adán, catedrática da materia no IES Politécnico de Vigo. Engade que nun contexto de pandemia, se cabe, a súa importancia é aínda meirande. “Tivemos tempo para pararnos, para valorar as cousas importantes da a vida e do que nos rodea...”, explica. “A pandemia obríganos a mirar cara a Filosofía coma un saber que nos orienta sen darnos instrucións, que nos ensina a vivir sen manuais”, proclama, para reclamar a súa necesidade, agora e sempre, tamén nas escolas.

Garea fala da “utilidade en diferido” dunha materia que loita contra a idea de “vivir na inmediatez”. “O que facemos en Filosofía”, explica, “é adiantar reflexións que logo se van dar sobre o mundo”. Pon de exemplo como Platón pode estar de actualidade: esta semana falaba cos seus alumnos do mito da caverna ao fío das redes sociais e das informacións que chegan dende a televisión.

Carme Adán sinala a mesma alegoría e o mesmo autor, do que nos separan 24 séculos, e engade que para evitar converterse en “charlatáns” ao falar de “fake news”, identidade de xénero ou liberdade na pandemia hai que ter buscado textos e poder defender as ideas. “A iso contribúe a Filosofía; non é meramente un saber memorístico”, recalca. Compárteo Garea: cando van a máis os discursos máis viscerais, a Filosofía “aporta o que non aporta outra materia: unha capacidade de reflexión abstracta”.

Pero tamén, engade esta docente, en sintonía con Adán, convida a pararse antes de opinar, ao traballar coa atención e a reflexión crítica, o que leva o seu tempo. “Estamos moi afeitos a correr e pasar por diante das cousas sen deternos a miralas e hai todo un traballo en 1º de Bacharelato arredor dese tema”, conta. Por exemplo, o curso pasado propúxolle aos alumnos un caderno filosófico a través do debuxo coma unha “ ferramenta para obrigalos a pararse e mirar”. “Se non miras, sobre que reflexionas? Logo acabas nas redes sociais replicando memes sobre cousas que dixeron outras persoas, que nin entendes”. Asemade, sinala, como ensinantes loitan por que nun debate ético os rapaces non dean deseguida as respostas, que eviten ser os “charlatáns” que citaba Adán. “Teñen que pensalo e para iso ensinar a escribir axuda moito porque obriga ao pensamento en diferido”. Non obstante, advirte que “doe” traballar así ao “non estarmos afeitos”. “É coma se fai unha maratón alguén que nunca entrenou: afoga no primeiro kilómetro”.

Nese entramado, estudiar autores ten un papel, malia que Garea concede que tal vez a materia estea “moi ancorada no pasado e vexa “déficit” de pensadores e pensadoras contemporáneas, o que vencella á ABAU. Como a Filosofía é unha “unha caixa de ferramentas que busca “ensinar a pensar”, implica dar teoría, aportes, pensar co outro, polo que é moi difícil “non acudir tamén á historia”, o que suscribe Adán. Aínda así, entende que hai que ensinarlle aos alumnos a facer ensaios, traballar dende unha aperspectiva máis crítica. Pero para iso precísame espazo no currículo.

Adán avoga por unha Filosofía “viva” e “non arqueoloxía das ideas”, que se revele eficaz para ensinarlle a pensar ao alumnado por si mesmo e a desbotar falsas verdades e mentiras. “A Filosofía”, proclama, “fai sospeitar daqueles que dan receitas porque non existen receitas máxicas para vivir”. Ademais, di, convida a “revisar o que outros pensaron xa antes ca nós, noutras circunstancias, facendo un exercicio colectivo de pensar”. Con todo, á hora de ensinala, e para poder xerar debate, “necesita metodoloxías con tempo” e con grupos reducidos que fomenten a participación.