Ansiedade, angustia, irritabilidade, problemas de sono, dores de cabeza ou incluso depresión. A fatiga pandémica, despois de practicamente un ano con periodos prolongados de confinamento e sen contacto físico e afectivo, afecta en grande medida a adolescentes, un colectivo dos máis castigados polos efectos dunha pandemia e unhas restricións como as vividas.

Tendo en conta esta situación de vulnerabilidade, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de publicar un Plan de Benestar Emocional precisamente para “evitar posibles problemáticas derivadas” pensando nos escolares e nos docentes. Elaborado coa coordinación do pediatra Luís Sánchez e María Victoria Fernández, do equipo de orientación específico da Coruña, o plan consta de tres fases.

 A primeira, que acaba de iniciarse, céntrase na detección de situacións de ánimo decaído entre os escolares a partir da observación da conduta. Propóñense modelos de intervención a través de “redes de apoio”. Nesta fase hai que detectar condutas como reaccións desmesuradas, irritabilidade, transgresións... Na segunda, a partir de abril, buscarase manter o benestar e dotar de instrumentos de resiliencia, con 24 propostas didácticas e formación para orientadores e docentes, ademais de tres sesións para familias. Na última etapa, antes do verán, preténdese que os centros dispoñan de ferramentas para afrontar o próximo curso (usos de internet, saúde mental, etc...).

Observación de condutas. O plan establece, por exemplo, unha táboa de observación para o profesorado, co tipo de malestares que poden atopar e as condutas que deben observarse para detectalos. “Incerteza: reaccións desmesuradas ante situacións cambiantes e incertas”. Neste caso achega pistas para acompañar dito malestar, como a calma e o tacto, ademais de acompañamento presencial ata que se interiorice a certeza. Outros tipos de malestar que constan: angustia, desesperanza, enfrontamento ou perdas. En todos os casos achega unha definición das condutas que deben observarse. “Desesperanza: emocións como tristeza, ansiedade ou periodos de insomnio ou somatizacións derivados do sufrimento da perda ou enfermidade dun ser querido”. Pistas para acompañar: “estar con humanidade, empatía e escoita para atravesar a dor e reforzar a resiliencia. Non infantilizar e si axudar a comprender, entender e facerse cargo do sufrimento. Introducir a ilusión e a posibilidade de facer algo.

Propostas didácticas. Co fin de afrontar as diferentes vivencias experimentadas, darlle sentido aos cambios, atender as necesidades emocionais e afianzar as relacións de confianza e a conexión social do alumnado o Plan de Benestar Emocional inclúe varias propostas didácticas. Estas propostas están pensadas para poder ser desenvoltas en todas as etapas e en calquera dos escenarios posibles (presencial, ensino mixto ou en liña). As propostas didácticas organízanse arredor de catro eixes.

  • 1)- Conecta: favorece a creación de espazos de comunicación e escoita así como a identificación de emocións propias e alleas sentidas e vividas durante este periodo de pandemia global. (Mochila dos recordos, Baleirando petos, Detective de emocións, Orellas de elefante, Superpoder, O poder da música).
  • 2)-Respecta: está dirixido a tomar conciencia dos novos cambios nos hábitos e relacións sociais tendo en conta as normas hixiénico-sanitarias derivadas da COVID-19 (Cambiamos tocarnos por mirarnos, Bicos de lapis. Bicos de pipas, En equipo máis fortes, Planeta perfecto, Fabulaforum, Xogos reunidos)
  • 3)- Regula: Desenvolve aspectos relacionados coa regulación emocional e o afrontamento dos conflitos para aprender a tolerar a frustración e evitar situacións de estrés (A caixa de urxencias emocionais, Un paseo relaxante, Tece palabras, Faltoume o que tiña, ou non?, A cesta máxica, Bandeiras do Himalaia)
  • 4)- Vive: fomenta actitudes positivas, sentimentos de gratitude e solidariedade co fin de desenvolver pensamentos positivos, recoñecer o esforzo e xerar un beneficio común (Pechando os ollos, Adiviña quen, Cada ovella coa súa parella, Tempo compartido, Olimpo, Receita da felicidade).

Formación para o profesorado e escolas de nais e pais

Estas 24 actividades diferentes son explicadas polo miúdo no plan, o que favorece o seu desenvolvemento por parte dos centros educativos. Ademais, todas as propostas comparten a mesma estrutura para facilitar o seu manexo, contemplan varios escenarios para dar resposta a calquera realidade que puidese derivarse da situación que estamos a vivir e inclúen unha autoavaliación para medir o grao de satisfacción acadado polo alumnado.

A segunda fase está centrada no mantemento do benestar e en dotar de instrumentos de resiliencia e mellora do afrontamento á comunidade educativa. Para conseguilo, proponse continuar traballando a través das devanditas 24 propostas didácticas e inclúense tamén nesta fase accións formativas a través da rede de formación, coa colaboración dos Equipos de Orientación Específicos.

Neste sentido, proponse unha formación específica para os departamentos de orientación, outra para os docentes, así como un curso para desenvolver no marco dos Plans de Formación de Profesorado en Centros. Así mesmo, proponse unha formación dirixida ás familias que se poderá abordar desde as propias escolas de nais e pais ou en actividades a través de plataformas dixitais.

Internet, videoxogos e hábitos saudables

O obxectivo principal da terceira fase é dotar os centros de recursos a medio e longo prazo e de planificar o curso 2021-22. Para iso, impulsarase a concienciación sobre os usos problemáticos de internet ou dos videoxogos, así como a formación para fomentar os seus usos saudables.

Por outra banda, fomentaranse as accións formativas e de concienciación específicas no ámbito da saúde mental para toda a comunidade educativa, con especial énfase no profesorado de secundaria. Tamén se impulsará a colaboración coas entidades que traballan no coidado do benestar emocional ou o traballo sobre este aspecto nos Contratos Programa e nos Plans de Convivencia dos centros, entre outras iniciativas que favorezan a construción de coñecemento neste eido e a difusión de boas prácticas dentro do propio sistema, segundo explica a Consellería de Educación.