“Non o permitas. Non o escondas. Non estás soa, estamos contigo”. É un dos lemas do alumnado de Bacharelato do IES de Poio para o 25-N. Este instituto, moi implicado en temas de igualdade xunto á súa profesora Sabela Bará, preparou para este 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha ‘performance’. En concreto, o alumnado de Literatura Universal de 1º de Bacharelato amosa nesta representación as violencias machistas que sofren as mulleres ao longo da súa vida a través de frases que cuestionan a súa forma de vivir, vestir ou comportarse. Ademais, a través de diálogos, representan diferentes conversacións nas que visibilizan o control e os ciumes na parella ou o cuestionamento da maneira de vestir das mozas. Frases de que tipo? “Non nacín muller para morrer por selo”, ou, “Eu decido como me visto e con quen me dispo”, por poñer algún exemplo. Rematan berrando precisamente esa frase de “Non o permitas... Non o escondas”, frases que fan pensar e que apoian, de maneira colectiva, as mulleres que sofren violencias machistas.

Representaron a ‘performance’ varias veces no instituto, tendo en conta que o aforo é reducido polo tema da Covid, de 30 en 30 alumnos e alumnas como público. Este instituto acaba de empezar coa materia ‘Coeducación para o século XXI’. “De algo máis de 50 alumnos apuntáronse 37 e trátase dunha materia optativa. Creo que é significativo, se ben é certo que xa hai un tempo iniciei un Clube de Lectura Feminista que puido ter algo que ver, no sentido de chamar a atención de alumnos e alumnas nestes temas”, expresa a profesora Bará, docente de Lingua Galega, da nova materia de Coeducación e tamén vicedirectora no IES de Poio. Expresa a profesora que son metade alumnas e metade alumnos. “É un bo síntoma porque implica o compromiso tamén dos rapaces con estes temas, dispostos a afondar e a aprender”, conta Bará, que indica que é moi necesario traballar en conceptos de respecto e diversidade, sobre todo nos cursos máis baixos do instituto xa que se escoitan comentarios non respectuosos cara os demais.

“Estamos condicionados por todo o que nos rodea, e claro, hai moito traballo por facer. Eu creo que temos diante nosa unha explosión en temas de igualdade pero isto acaba de empezar. Cando eu estudiaba non escoitabamos falar, para nada, de feminismo. Agora o tema mudou e hai que continuar por este camiño”, comenta Bará, que aposta por crear axentes de igualdade, é dicir, que os propios alumnos fagan a función de transmidores de conceptos entre os seus iguais.

Carteis para o 25-N.