San Simón tamén é protagonista nesta obra de Xulia María Barros. E para construír este relato Xulia María centrouse nos seus propios recordos de nena xa que dende a súa casa víase a illa e a súa avoa contáballe historias sobre a mesma. Desas ideas iniciais naceu “A árbore dos vagalumes” (Belagua, con ilustracións de Diego Salgado).

“A mirada poética e chea de amor dun avó ao seu neto Santi convídanos a entrar nun mundo máxico, alumeado polo simbolismo dos vagalumes e o coidado dunha árbore marabillosa. Santi descubrirá nese mundo a historia da illa de San Simón, que ve desde a súa casa, e comprenderá o valor da memoria e a necesidade de non esquecer de onde vimos”. Este é o resumo desta obra, na que aparece tamén o alzhéimer.

“Hai un avó que coas pólas das árbores fai cousas, lámpadas, caixas, bastóns... Esta figura tamén é real”, expresa a autora, que apunta que os vagalumes aparecen a modo de simbolismo: “mirar cara a luz para poder acceder á sabedoría”, engade.

“O avó Santiago facía figuras fantásticas! Saía a camiñar polo monte, e, cando atopaba unha raíz estrañamente retorcida ou unha póla xeitosa dicía: Esta vai ser un peixe, esta un floreiro e aquela unha arpa! A min parecíanme só anacos de paus para leña, pero, despois de catro ou cinco días fechado no alboio, saía coma un Noé da súa arca, cun peixe, cun floreiro ou cunha arpa prodixiosa. Todos feitos cun xeitiño que podería dicirse que tiñan vida” (este parágrafo é parte da obra escrita por Xulia María Barros -Redondela, 1966-, escritora e terapeuta).

Segundo a autora, pretende transmitir a unión entre as xeracións, entre o avó e o neno, neste caso. Para Xulia María é unha historia sobre a humanidade, sobre a importancia da familia e a unión coa natureza.

"A árbore dos vagalumes"