Patrimonio

Relatos das serras

Polos museos de Valongo

Museo da Lousa.

Museo da Lousa. / Arquivo

A historia de Valongo -concello preto do Porto- está intimamente vinculada á pedra que forma parte do seu patrimonio natural, co perfil das serras de Santa Justa e Pias como sentinelas permanentes no horizonte. A extracción de mineral foi unha das principais actividades dos seus habitantes desde antigo, e co fin de render homenaxe a cantos traballaron nas galerías, desde 2001 o Museu da Lousa, en Campo, mostra as memorias dos labores e os días a través dunha interesante viaxe no tempo.

A área do museo organízase arredor de tres casas construídas con técnicas tradicionais de lousa, igual que o muro circundante. A primeira edificación recrea unha auténtica vivenda de mineiro, coa zona da cociña, de durmir e o taller onde mulleres e nenos fabricaban pequenos obxectos para complementaren os salarios da mina. As dúas restantes expoñen vestimenta, aparellos, ferramentas e documentación vinculados co traballo do mineral, desde a súa extracción ata as distintas maneiras de transformación. Tamén hai un interesante apartado dedicado ás máquinas utilizadas para facer lousas de escola.

Relatos das
serras

Galería do Foro Cultural de Ermisende. / Arquivo

De Valongo saía ouro para o Imperio romano. Abundan os vestixios materiais desta ocupación en forma de aras votivas e numerosos achados arqueolóxicos tanto da época como prerromanos. Parte desa historia pode verse no Museu Municipal, situado nun edificio que é de admirar de seu, coa súa arquitectura de corte neoclásico, mandado erixir por Bernardo Martins da Nova a principios do século XIX. En 1836, co nomeamento de Valongo como concello, foi escollido como sede da Cámara Municipal, que permaneceu aí ata 1989. Polo seu valor histórico e arquitectónico naceu a idea de proceder á súa reforma interior para instalar un espazo museístico, que finalmente foi inaugurado en xuño de 2001. O centro presenta unha variada colección que abarca desde a panificación á extracción da pedra, pasando pola transformación do liño, arte sacra, xoguetes antigos ou os traxes populares, todo a través dun interesante percorrido expositivo que conxuga a memoria do pasado co presente.

Relatos das
serras

Museo Municipal de Valongo. / Arquivo

Valongo conta asemade cunha antiga fábrica reconvertida en museo. A unidade fabril comezou a súa andaina en 1910 baixo o nome de Empresa Industrial de Ermesinde -hoxe Fórum Cultural- dedicada á fabricación de tella, ladrillo e louza, entre outros. O forno centenario é o espazo mellor conservado da estrutura orixinal e mantense integramente para proporcionar unha inmersión na arte de forma diferente. Onde outrora se cocían produtos cerámicos agora atópanse exposicións temporais que, con regularidade, mostran desde os autores máis conceptuados a novos artistas emerxentes en variadas disciplinas, desde pintura a escultura, debuxo, arquitectura ou instalacións. Jaime Isidoro, José Rodrigues, Nadir Afonso, Souto Moura ou Sebastião Salgado son só algúns dos moitos nomes que xa pasaron por esta peculiar galería onde se enforna a arte.

Relatos das
serras

Centro de Interpretación Ambiental. / Arquivo

Ademais, en Alfena atópase o Centro Cultural instalado nunha antiga escola primaria edificada nos anos vinte. Froito da colaboración entre Junta de Freguesia e a Câmara Municipal, en 2010 abriuse un pequeno espazo museolóxico que recrea unha aula do século pasado para a que se recuperou parte do propio material do establecemento de ensino que aviva a memoria de moitos maiores.

Na imaxe grande: Museo  da Lousa. De arriba abaixo: Museo Municipal; Centro de Interpretación Ambiental; sala do Museo de Alfena; galería do Foro Cultural de Ermisende |  FOTOS:  ARQUIVO

Sala do Museo de Alfena. / Arquivo

Non é posible marchar de Valongo sen visitar as Serras de Santa Justa e Pías – declaradas Paisaxe Protexida-. Ás portas da montaña, o Centro de Interpretação Ambiental (CIA) constitúe o punto de partida para sabelo todo desta serra singular. O espazo promove a divulgación e conservación do patrimonio serrano a través de paneis informativos, fotos de fauna e flora, exposicións de fósiles e maquetas interpretativas. O Município organiza visitas guiadas ás Serras de Valongo.

Couce, as cores das pedras

Na marxe dereita do río Ferreira e a só catro quilómetros de Valongo está a localidade de Couce, pequena poboación rural chea de encanto e tradición, catalogada como Aldeia de Portugal. Situada entre as serras de Santa Justa e Pías, as súas casas feitas de pedra antiga exhiben o máis típico da xenuína ruralidade portuguesa e os seus camiños -tamén empedrados- convidan a paseos tranquilos que permiten identificar as marcas do pasado deixadas nas construcións levantadas con bloques de lousa e xisto.

Paredes e muros irregulares chaman a atención pola súa configuración particular, resultado do aproveitamento de materiais postos tal como se recollían da natureza, sen tratamento previo. Entre casas e camiños ábrense palleiros e eiras onde se debullaba o millo e se contaban as novidades do día a día. Hai outras obras en Couce que falan do seu vello pasado, como a ponte romana que aínda conserva.

Antes xa as serras de Santa Justa e Pías estarían habitadas, como indican os restos de tres poboados identificados no Parque Paleozoico de Valongo. Son o Castro de Pias, o Alto do Castro e o propio Castro de Couce, un triplo conxunto que demostra, por unha banda, a existencia de asentamentos primitivos no territorio e, por outra, como os romanos souberon apreciar as vantaxes da zona para establecerse alí e explotar os minerais do subsolo.

Suscríbete para seguir leyendo