Arte: exposicións

Como un Conto de inverno

A fotografía de Nacho Alonso en SVT-Sirvent

O espazo de arte SVT-Sirvent continúa coa súa rigorosa programación expositiva presentando na seu local de Vigo (Gran Vía, 129) unha mostra de Nacho Alonso (Vigo, 1975), unha mostra que permite contemplar obras realizadas ao longo dos últimos anos en Vigo e noutras cidades de diferentes países (Uruguai, Brasil, Marrocos, Francia, Holanda...), trátase de 15 fotografías, case todas en branco e negro. O fotógrafo vigués basea o seu traballo na utilización do soporte fotográfico como medio para as súas pescudas a respecto da condición humana e do contexto material e vital da nosa contemporaneidade desde a experiencia persoal, un mundo presidido polos espazos en sombra, as paraxes desoladas ou os retratos onde o retratado fica ausente.

Con este tipo de traballos Nacho Alonso constrúe discursos visuais intensamente experienciais e entende a actividade creativa ligada a unha forte dualidade, marcada pola tensión entre as vivencias e o seu contacto co contexto, en xeral extremadamente tenso, incidindo no estatuto inestábel de toda imaxe. Para ese propósito o artista segue estratexias de produción artística baseadas na fotografía analóxica de extrema calidade, revelada e positivada por el. Entende o uso deste tipo de imaxes como unha práctica que aposta pola análise do impacto subxectivo. Na obra de Nacho Alonso a expresión do efecto da problemática ligada á condición humana e ao seu contexto é froito dunha actitude vivencial en que o importante é patentizar a ambigüidade, lonxe de verdades absolutas, diseccionando os mecanismos de actúan sobre a nosa sociedade. Ese posicionamento faise inserindo diferentes xogos de relación, abrollando a imaxe desde un fondo de sombras.

O traballo de Nacho Alonso parte, pois, no esencial dunha dialéctica entre o espazo, obxecto e a imaxe, complementándose cunha importancia relevante dada ao esencial carácter fantasmagórico da imaxe -un aspecto que se presenta na fotografía desde a súa orixe-, ben representado neste Cuento de invierno con ese fluxo entre o interior -en que está en cuestión a mensaxe e a compoñente emocional- e exterior -en que se subliña o que está exposto ao público-. O resultado tamén ten unha forte carga esteticista, lembremos que desde Plinio temos testemuño da singular atracción que a desolación provoca nos seres humanos, esa especial sedución que a contemplación da traxedia instaura como algo que nos lembra e transporta a ámbitos abisais da nosa condición. Unha concepción que foi elevada no século XVIII, coa estética do sublime, a elemento conformador da contemplación e da elaboración artística.

  • Título: Cuento de invierno.
  • Artista: Nacho Alonso.
  • Comisariado: Ángel Cerviño.
  • Local: SVT-Sirvent, Gran Vía, 129, Vigo.
  • Desde o 11 de abril

O lado escuro do universo urbano

Este elo coa tradición da historia da arte -con boas doses de esteticismo convulso- está presente nas obras que presentan as periferias urbanas. A frialdade e o universo desolado dos espazos marxinais toma forma en captacións que mostran, en principio, escenas ateigadas de tristeza, acenos de desolación e angustia. Resulta moi interesante comprobar como o artista reelabora o temas de longuísima tradición artística e como novamente o aparentemente máis gastado pode seguir a ser actuante e manter toda a capacidade de comunicación.

Daquela, o traballo de Nacho Alonso desenvólvese no ámbito da imaxe, seguindo estratexias que teñen na observación, na ambigüidade, na tensión e na captación do lado escuro da existencia os seus alicerces formais máis evidentes, aspecto que se pode enxergar claramente na mostra de SVT-SIRVENT. De feito traballos como os presentes evidencian as posibilidades de asociacións mentais que van desde o emocional e poético até o potencialmente narrativo, tendo como fío condutor a imaxe visual. É dicir, estamos perante unha concepción que entende a obra como discurso e como rexistro emocional, nunha estrutura envolvente que articula todo o proxecto expositivo.

As fotografías de Nacho Alonso teñen moito tamén de escenografías con eses espazos desolados ou dunha nítida evocación romántica, que está no propio título da exposición. En conxunto configuran unha construción visual que, sen referencias, nin metafísicas nin filosóficas directas, fai densa e palpábel a condición dolorosa do home; todos podemos morar na vixilia deses espazos en que abrocha o escintilar dun aceno ou vérmonos reflectidos en pantallas deformantes que espellan faces angustiadas, tamén a nosa. Cómpre lembrar que, obviamente, o fotógrafo non persegue o exceso, senón que tende á ambigüidade, que todo o tratamento formal das fotografías delata, porque ten unha vontade inalterábel de perfección.

O artista conduce o espectador con calculada estratexia por unha espacialidade ambigua que obriga o espectador á reflexión. Unha reflexión na cal percibimos que algo sempre se nos escapa e acaba por fundamentar a soidade do ser humano: a nosa soidade como espectadores.

Suscríbete para seguir leyendo