Entrevista | Pepe Cunha Xornalista musical

“O ‘efecto Tanxugueiras’ xa funcionou e estáse a notar”

Pepe Cunha é o director de Ábrete de Orellas, que naceu como programa musical en Radio Kaos e foi crecendo con atención á variedade musical. Ao desaparecer Radio Kaos, en 2003, o programa pasou a ser difundido por Internet, e ampliou a súa zona de influencia a toda Galicia, coincidindo coa chegada de Internet e mais a creación dun portal on-line

Pepe Cunha, nas ondas.     | FOTO: KIKO  DELGADO

Pepe Cunha, nas ondas. | FOTO: KIKO DELGADO / Lourdes Varela

En 2005, o Colectivo Opaíí-Rádio FilispiM, do cal Pepe Cunha é membro fundador, comezou a operar na comarca de Trasancos, onde Ábrete de orellas regresou en outono de 2014. A versión radiofónica do programa soa nas emisoras da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias (CUAC FM; Rádio FilispiM, Radio Roncudo, Radio Neira, Piratona ...), nas radios municipais de Redondela e Negreira e no podcast de Pontevedra Viva, ademais de estar dispoñíbel en Agora.gal e Podgalego. En 2016 e 2018 recibiu os Premios Martín Codax da Música na categoría de Espazo de Comunicación Musical.

–Ábrete de Orellas é moito máis que un programa de radio, ata podería dicirse que é un soño feito realidade. Como naceu este proxecto e que vén ser AdO (para aqueles/as que aínda o descoñezan)?

–Ábrete de Orellas naceu coa única pretensión de compartir cancións nunha radio universitaria, e foi crecendo. Desde hai unha década, si pode entenderse como un soño isto de ser dos poucos lugares onde as músicas que acontecen na Galiza son protagonistas. Ábrete de Orellas Do é un proxecto de divulgación de música gravada e concertos no país.

A principios do mes pasado celebrábanse as 500 primeiras emisións de radio. Pensaba chegar tan lonxe cando iniciou este proxecto?

–A verdade é q ue cando comezamos non había un destino, un obxectivo a longo prazo. Conto 500 programas desde o regreso ás ondas hai dez anos, así que antes houbo algúns centos máis. A etapa actual si que amosa unha identidade consolidada, unha estrutura, uns contidos. Se a intención era compartir un dos meus hobbies con coidado, agarimo, curiosidade, atención … así sigo.

–En 1997, cando comezaron as emisións, a música galega aínda vivía o “boom” do Novo Folk Galego, con Carlos Núñez, Budiño, Berrogüetto…Calquera tempo pasado foi mellor?

–Nin mellor, nin peor, sempre diferente. Galiza era moi visíbel nesa tendencia e hoxe consómense máis estilos na lingua propia. Porén, para min aquel momento foi decisivo, cos selos DoFol ou Resistencia enviándome discos para difundilos. Os Cempés, Berrogüetto, Mercedes Peón, Leilía … movéronme dunha querencia pop-roqueira que non perdo e fixéronme un ouvinte máis feliz.

No seu proxecto defende Vde. unha música sen fronteiras, dálle espazo e tempo a todos os estilos musicais. Iso, hai anos, non lle gustaba a certo sector do público, que se amarraba a determinados estilos musicais e de aí non saía. Cre que o público de agora é moito máis aberto ou aínda seguen vixentes os “sectarismos”?

–Non é doado xeralizar sobre o público, porque sempre houbo desde mentes conformistas até orellas moi abertas. Si que agora os prexuízos rachan con máis facilidade grazas a un acceso inmenso ao que se publica. Porén, as recomendacións dos algoritmos axudan a consumir propostas semellantes ás que xa escoitas. Xa que logo, dende a miña trincheira propoño, dou un par de datos e o ouvinte xa procurará máis info na Internet.

Cando Tanxugueiras se presentou ás eliminatorias de Eurovisión, houbo xente que as criticou, pero a maioría aplaudíunas. Aposta Vde. por un duradeiro “efecto Tanxugueiras” na música galega?

–O efecto xa funcionou. Elas fixéronse un oco sen renunciar a seren elas mesmas; levaron o galego e os sons tradicionais ao foco de atención, á mestura, a un público masivo e até entón alleo. Favoreceron a receptividade a novas propostas (Fillas de Cassandra, Mondra, Lontreira …) e non deixan de reivindicaren artistas que abriron camiño como Leilía, Guadi Galego, Sés … É moi moi valioso o que fan. O tradicional vivo é tan cool ou máis do que se vende como moderno.

A chegada de Internet revolucionou a industria musical. En principio, semellaba que con Internet a música galega, ou made in Galicia, podía así chegar a todas as partes do mundo, pero iso continúa a ser moi difícil. Que balance fai do impacto de Internet na difusión da música galega?

–A Internet facilitou acceso a todo o que se comparte, así que o impacto está a ser impresionante. Antes non quedaba outra que sermos moi militantes e activos para coñecer músicas do país porque se agardamosque a Radiotelevisión de Galicia e os medios subvencionados fagan o seu traballo… Festivais como Revenidas ou as Carrilanas de Esteiro, onde o galego si é protagonista, teñen unha acollida impensábel hai unha década.

–Os músicos galegos quéixanse, e con razón, de que teñen moi difícil vivir profesionalmente da música. Qué habería que facer para potenciar a divulgación da música galega ou, se quere, a música que se fai dende Galicia?

–Primeiro, esixir que a CRTVG cumprise co que se debe agardar dela: difundir a produción dos nosos artistas, amosar a cantidade e diversidade de músicas que se crean no país. Iso é chave para mudar as cousas, pois axudaría a crear demanda e interese tanto nos medios como no público. E segundo, apostarmos polo noso desde as institucións e promotoras que reciben cartos.

–Sería partidario de que, por exemplo, en calquera programa de concertos das festas que se celebran en vilas e cidades de Galicia houbera unha cuota que obrigase a programar música feita en Galicia?

–Se hai diñeiro público, sen dúbida. Non comparto que os cartos de todos non se destinen a apoiar quen máis o necesita e corrixir situacións inxustas. E inxusto é contarmos con tanto talento e non lle dar un mínimo de visibilidade. Unha sociedade con máis acceso á diversidade cultural será máis rica e crítica.

Chegadas estas (máis de) 500 emisións e asentado como referencia musical, como ve o futuro de Ábrete de Orellas? Cales son os próximos proxectos do programa?

–Consolidar este punto de encontro, ofrecer un programa digno, diverso e, se cadra, aínda máis atento a quen merece maior visibilidade. Sempre dende o meu gusto, ou falta del, que para iso é un programa de autor, non subvencionado e sen afán de lucro. Asumo que non se pode gustar a todo o mundo, así que cómpre ter unha liña propia e independente.

Suscríbete para seguir leyendo