Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"Picasso branco no recordo azul"Víctor Echave

24

Un rapaz chamado Pablo

Picasso e nós

O 8 de abril de 1973 faleceu Pablo Picasso. O deceso tivo lugar en Mougins (Francia), nunha casa alzada sobre a Costa Azul, de nome “Notre Dame de Vie.” Aquela derradeira pincelada era xa o relente do seu tempo na efervescencia cultural do París de comezos de século. Porén, antes de que as súas Señoritas de Avignon (1907) marcasen o inicio do cubismo en “La Ville Lumière”, un cativo dunha creatividade inquieta despedíase da súa Málaga natal para chegar ás mareas doutra cidade, situada no norte peninsular: A Coruña.

Transcorría 1891, e aquel rapaz apenas contaba nove anos, mais xa se estaban a debuxar as primeiras liñas do que un día sería o Guernica. “Cada época na vida dun artista deixa trazos ao longo da súa traxectoria”, comenta Susana González, directora da Colección de Arte na Fundación María José Jove. Agora, no cincuenta aniversario da morte de Pablo Picasso, a cidade herculina revístese de lembranzas para conmemorar o paso daquela mocidade polas súas rúas. Ten lugar, entón, no marco do Ano Picasso, declarado polos gobernos de España e Francia, e que se estenderá ao longo de todo o 2023.

Así contó FARO la muerte de Picasso

A cidade, testemuña da súa primeira exposición nunha tenda de mobles da rúa Real, cando só tiña trece anos, acolle numerosas actividades para homenaxear o seu legado artístico. Deste xeito, na Fundación MJJ pódese ver a exposición Ruiz Picasso, A Coruña 1894 / París, 1922, que aborda o contexto social e cultural de ambas cidades no tempo en que o xenio cubista as viviu. Artellada en torno ás tres pezas presentes na colección (Viños do Ribeiro (1894), cerámica realizada na Coruña cando só tiña trece anos; Pera, vaso e limón (1922) e A modelo no estudio (1965)), a mostra deseña a relación de Picasso cos artistas cos que coincidiu naquel punto neurálxico das artes de vangarda: París. “O máis interesante”, sinala Susana, “é poder contextualizar o apoio que prestou Picasso durante o século XX aos artistas españois e como, a pesar de desenvolver a súa carreira fóra, mantivo sempre unha conexión con eles”. Atopamos así, xunto ás fotografías que ilustran unha Coruña xa esquecida, pezas de Ismael Gómez de la Serna e Óscar Domínguez; ou da fotógrafa surrealista francesa Dora Maar. “Precisamente, ela foi unha das mulleres que máis lle fixo tomar conciencia de certo activismo durante a Guerra Civil, e participou en todo o proceso de creación do Guernica”, conclúe.

Pola súa banda, o Museo de Belas Artes da Coruña presenta ata o 25 de xuño a exposición Picasso branco no recordo azul, debuxando o futuro, que reúne 120 obras procedentes doutras institucións e coleccións privadas, así como da propia familia do artista. A mostra analiza o carácter iniciático dos seus fundamentos estéticos no período coruñés e mais a pegada desta etapa que, malia a súa brevidade, é inseparable da súa produción posterior.

A familia Picasso residiu na Coruña ata 1895, no número 14 da rúa Paio Gómez, que o pasado 18 de decembro cumpriu vinte anos como Casa Museo Picasso. Así, arredor das celebracións polo cincuenta aniversario da súa morte, ten lugar tamén oProxecto Vinte, iniciativa da compañía teatral Os Náufragos e impulsada polo Concello da Coruña. Trátase dun “encontro artístico”, sinala Gustavo del Río, director do proxecto, que aínda terá lugar os días 8 e 9 de abril, coincidindo co aniversario da morte de Picasso, e o 20 de maio, Día Internacional dos Museos. A proposta consiste nunha intervención dos espazos máis importantes do artista na cidade a través das artes escénicas e a lembranza de aconteceres que marcarían o seu camiño, como a tráxica morte da súa irmá Conchita pola difteria. “A Coruña é unha gran descoñecida como cidade picassiana, pero tivo moita influencia na súa traxectoria porque estamos a falar da preadolescencia dun rapaz que, desde tan cedo, amosaba unha gran capacidade creativa e desenvolveu a súa condición de artista na cidade”, comenta Gustavo e engade: “A presenza do mar, a cor azul e branca que identifican á Coruña e inflúen na súa época azul, e mesmo a dor que tamén implica o lugar, todo iso forma parte da súa persoa”. As visitas dramatizadas permiten, ademais, achegarmos a unha das obras máis representativas de Picasso no seu período coruñés, A nena dos pés descalzos, conservada no Museo Picasso de París e da que o artista non se desprendeu ata a súa morte, hai xa cincuenta anos.

O deporte presente nos debuxos picassianos, realizados na Coruña.

A Coruña, mar de lembranzas

1891 – 1895: durante este breve e, ás veces esquecido período de tempo na súa vida, Pablo Picasso ideou uns xornais manuais titulados “Coruña” e “Azul e Branco”, que enchía de debuxos e textos a modo de crónica local de todo o que chamaba a súa atención. A inquieta curiosidade que o caracterizaba, levouno a descubrir a cidade e observala detidamente, fonte da súa inspiración.

E na Coruña, Pablo Picasso pintou por primeira vez ao óleo e formouse nas técnicas académicas baixo a influencia de profesores como Isidoro Brocos e Román Navarro. Retratou lugares emblemáticos como a Torre de Hércules e estudou no Instituto Eusebio da Guardia, onde seu pai impartía clases. Ás veces, pintaba na Praza de Pontevedra, lugar no que agora podemos ver unha estatua inspirada na pomba que o artista realizou en 1948 a raíz do Congreso Mundial da Paz en París. Esta representación foi sempre unha constante na súa traxectoria, símbolo persoal da iconografía picassiana que, desde os seus albores en Málaga, levou consigo.

O mesmo ano en que faleceu Conchita, a familia trasladouse a Barcelona. Xa quedaba algo menos para que as pinturas de Picasso comezaran a descompoñerse en múltiples facetas, abríndose a novas linguaxes plásticas e marcando o camiño cara á abstracción. Faltaba menos tamén para ver a influencia que en tantas xeracións de artistas tería aquel rapaz que, ás veces, pintaba na Praza de Pontevedra.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.