A casa das mirixas

Pauperización ficcional

A casa das mirixas

A casa das mirixas / Francisco Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas

Lionel Rexes (París, 1971) un dos dous únicos escritores galardoados en dúas convocatorias do Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey. En 2017 con A raíña das velutinas, e con A Montaña do poeta no pasado ano. Nado en París, reside en Alfoz do Castrodouro, desde onde ten impulsado algunha bitácora e organizado encontros de escritores en 2015 e 2016. Asemade, ten publicado textos e de refráns do Valadouro. O feito de residir no Alfoz de Castrodouro é unha circunstancia que probablemente o motivou a tirar do maxín a trama desta novela que tanxencialmente ten algunha relación co Poeta da Montaña, Antonio Noriega Varela, xa que, no Alfoz de Castrodouro, erguese unha antiga construción, alcumada na novela a “Casa das Mirixas.” Un feito real que lle serve de esteo para ficcionalizar a trama desta entrega.

Estamos, na miña estima, diante dunha novela costumista con pingas de intriga. Con efecto, Lionel Rexes retrata e descobre os costumes e tipos da rexión de Castrodouro. O día a día dos seus moradores, nun ambiente enrarecido, con moitos mozos que viven unha soidade amarga. Novela con moitos actantes, entre eles unha gata e un can. Mais con dous personaxes que son os piares da novela: a moza Melisa e a súa parella Saúl Fanoi, detido e condenado porque tivo que defenderse e feriu a un condenado por xihadismo. Melisa busca a casa das Mirixas, convertida en ruínas, pero que noutrora fora morada das industriais do segredo, da discreción e xeraran moitas lendas. Alí atopa a moto do seu mozo que ela quere rescatar, emporiso denúnciana por roubo os do museo dos tolos, e ninguén quere trato coa parella dun condenado.

A novela retrata o declive do rural, onde os mozos traballan para atoparlle un sentido a súa vida, e os anciáns esmorecen lembrando os mellores días das súas vidas. Un desenlace inesperado ponlle fin a esta novela na que Noriega Varela soamente está presente nun poema e en escasas referencias.

Na miña opinión, o autor perde, e non pouco, o norte desta historia con tantas anécdotas que pouco ou nada lle engaden á trama. Non lle nego, desde logo, dedicación ao oficio da letras a Lionel Rexes, mais non abonda con escribir. Cómpre facelo sen que triúnfe a pauperización ficcional. Non vale que se amoreen palabras e anécdotas. Se non hai verdadeira narratividade e unha boa historia que contar, non hai relato Xa que logo, o xurado que por unanimidade declarou gañadora do XXVIII Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey a esta novela, tiña outra opción: declarar o Premio deserto.

A MONTAÑA DO POETA (2022): Lionel Rexes, Vigo, Xerais, PVP. 16,62-

Suscríbete para seguir leyendo