Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Libros

Un eco cromático no límite do ar

Belezas plásticas

Aspecto da portada de "Os puntos de impacto".

Os puntos do impacto, de Álex Mene, foi recoñecido co XXIV Premio de Poesía do Concello de Carral, no ano 2021, e constitúe o primeiro libro de poesía do autor vigués que xa ten publicado outras obras de narración. O tempo e os efectos do seu transcurso son o motivo fundamental deste libro, que se desenvolve cun tratamento preciso da lingua poñendo en valor toda a súa polisemia. A través dunha estrutura tricéfala, a voz poética condúcenos por distintos estadios vitais e sensacións, mentres eses puntos do impacto son os propios poemas como marcas dos medos máis indescifrables, marcas dun existencialismo que nós mesmos xeramos. Cómpre destacar, non obstante, a beleza plástica que percorre todo o texto e que, seguramente, teña que ver coa formación artística do autor: “Acatando ordes que atravesan o tempo,/sen tatexo ningún,/incho o torso laminado de lousa/e afiánzome no pedestal de sílex”.

Na primeira parte, “Teoría do conflito”, exponse o escenario que transita a voz poética. Un universo que esmorece continuamente, que se deforma expresionista: “A luz confundíase/e rebotaba/enganada polas arestas do centeo/e no ar había grandes bocas feitas con grans de millo”. Unha sorte de labirinto ou unha arañeira distópica descrito con crueza e caracterizado por un eterno retorno; non se fala dunha destrución total, senón que sempre se volve construír sobre o que fora devastado, incidindo no ambiente asfixiante.

Xa na segunda parte, “As fisuras da estratexia”, concrétanse os puntos do impacto, os pasos propios polo transcorrer do tempo: “Irei pasando polas fases dunha estatua/até que o lento transcorrer mude o meu rostro céreo”. Por último, en “A travesía do corpo”, a voz poética aparece espida de vez, rendida, ante o irremediable. Desvélase a chegada a un novo momento vital ou quizais se produza unha fuxida espavorecida cara a adiante. É o ser humano fronte ao estrañamento: o mesmo lugar, o mesmo rostro, o mesmo corpo e tan distinto e tan alleo a si mesmo.

  • Os puntos do impacto

    Álex Mene
    Espiral Maior, A Coruña, 2022. PVP. 15 €

Compartir el artículo

stats