Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Patrimonio

Nos camiños da Inquisición

Por terras de Nogueira de Ramuín

Exterior de Santo Estevo. Eli Regueira

Na Ribeira Sacra ourensá, onde os cursos fluviais do Miño e do Sil conflúen para crearen magníficos espazos naturais, escóndense tamén vellos camiños cheos de historia e patrimonio. A natureza, nun estado case sacro como é o de Nogueira de Ramuín, convida a camiñar polo seu interior. Aínda que non pensarían o mesmo os reos condenados pola Inquisición que, desde Santo Estevo, debían subir ata o Chao da Forca, onde eran axustizados. O traxecto e as súas bifurcacións aglutinan mámoas, aldeas tradicionais, elementos etnográficos, mostras de arquitectura popular, vistas e fragas que o enchen de encanto, aínda que o seu nome sexa o de Camiño da Amargura. A asociación Móvete por Nogueira foi a encargada de recuperar e manter este roteiro, inaugurado en 2018 cheo de interese cultural e paisaxístico.A entidade, dedicada á recuperación patrimonial e histórica do municipio de Nogueira de Ramuín, ten sinalizados outros dous roteiros balizados: do Contrabando e Farricoque. Son camiños reais, transitados durante séculos e cun pasado de historias.

Imaxe do centro de Luíntra. Iñaki Osorio

O roteiro parte e acaba en Luíntra, a capital de Nogueira. Son dezasete quilómetros que se poden facer completos ou por tramos. Algúns deles coinciden cos xa “clásicos” do concello (Maquiño Largaño, Roteiro do Contrabando…), aínda que outros son inéditos. Un dos primeiros puntos de interese é a aldea de Baldomar, a medio quilómetro de Luíntra. As augas do pequeno regueiro que dan nome á aldea foron aproveitadas outrora para mover as rodas de sete muíños fariñeiros e unha central eléctrica. Son algunhas das moitas construcións significativas que aparecen no camiño, máxico entre o verde, o musgo e o rumor da fervenza. Atravesando fragas de carballos, castiñeiros e variedades propias de ribeira chégase ata a central eléctrica que daba luz a Luíntra e Baldomar. O enxeño estivo activo ata que entrou en servizo o encoro de Santo Estevo, en 1956.

A asociación Móvete por Nogueira recuperou o Camiño da Amargura e sinalizou outros dous, o do Contrabando e Farricoque

decoration

O mosteiro é un dos máis antigos de Galicia, atribuída a súa fundación a San Martín Dumiense. Ademais dos espazos abertos visitables do que hoxe é parador, paga a pena coñecer a igrexa parroquial, de nave románica e dous magníficos pórticos. Un souto de castiñeiros próximo ao cenobio permite coñecer o sistema de canalización que usaban os frades para captaren auga e guiala para o seu uso no mosteiro e para rega nos hortos. Moi preto están tamén varios muíños que moían o gran que daba sustento aos habitantes de Santo Estevo.

Exterior da igrexa do mosteiro de Santo Estevo. Eli Regueira

Deixando atrás o cenobio de orixe benedictina, un camiño tradicional envolvido pola fraga diríxese á aldea de Paradela, pero antes quedan numerosas visitas de interese na senda, como a bifurcación que sinala as mámoas de As Cabanas, un conxunto de sete enterramentos monumentais datados entre o 4500 e o 2000 antes de Cristo. Paradela é un balcón natural con excelentes vistas do río, do mosteiro e da aldea de Santo Estevo de Ribas de Sil.

Continuando o percorrido aparecen á vista os once metros de altura do Penedo Furado, unha afloración granítica natural que semella un menhir e que aparenta estar a vixiar o camiño. Parece un monumento megalítico pero non o é. Por iso lle chaman pseudomenhir. Na contorna hai outras pedras de formas caprichosas que convidan a unha parada para contemplalas, como os penedos de Rufino ou o Penedo de Trigo, de forma esférica.

Lugar de Espartedo. Archivo

Outra visita posible no traxecto é a aldea de Biduedo, lugar con hórreos e casas tradicionais, vinculado o seu nome aos extensos bosques de bidueiros que poboaron os campos e montes noutros tempos.

No mosteiro xulgaban aos reos que subían despois en burro polo propio Camiño da Amargura, unha pendente que remata primeiro no alto da Cruz e despois ao Chao da Forca.

Aldeas con encanto

En Nogueira abundan os lugares que mostran o amplo pasado do concello, o seu emprazamento privilexiado e o enxeño dos seus habitantes na construción de casas e arquitectura tradicional. Un deles é Espartedo, na parroquia de Santa Cruz de Rubiacos, terra de nacemento do escritor Xosé Fernández Ferreiro e no cal pasou parte da súa nenez o famoso produtor cinematográfico Cesáreo González. Esta aldea conserva a esencia das típicas vilas e aldeas do rural galego. Destaca o empedrado da súa rúa principal e as súas vivendas antigas con balconadas e hórreos.

Outra pequena vila de singular beleza é Liñares, na parroquia de San Martiño de Nogueira. Cóntase que as carretas nas que os afiadores ambulantes transportaban os seus útiles de traballo comezaron a fabricarse cara á segunda metade do século XIX nun taller de carpintería deste lugar.

Do abundante románico existente no territorio quedan igrexas como a de San Cristovo de Armariz, que xa aparece nomeada en documentos do século XII. En Loña do Monte, situada a máis de novecentos metros de altitude, atópase a ermida do século XVIII consagrada á Virxe. Cada 15 de agosto celébrase unha gran romaría con procesión incluída, na que a imaxe percorre catro quilómetros ata devolvela á igrexa.

Compartir el artículo

stats