Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ciencias sociais

A través do Atlántico

Unha historia de terror: a escravitude (I)

Fotograma da película "12 anos de escravitude" (2013).

N’ "O secreto da acumulación orixinaria", un dos capítulos do Capital (1867), Marx escribiu que “o capital veu ao mundo pingando sangue e lama por todos os poros do seu corpo, dende os pés deica á cabeza”, sinalando que, entre outros tantos factores, como o espolio mineiro de América, a escravitude cumpriu un papel fundamental na xénese e desenvolvemento do capitalismo histórico a partir do 1502, ano no que se introduciu o primeiro escravo negro en América, aínda que polo xeral a historiografía occidental ten dado ás costas á historia da escravitude, agás algúns traballos.

Unha institución económica fundamental: a trata de persoas escravas: N’ A breve historia da escravitude (Kalandraka, 2020), James Walvin, un deses poucos historiadores que centraron a súa investigación na escravitude atlántica durante a xénese do capitalismo como un dos vértices do comercio triangular, ten sinalado que o secuestro de nativos do interior da África subsahariana, o seu traslado á costa para seren vendidos a escravistas europeos -principalmente portugueses e ingleses, pero tamén casteláns, franceses e holandeses-, o transporte en calidade de mercancía humana a través do Atlántico, a súa venda nos mercados escravistas das cidades portuarias do Atlántico -como Bristol e Nantes en Europa, e tamén A Coruña, e A Habana, Kingston, Curação ou Bahía nas costas americanas-, e o seu final traslado ás plantacións de tabaco, algodón e azucre, principalmente, foi “o medio que lle permitiu a Occidente erixirse nunha posición de dominio económico e político indiscutible”. Isto é: “A man de obra escrava africana, trasladada a América, foi imprescindible para a creación da riqueza occidental e a conseguinte relegación doutras rexións e pobos fronte ao poder global de Occidente”. Así, a primeira globalización mundial, a que sacou á Europa cristiá occidental da periferia do mundo islámico, a que fixo que a Europa occidental “adiantara” a China. e se convertese na nova potencia hexemónica no mundo só foi posible tomando pulo nas miserias da escravitude.

Grupo de escravos en Cuba, no século XIX.

O duro camiño cara á escravitude: A escravitude é unha institución económica que parte dun principio básico: a persoa escrava era, no momento da súa captura, unha persoa libre. Daquela, era necesario todo un proceso que convertese a unha persoa libre nunha persoa escrava dócil. O proceso comeza no interior da África subsahariana, en poboados nos que a maioría dos seus habitantes nunca miraran nin o mar nin a un home de orixe europea; alí eran secuestrados por outros nativos de orixe subsahariana para seren conducidos ao litoral africano, unha longa franxa de terra que ía dende Senegambia até Angola: os europeos nunca penetraban en terra firme, mantíñanse nas praias e as máis das veces nos mesmos barcos. Ao longo desa primeira travesía andando, facían o camiño encadeados e, ao chegaren á costa eran encerrados en miserables choupanas para seren escrutados polos cirurxiáns europeos, que rexeitaban aqueles que tivesen algunha doenza ou imperfección. Unha vez que pasaban a peneira eran de novo conducidos ás choupanas antes de ser levados aos barcos..., había que xuntar o número suficiente de persoas escravas para que a travesía fose rendible.

Os primeiros negreiros foron portugueses, xenoveses e flamengos e máis tarde entraron no negocio os ingleses, franceses e holandeses. Unha vez embarcadas, as persoas escravas permanecían encadeadas polo pescozo e os pés no sollado dos barcos, apenas subían á cuberta, só se o tempo o permitía; cando había trebóns, a mariñería non podía estar pendentes das persoas escravas. O medo á violencia por parte dos escravos -calcúlase que nun 10% dos barcos negreiros se produciron motíns-, era unha das razóns polas que se mantiñan os escravos permanentemente encadeados e pechados no sollado; había maltratos e violacións, aínda que evitando estragar a mercancía, porque esa era a razón da trata: que a mercancía chegase aos portos escravistas de América e Europa! Logo dun mes longo de travesía nunhas condicións infrahumanas chegaba de novo a revisión do cirurxián, a venda e un novo e longo traslado á plantación.

Nas orixes

A escravitude é unha institución económica documentada no antigo Exipto, así como na Grecia e Roma clásicas, que sobreviviu baixo o cristianismo e o islam. Neste sentido, antes da chegada de Colón a América existía un intenso mercado de escravos entre Castela e Portugal e o islam con destino ás plantacións azucreiras das illas atlánticas (Madeira...). Unha vez que Castela e Portugal iniciaron a conquista e colonización de América, o emprego de escravos estivo estreitamente asociado á construción das infraestruturas necesarias para ir avanzando na colonización, para o que se foron outorgando licenzas puntuais de transporte entre os anos 1501 e 1516, ano no se asina o primeiro asento de escravos entre Xoán II e Carlos I. A partir dese momento os escravos comezaron a ser empregados nos enxeños azucreiros e nas minas de prata -actividade que finalmente recaeu en man de obra indíxena por medio da “mita mineira”. No ano 1555 os ingleses entran no mercado transatlántico de escravos e no ano 1618 fundan a primeira compañía dedicada á trata; anos despois son os holandeses, quen fundan a súa propia compañía (1621) e, finalmente, os franceses, en 1673. Velaí queda constituído o comercio máis rendible dese momento e o que vai garantir a hexemonía europea e a dependencia africana e americana.

Compartir el artículo

stats