Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Diarios de artistas; fetiches de miróns

Páxinas do lado escuro

Matt Damon, Jude Law e Gwyneth Paltrow, en "O talento de Mr. Ripley" (1999).

Existe unha relación directa e proporcional entre o interese pola obra dun autor de recoñecido talento con esoutro respecto do seu diario persoal? Nestes días fálase da publicación dos diarios de Patricia Highsmith, e o certo é que nos gusta coñecer a intimidade das persoas famosas e escaravellar nas súas motivacións. Sobre os artistas hai certa constrición da súa intimidade, como se nos asistise un dereito excepcional que eles deben aceptar a cambio da fama. Será que a familiaridade proxecta esta excepcionalidade porque o familiar ten unha función de adaptación e esta explicación biolóxica tranquiliza, debuxando unha xustificación para as condutas pouco razoábeis. Pode tamén que o cerebro vincule o prestixio á adaptación xa que aprendemos por imitación e a popularidade pode converterse en indicador de éxito adaptativo. O renome non necesita apoiarse da forza, máis ben dunha política persuasiva, pero en todo caso, dáse voluntariamente.

Na actualidade, o nesgo é especialmente narcisista e a popularidade non se proxecta por motivos de excelencia profesional nin tampouco por motivos morais; de feito hai moita xente popular sen méritos sociais e de moralidade variábel, seguidos e utilizados para xustificaren as propias miserias.

A Patricia Highsmith interesábanlle as contradicións da moralidade. Neste sentido, confronta o lector con elas a través desa especial habilidade que tiña para xerar simpatías polos seus psicópatas. Nalgunha ocasión manifestou que a culpa era unha emoción que movía os seus relatos e podemos observala despregarse no interior da obra, cara ao observador e agora- reveladas as súas notas- cara a ela mesma. Din que era unha muller impulsiva, ruda, lacónica e solitaria. Tamén excesiva, especialmente co alcohol e o mal humor e pode que tamén coa súa culpa e pesimismo. Agora, coa nova publicación, tamén se conta que era antisemita, racista e homófoba e isto último, a pesar da súa declarada orientación homosexual.

Cos seus diarios, as observacións poden poñerse nun contexto máis amplo pero non necesariamente mellor porque estes escritos afondan nun risco cando se disolven os límites entre as emocións que moven a ficción e as motivacións da vida. Nesta liña, a escritora dicía: “Tal vez leve dentro de min un impulso criminal grave e reprimido, pois pola contra non me interesarían tanto os delincuentes ou non escribiría sobre eles tan a miúdo”. Palabras da autora que o que revelan é que se identificaba co ruído do seu pensamento, unha conduta moi humana, promotora de desaxustes emocionais e moito sufrimento pero non de realidade porque a maior parte do exercicio da consciencia nunca se materializa en feitos.

O interese de Highsmith polo escuro non resulta máis sorprendente que o que sentimos polas personalidades inexorábeis e embriagadoras da súa literatura: xentes manipuladoras, narcistas e psicópatas que constrúen a realidade sobre alburgadas. Pode que o máis inquietante se desprenda da habilidade coa que a autora trasladaba ao contexto de ficción o seu propio temor, porque o asasino parece proxectar a súa mentira no universo de posibilidades da vida cotiá, calquera pode transformarse en asasino ou en vítima e esta verdade asoma non só dende a literatura senón dende ese precipicio de luxurias, avaricias, paixóns e desexos inconfesabéis que hai dentro de todos nós.

Aínda que os seus diarios sexan colocados no centro do seu mundo, esperamos que sexa un movemento provisional. Os seus libros seguen resultando atractivos: fundamentalmente, pola capacidade para asomarse dende a vacuidade da vida ao mais abxecto da natureza humana. Ela, como creadora, profundizou na súa escuridade que é a mesma que a nosa, a mesma que é responsábel tamén desta inclinación escura de axexar sobre as vidas alleas. A súa literatura confronta o lector coa ambigüedade moral en toda a súa extensión, porque sentir atracción por un asasino implacábel é de certo a expresión máis perturbadora desta posibilidade.

Pero non cometeremos, con esta muller que fixo tanto traballo sucio por nós, o erro de colocar o seus diarios no centro de todo o demais; é dicir, como se ese centro definise o resto. Porque en realidade, ese centro que ocupan hoxe non é nada sen todo aqueloutro. En realidade, ese suposto centro é tan vulgar como o noso, aínda que ela atopou a forma de transcendelo.

Compartir el artículo

stats