Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O home de Orce 40 anos despois

Viaxe ao centro das orixes

Restos do “home de Orce”.

No ano 1982, no transcurso dunha expedición estival na que participaron alumnos e alumnas de dous institutos do Vallès, escavouse o xacemento de Venta Micena, sendo no transcurso desa escavación cando se descubriu o fragmento craneal VM-0, coñecido popularmente como “home de Orce” -aínda que realmente se trataba dun neno (ou nena), duns sete anos-. Malia que o descubrimento tivo lugar no ano 1982, a primeira publicación científica saíu do prelo en maio do ano 1983. Uns meses despois, unha vez rematado o proceso de limpeza da costra calcaria endocraneal que revelou a presenza dunha crista que naquel momento non se recoñecía como un trazo anatómico humano, o matrimonio Lumley cuestionou a humanidade do fragmento.

Humano, demasiado humano: No ano 1983 o noso coñecemento da anatomía endocraneal era o mesmo que a principios do século XX, cando se publicaron os manuais de anatomía de Testut (1899) e Sobotta (1904); iso motivou que os defensores do paradigma tradicional (Lumley...) aproveittasen para tiraren de enriba un fósil incómodo, na medida en que abría un enorme baleiro na cronoloxía do poboamento humano en Europa dun millón de anos. Era máis fácil borrar do mapa un fósil incómodo que revisar todo o vello paradigma e refacer un novo modelo dispersivo e evolutivo do xénero Homo!

Nos anos seguintes, nun ambiente científico hostil, José Gibert organizou un equipo que desenvolveu diferentes liñas de investigación orientadas a demostrar a humanidade do fragmento cranial (estudos de anatomía comparada, paleoinmunolóxicos, de xeometría fractal, de detección de oligoelementos que determinasen unha dieta non vexetariana...). Así mesmo, de xeito paralelo, o equipo de Gibert descubriu no mesmo xacemento de Venta Micena dous novos fragmentos óseos humanos: un úmero infantil e un úmero adulto; ademais, no xacemento de Barranco León-5 atopou un fragmento molar humano dun neno de dez anos de idade (ao que se engadiu logo un segundo molar descuberto por outro equipo a poucos metros).

Vista xeral do xacemento de Orce (Granada).

Ademais, nos diferentes xacementos da rexión de Orce (Venta Micena, Barranco León-5, Fuente Nueva-3, Barranco del Paso...), descubríronse numerosas evidencias de acción antrópica. Velaí están, entre outras, as seguintes manifestación da presenza humana en Orce: a industria lítica recuperada na rexión de Orce, fundamentalmente nos sitios de Fuente Nueva-3 e Barranco León-5); as marcas de descarnación e as roturas intencionadas de osos e cranios, que apuntan a un modo moi concreto de obtención do alimento baseado na obtención de prea en directa competencia coas hienas e voitres. De feito, os restos humanos conservados mostran que os humanos eran habitualmente cazados por grandes carnívoros e -unha vez abandonados-, descuartizados en busca de alimento por outros mamíferos preeiros (hienas...).

Finalmente, os traballos xeocronolóxicos realizados na rexión de Orce lograron definir dúas cuestións fundamentais: as idades, que sitúan os xacementos de Orce nun rango de idade que oscila entre 1,35 M.a. (Barranco del Paso) e 1,2 M.a. (Fuente Nueva-3), e o paleoambiente, que era moi semellante ao da sabana actual nunha contorna de beira de lago.

Cara a un novo paradigma: No ano 1983 cando se publica o descubrimento, o “discurso” habitual en Europa para explicar a presenza humana en Eurasia defendía que o xénero Homo se formara en África hai 1,8 M.a. e que tempo despois o Homo erectus “conquistara” ou “colonizara” (eis os termos empregados), Europa hai 0,5 M.a. pola ruta mediterráneo levantina.Nese contexto, Gibert propuxo un modelo alternativo que xiraba en torno a dúas teses principais: primeira, dispersión e diversificación (ou especiación) hominina van da man, quedando demostrado que en varios momentos coexistiron varios tipos humanos intelixentes con diferentes estratexias de subsistencia, tanto dentro de África como fóra, en Eurasia; segunda, os fundamentos biolóxicos da nosa actividade psíquica (linguaxe, pensamento...) explican o xurdimento da cultura por medio da selección natural.

Razóns de sobra para considerar a Gibert un renovador da ciencia e un científico excepcional.

O paleantropólogo José Gilbert (1941-2007).

José Gibert: un científico excepcional

Coñecín a Gibert o 17 de maio de 1984, cando aínda era estudante de 3BUP no IES Santa Irene de Vigo, dende onde me trasladei a Madrid, onde ía pronunciar unha conferencia, na que intuín algo que puiden corroborar ao longo dos anos que estiven ao seu carón, exactamente ata o día da súa morte no ano 2007.

En Gibert atopei un científico excepcional, de quen quero salientar catro cualidades fundamentais: a integridade fronte á adversidade; o rigor científico e a súa aposta pola innovación metodolóxica de calidade; a xenerosidade, que o levou a ser un mestre sempre disposto a compartir o seu coñecemento e o seu saber na formación de investigadores e na publicación de artigos e outras obras científicas; e a honestidade intelectual e científica, que o levou a ser un renovador da ciencia, a abrir novos camiños na forma de facer ciencia e a construír un novo paradigma científico, que é o que está vixente na actualidade.

Así mesmo, Gibert, foi un home de profundas conviccións éticas e políticas que proxectou no seu traballo científico; neste sentido, foi un gran defensor da democratización da ciencia, polo que procurou incorporar mulleres nos equipos de investigación, fomentar a organización matricial de equipos autónomos ou fomentar a divulgación e a difusión das ideas científicas.

Compartir el artículo

stats