Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Atacar a arte

Os vándalos no museo

Visitantes diante da Gioconda logo do ataque ao cadro

Estampar un pastel no cristal que protexe A Gioconda resulta, en principio, unha boa estratexia para saír nos periódicos; non está tan claro que tamén o sexa para transmitir unha idea. Poderíamos facer unha enquisa para saber se a xente coñece o motivo da infracción: trátasase de chamar a atención sobre o cambio climático ou denunciar a falta de accesibilidade do museo para os discapacitados? Hai moitos argumentos cos que os agresores xustifican estas tolerías, pero independentemente da súa natureza ideolóxica, social ou reivindicativa, non parece que estas accións sexan moi efectivas. Tampouco os perpetradores parecen preocupadas polo balance desta análise, xa que cuestionar, reflexionar ou transcender os estados de submisión e dependencia aos que as persoas nos sometemos con maior enerxía ante as paixóns que ante os xuízos racionais, non é nin será un obxectivo destes individuos.

Un visitante ataca a la Gioconda con una tarta en el Museo del Louvre

Un visitante ataca a la Gioconda con una tarta en el Museo del Louvre Vídeo: Agencia ATLAS

Mais non só de pasteis se materializan as agresións á arte. No caso de A Gioconda houbo pedras, pintura vermella, unha cunca... Así, o cadro de Leonardo gañou a categoría de vítima por excelencia, unha condición que esvaece o seu auténtico mérito para ser célebre, moi a pesar da opinión do seu creador, que non sentía un especial agarimo pola dama. Será que a fama é caprichosa e non sabe de auténticas virtudes, máis ben é experta na arbitrariedade. E A Gioconda, polo demais, non vén ser a única obra de Leonardo branco destes tratos, velaí o caso de A Virxe, o Neno e Santa Ana. Este debuxo, recibiu unha pegada de pintura. Nunha segunda ocasión, un empregado do museo, cunha inspiración sofisticada, despachouse cun par de tiros, uns fogonazos nunha disposición estupenda contra o ameazador debuxo.

Pero as feridas que de veras parecen especialmente dolorosas son as feitas con auténticas ferramentas manuais, como é o caso dos martelos. É lóxico que este arranque de brutalidade máxima estea relacionada coa natureza da obra. Aquí temos o caso de A piedade de Buonarroti. A escultura, perdeu unha orella e o nariz. Con todo, a martelada favorita deste catálogo é a dirixida cara A fonte de Duchamp, Neste caso, o protagonista foi un artista contemporáneo que reivindicou a acción como unha performance. O seu era denunciar a forma en que unha obra radical se institucionalizou. Xa postos a destruír obras que no seu momento foron produto de pura rebeldía contra o sistema. deberíamos facernos cun exército martelador polo mundo museístico.

Deste xeito, en 2021 o Busto dunha muller de Picasso foi resgado por un home atormentado por algunha visión catastrófica. En 2014 a Venus fronte ao espello de Velázquez, a pesar da exquisita elegancia da súa factura, non inspirou na atacante unha acción de igual envergadura xa que foi acoitelala sete veces cun vulgar trebello de carniceiro. Da súa parte, o agresor de A liberdade guiando o pobo, de Delacroix, tiña o obxectivo de denunciar os ataques das Torres Xemelgas, polo que realizou unha pintada sobre a obra. Non houbo moita paixón no acto; o autor do mesmo esforzouse por estragar o xusto e emprazou a pintada no extremo inferior da tea. Non sabemos moi ben como interpretar esta carencia de auténtico espírito vandálico, será acaso que este novo bárbaro tivo, simplemente, un mal día.

A ronda nocturna de Rembradt non ten nada que envexarlle á Gioconda porque tamén foi agredida en numerosas ocasións. A primeira foi un ataque de complexa cualificación. Pode que a palabra “ignorancia” explique a peculiar decisión dos funcionarios do concello de Amsterdam que recortaron a tea para adaptala ao tamaño dunha parede. Logo da acción destes auténticos túzaros, a pintura foi vítima de agresións mais tradicionais con coitelos e tamén con ácido.

Buda de Bamian destruído (2001)

Buda de Bamian destruído (2001)

Mais, por que a arte esperta estas reaccións paixonais? Pola súa natureza simbólica case relixiosa? Tal vez porque a arte está máis preto da irracionalidade que da razón, e a obediencia relixiosa sempre esperta máis irracionalidade que a civil? Mais pensar que as accións individuais destes suxeitos son auténticos ataques á arte é como interpretar que as accións individuais son as verdadeiras causas da crise económica ou climática. Os verdadeiros ataques á arte están perpetrados sobre o patrimonio cultural de poboacións como consecuencia de conflitos armados nos que a cultura é motivo de estragos por destrución ou roubo e os responsábeis son os estados que, curiosamente, foron creados para vixiaren e castigaren as perversas tendencias belicosas e antisolidarias por parte do animal humano. Por certo, é curioso que con tanto ditador, tirano e asasino retratado na historia, as agresións deveñan maioritariamente sobre representacións de mulleres; coido que cómpre pensarmos o motivo.

Compartir el artículo

stats