Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Simbolismo e desenfado

Propiciar a reflexión

Detalle da portada.

A décima edición do Premio Meiga Moira de literatura Infantil e Xuvenil convocado por Baía Edicións recaeu en Donas de Nós de Ánxela Gracián, obra de teatro en tres actos nos que a escritora, tradutora, crítica literaria e editora escolle o teatro como xénero capaz de transmitir de forma plástica e verbal unha mensaxe cargada de simbolismo, historia e desenfado a un público mozo que dende os primeiros diálogos identifica os tipos retratados.

Personaxes como Merlín, mítico conselleiro do rei Arturo coñecedor do presente, pasado e do futuro e Morgana, fada que aquí adoita forma de muller fermosa e libre que é quen de modificar vontades, serven de marco para ambientar a historia, divertida e cun trasfondo irónico, nunha época na que reis, raíñas, príncipes, princesas, criados e pobres convivían, por suposto, en desemellante consideración social e que a autora se encarga de desbaratar opóndose o que é preceptivo, o que esixen os convencionalismos da época e o que se agarda que cumpran nobres e plebeos.

Nun exercicio de metaliteratura fan a súa aparición unha xograresa, Mendiña, que fai da arte do leixaprén o seu modo de vida, uns reis franceses amantes da música provenzal que pretenden impoñer na corte galega a cançó e uns monarcas do norte chocalleiros que ridiculizan e actualizan o casamento do seu fillo.

Ao final triunfa a cordura que desbota a discriminación da muller, que non acepta a imposición gratuita de normas absurdas, que aposta polo exercicio da liberdade e que detén a súa ollada no talento e no talante das persoas e é precisamente isto o que non lle falta á antagonista porque o protagonista será o Príncipe Azul, definido pola súa creadora como paifoco, vaidoso e fanfurriñeiro, que se mostra como tal causando certa animadversión entre o público e propiciando a reflexión.

Portada do libro.

DONAS DE NÓS (2022): Ánxela Gracían, A Coruña, Baía, PVP. 9,10€

Compartir el artículo

stats