Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O pailebote Constantino Candeira, no que navegou Manuel Antonio.

Cen anosMáis alá!

No ronsel de Manuel Antonio

“Agora cómprevos dicir, mozos da nosa Terra, se pensades seguir indo costa abaixo polo tempo ou encarados co porvir. Se queredes libertarvos do xerme da vellez e da morte. Se queredes adornarvos da vosa mocidade ou seguir sacrificándoa no altar de Mitos e Fracasos. Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos pasos e afrontar nela unha peregrinaxe sen chegada, porque en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: Máis alá!”.

Así remataba un dos documentos literarios máis transcendentes da Historia da Literatura Galega: o manifesto "Máis alá!", animado polo poeta rebelde Manuel Antonio e o transgresor artista plástico Álvaro Cebreiro, dous mozos que representaban o máis prometedor da vangarda galega e que publicaron este seu manifesto hai agora exactamente cen anos. E moito choveu, de certo, dende aquel San Xoán de 1922 en que apareceu "Máis alá!" ata hoxe. Pero o esencial do espírito estético e ético que encerraban aquelas páxinas contestatarias resiste un século despois. E iso que hai unha centuria foi recibido con indiferenza por uns e con displicencia por outros, pois o rupturismo radical, a revolución conceptual e o vangardismo innato que defendía resultaban inasumibles para o epigonismo literario no que se deixaban ir entón os nosos patrucios.

En efecto: para a vella garda literaria dos Uxío Carré Aldao, Manuel Lugrís Freire e demais o manifesto era pouco menos que un sacrilexio, pois cargaba contra os sacrosantos nomes da tradición e non era de recibo polas burlas que deitaba sobre a intelligentsia dos vedraios da Cova Céltica, gardadores das esencias inveteradas. Pola súa banda, para as xentes de Nós supuña unha deriva estética perigosa, pois desancoraba a escrita galega da tradición e non encaixaba cos modelos que Vicente Risco e Eugenio Montes propugnaban para a literatura galega de novo selo, unha “estética da muiñeira” que non empastaba co cubismo, co creacionismo e co surrealismo que andaban a aggiornar polos nosos lares Manuel Antonio e Cebreiro.Así as cousas, "Máis alá!" viuse prexudicado polas leas de faccións que se estaban a vivir dentro do nacionalismo das Irmandades da Fala e o seu efecto como revulsivo que chamaba á “rebeldía dos mozos galegos” para conseguir a liberdade creativa absoluta e a superación das fórmulas caducas e acríticas ficou inicialmente mitigado.

"Máis alá!" denunciaba as estéticas conservadoras e desfasadas “dos vellos”, cheas de “ruralismo”

Secasí, a forza incontible do seu urro libertario, a modernidade da proposta e o que esta tiña de renovadora e vangardista acabou co tempo transformándoa nunha bandeira e a un dos seus principais artífices, Manuel Antonio, nun poeta de culto, sobre todo logo da súa morte temperá.

Porque "Máis alá!" denunciaba as estéticas conservadoras e desfasadas “dos vellos”, cheas de “ruralismo”; cargaba contra o perigo da obsolescencia das formas artísticas en mans de tales “devanceiros”; criticaba durisimamente o epigonalismo imitativo dos nosos escritores respecto das literaturas foráneas e, sobre todo, defendía con ardor o emprego monolingüe do galego.

Como era de esperar, tan combativas posicións supuxeron un sismo no acomodado e inercial sistema literario de comezos dos anos vinte, que tardou en procesar o que aquela mensaxe tiña de epifánica e de prognose de futuro. Secasí, a semente da espiral anovadora ía ser imparable e, devagar, o sistema literario metamorfoseou ata o punto de que entre finais dos anos vinte e primeiros anos trinta desatouse toda unha vertixe renovadora que deu nas obras maiores de Luís Amado Carballo, Fermín Bouza Brey, Álvaro Cunqueiro, Manuel Luís Acuña e, xaora, o indomable e libérrimo Manuel Antonio.

1922. Cen anos. Un século de xeracións literarias que foron sucedéndose e que, unha e outra vez, recoñeceron o maxisterio de "Máis alá!", a escola de independencia creativa que este fundou, a lección irrenunciable de compromiso co presente e co futuro, fuxindo sempre da reiteración esclerótica do pasado.

Velaí a razón de que neste 2022 cumpra reivindicar, outravolta, o regreso á lectura de "Máis alá!", como teñen feito ao longo dos últimos anos estudosos manuelantonianos como Xosé Luís Axeitos, Xosé Ricardo Losada, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Xosé Ramón Pena, entre outros.

Manifesto facsimilado

Coincidindo co centenario da súa aparición, a Editorial Embora acaba de reeditar o manifesto "Máis alá!" reproducindo facsimilarmente a plaquette que o contiña, que acompaña dun amplo estudo introdutorio asinado por Xosé María Dobarro, Xesús Torres Regueiro e Ernesto Vázquez Souza.

Nesta edición que agora se presenta os seus responsables dan boa conta do papel xogado na iniciativa por Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro; explican as diverxencias no nacionalismogalego da época que foron o contexto necesario para a súa aparición; relatan como foi a xestación do manifesto e tamén a difusión e espallamento; analizan a súa acollida e as respostas que provocou e aínda engaden, por remate, unha escolma de textos xurdidos arredor da súa saída, que inclúe escritos de Antón Villar Ponte, Vicente Risco, Leandro Carré, Xosé Lesta Meis, Euxenio Montes ou o propio Manuel Antonio, a maioría deles acidamente críticos respecto do manifesto, unha miopía que, por fortuna, o tempo se encargou de corrixir.

Nada máis acaído, pois, que a reedición de "Máis alá!", que nesta coidada publicación de Embora incorpora no estudo introdutorio e na contracuberta ben icónicas imaxes dalgúns dos persoeiros protagonistas daquela aventura literaria debuxadas por Cebreiro, entre as que non faltan as de Villar Ponte, Risco, Taibo, Castelao e, claro está, o seu irmán en ideais filosófico-estéticos Manuel Antonio.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.