Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Marcos Gendre Xornalista e crítico musical

“O máis importante é exportarmos as nosas propostas”

O xornalista e crítico musical Marcos Gendre. Alberto Prado

Xornalista e crítico musical, Marcos Gendre é o autor de Discoteca Atlántica (Galaxia), un volume no que vén seleccionar os, na súa estima, 100 discos galegos más significativos publicados entre 1970 e 2020.

–Decataríase de que un libro coma este dificilmente poderá repetirse, entre outras razóns, polos cambios de soporte da música, do analóxico ao dixital. Hai tamén algo de nostalxia cando comezou a traballar en Discoteca Atlántica?

–Non creo que os novos medios creen un problema debido aos cambios do analóxico ao dixital. Hai tempo que a existencia dun disco non depende de ter presenza física. Sobre a nostalxia que tiven cando escribín o libro, chegoume nalgúns casos moi concretos, como cos discos de Golpes Bajos. Porén, o que máis sentín foi a necesidade de reivindicar discos que pasaron desapercibidos no seu momento e que ben merecen unha segunda vida. Tal é o caso das obras de Apeiron, Thomas Dylan, Pilocha, Os Peregrinos ou Prozack, por citar algunhas.

–Cando ideou o libro, xa tiña pensado os discos que incluiría ou no proceso foi dar con álbums ou músicos que descoñecía?

–Cando empecei co libro, tiña sesenta moi claros. Os outros corenta foron moi difíciles de escoller. De feito, tiven que facer unha preselección con máis de 300 discos. Neste proceso de escolma xurdiron LPs como os de Ulo-bit ou Abraham Cupeiro, que eu descoñecía. Neste sentido, tamén foi unha experiencia moi enriquecedora para min á hora de abarcar unha panorámica máis ampla da música galega.

–Que hoxe en día hai máis e mellores músicos que nunca antes en Galicia é indiscutible pero, tamén os nosos músicos actuais son máis creativos?

–Para min, a clave é que agora teñen menos prexuízos para cantar pop en galego, para axitar o folclore coa música electrónica e cunha cuestión moi importante: polas novas ferramentas creativas, derivadas da evolución tecnolóxica, o número de propostas e discos multiplicouse nestes últimos anos. Isto significa que tamén hai propostas máis interesantes, pero tamén por pura matemática.

"Hai tempo que está asumido que a existencia dun disco non depende de ter presenza física"

decoration

–Como ocorre noutros ámbitos (coma o cine), en Galicia andamos sobrados de talento e materia prima, pero carecemos de industria, neste caso musical. Hai que conformarse ou é posible unha industria musical galega? Que habería que facer?

–Para empezar, non temos unha infraestrutura como a que teñen en Madrid ou en Cataluña. Aquí non hai unha revista de peso que apoie a música galega. A nivel de prensa, poderíase facer moito máis. Por riba de todas as outras que se poderían artellar,penso que o máis importante non é o que podemos facer aquí, senón fóra de Galicia. É dicir, exportar as nosas propostas con máis proxección, como LaMontagne & PicoAmperio, ao exterior, tal como fai Baiuca dende hai tempo. Se creamos un circuíto endogámico e pechado, todo este talento consumirase dentro das nosas fronteiras, por iso a axuda das institucións tamén é básica neste sentido.

–Simplificando: entre o pop, o folk e o jazz, en que xéneros musicais cre que os músicos galegos fixeron, ao longo deste últimos 50 anos, maiores e mellores aportacións á música popular?

–Para min, as achegas máis interesantes non veñen de estilos concretos, senón dun xeito que apela ao absurdo cando se trata de retorcer xéneros, a través dos que xorde unha idiosincrasia tipicamente galega, ben dende o post-punk de Os Resentidos ata o trap rural de Boyanka Kostova ou as distintas formas en que Mercedes Peón torce a tradición. Tamén habería que falar do hip hop melancólico de Thomas Dylan e mesmo do ambient-techno (que tan ben describe o Vigo industrial) desde as formas instrumentais de Prozack ou tamén do avant-garde de Xoán Anleo.

–Que explicación pode darlle, a estas alturas, ao éxito que tivo Andrés Dobarro?

–Isto foi algo sen precedentes. Alguén que conseguiu un número un co sinxelo “O tren” a comezos dos anos setenta, convérteo no protagonista da que, na miña opinión, é a maior fazaña conseguida por un artista galego. Iso e que os seus dous primeiros LP desprenden unha modernidade mesmo acorde cos grandes innovadores do pop e folk estadounidense dos anos setenta, como Tim Buckley.

–Tendo en conta que se impuxo o número de 100 discos, por que dalgúns escolleu dous,en vez de un, por músico para que puidesen entrar máis?

–Basicamente, porque non pode haber unha lista deste tipo que non fale profundamente sobre Chorando apréndese, de Emilio José ou Vigo capital Lisboa, de Os Resentidos, por poñer dous exemplos. Esta é unha cuestión na que pensei moito cando comecei co libro pero, finalmente, entendín que para armar un discurso que fose máis aló dunha simple lista, non tería sentido simplemente nomear determinados discos.

–No prólogo xa avisa Vde. que o criterio para esta escolla baséase en razón do seu gusto personal pero hai cousas que chaman a atención. Teño que confesarlle que se hai algo que me extraña, é que non figure ningún disco de Carlos Núñez. Cal vén ser o motivo?

–Sinceramente, dentro do folk neocelta xa hai varias propostas anteriores á súa sen as que, seguramente, Carlos Núñez nunca podería atopar a súa fórmula musical e que, na miña opinión, son moito máis ricas en matices e ambición, xa sexa Emilio Cao ou Fuxan Os Ventos, por exemplo. Neste sentido, outro dos puntos que valorei foi que na selección o carácter pioneiro fora un punto moi a ter en conta.

–E por que, en cambio, lle deu tanta importancia ao disco de música galega que fixo Kepa Junkera?

–Porque, máis aló das súas propias virtudes artísticas, trátase da visión que ten a figura máis importante do folclore vasco das raíces tradicionais de noso. Creo que é moi importante entender que para facer música “galega” tampouco fai falta ser de aquí. Por iso tamén incluín na lista unha artista francesa como MounQup, cuxo proxecto musical é máis galego no fondo que o 90 por cento dos discos feitos por xente aquí nacida.

–Volvendo ao principio: se tivera que apostar, sería posible facer un libro coma este dentro de 50 anos?

–A este paso, dentro de cincuenta anos, non valería cun libro de 100 discos. Habería que facer unha lista de 500, sempre entendendo que o formato LP vai ter cada vez máis variantes no futuro, incluso chegando á escoita interactiva.

Compartir el artículo

stats