Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Libros

Prosa de descubertas

Novela negra estremeira

Detalle da portada de "Non é de Taramundi".

Rosalía, a filla de Harry Evans e Maruxa, chega a Taramundi co propósito de saber algo máis sobre a morte de seu pai acontecida cinco meses antes. Faino percorrendo os mesmos pasos que levaban a Luís Manuel García Mañá, cando era pequeno, dende Lugo ata a casa do seu avó na localidade da Galicia estremeira. Así comeza Non é de Taramundi, unha obra que nace como unha débeda á memoria de seu pai, que era de aló, e tamén á vontade de novelar todo o territorio da raia asturiana, moi estudado a nivel ensaístico pero pouco presente no noso universo narrativo. E así, coa súa sétima novela sitúase como un escritor entre fronteiras, xa que dá conta na súa traxectoria das dúas raias, a portuguesa sobre a que ten escrito e estudado abondo este experto no Couto Mixto e agora tamén a asturiana.

A historia desenvólvese ao longo dos quince días que transcorren entre a chegada de Rosalía e a resolución do crime do seu pai. García Mañá lévanos en todo momento da man dunha protagonista que, a través da investigación do asasinato, nos vai conducir a tres descubertas, a da sororidade, a do mundo desa terra estremeira da montaña e a da vida dos anos 50 do pasado século.

Rosalía avanza por un mundo de homes para os que resulta un elemento exótico que esperta curiosidade e atracción. Pola contra, a súa relación coas mulleres vai ser outra ben diferente. Na novela establécese unha contraposición entre as dúas curmás que xa parte dende o primeiro saúdo seco entre elas. Dunha banda teremos a Rosalía, a profesora e tradutora de español vida de Londres, cunha boa economía e agnóstica; fronte a ela, Julia, ama de casa do rural sen fillos que vai á misa polo que poida dicir a veciñanza e temerosa de que a outra veña reclamar a súa parte da casa familiar. Mais segundo avanza o relato vanse establecendo paralelismos entre elas ata rematar nunha relación presidida pola sororidade.

Asemade, a protagonista móvese pola xeografía máis íntima da zona e podemos identificar os nomes dos lugares, os muíños de auga, a forxa... as distancias perfectamente descritas permítennos seguir os seus pasos hoxe no que se podería converter nun atractivo roteiro literario pola zona.

E, por último, descúbrenos a vida de mediados do século XX, a paisaxe social da aldea e da vila, a importancia dos mercados, o papel do tren que completa un ciclo económico e onde a súa aparición trouxera riqueza agora a súa desaparición ha traer pobreza.

García Mañá, dedicado durante décadas á policía onde chegou a ser Comisario Xefe e Xefe Superior de Policía, realiza un interesante exercicio de contención informativa de maneira que o texto resultante é unha novela negra estremeira que avanza de xeito fluído.

Agora que nos achegamos ao tempo de lecer, velaquí esta prosa de descubertas coa que enriquecer o noso verán.

  • GARCÍA MAÑÁ, L.M., Non é de Taramundi, Galaxia, Vigo, 2022, PVP.14,25€

Compartir el artículo

stats