Códice Luz Pozo Garza

No centenario da poeta

A poeta e ensaísta Luz Pozo Garza (Ribadeo,  1922-A Coruña, 2020),  de quen se está a celebrar o centenario do seu nacemento.

A poeta e ensaísta Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922-A Coruña, 2020), de quen se está a celebrar o centenario do seu nacemento. / Baúlde

Román Raña

Coñecín a Luz Pozo Garza no seu domicilio de Vigo cando Manuel Forcadela e eu lle fomos entregar os nosos escritos primeirizos para que os publicase na revista Nordés, que con tanto fervor e acerto dirixía (para cando a súa reedición?). Axiña nos ameigou o seu trato e a súa persoa. Acrecentaba o seu encanto escoitala falar dos máis variados temas, pois sempre os abordaba con entusiasmo e cunha dozura sen lindes. Era unha delicia ouvir as súas reflexións literarias onde convocaba a Li Bai, o budismo zen ou os textos sagrados da India con profuso coñecemento.

Non menor impresión me causou adentrarme nos seus poemarios. Concerto de outono, lido en 1981, supuxo unha emoción: “Se pasas pola rúa/co brial inconsútil/que eu tecín/para salvar amor e outonos./Diante da nosa porta/deixa un cunco de lilas.” Fronte a algúns literatos obcecados en difundir a idea de que o acto de vivir só podía deparar a sordidez da amargura ou do desasosego, nos seus versos resplandecía a vida como celebración, como vivencia límpida do mundo. A finalidade da arte lírica consistía, segundo ela, en converter esta percepción en experiencia de revelación.

En Códice calixtino (1986) a madurez da súa escrita homenaxea aqueles que conmoveron a súa alma: “Amei a luz que modifica a doutrina dos astros/a total curvatura que dá unidade ás formas”. Que terá continuidade en Prometo a flor de loto (1992), talvez o volume máis enaltecido por unha aspiración espiritual. Os poemas propoñen ou procuran outra realidade, a que está vedada ou humillada pola civilización contemporánea, atrozmente tecnolóxica, sen alma, que padecemos.

En Vida secreta de Rosalía (1996) a nosa autora identifícase coa artífice de Follas novas. Trátase dun acto de mitificación e de admirada exaltación que incide na idea de que a santiaguesa acumulou no seu ferido corazón a dor dunha nación enteira, Galiza. Mais tamén do noso ser particular, pois foi ela a que mellor soubo comunicar o desvalimento do ser humano fronte á ruína do tempo e a que mellor versificou a nosa orfandade ontolóxica: “E abres unha fiestra nas orelas do Sar/e ves o mundo en sombra e desamparo”. As arpas de Iwerddon (2005) é un libro transido de razón e de delirio, de vehemencia panteísta e de epifanía creadora. Conviven no seu tecido simbólico a veta mítica (a Irlanda soñadora e a Galiza atlántica) coa existencial (a evocación da familia, do seu esposo morto -o poeta Eduardo Moreiras, sempre na memoria-). E, en igual medida, cos arrebatos místicos: “Non vivo sen amor: recordo e vivo/a morte non existe”.

No ano 2003 deu ao prelo Medea en Corinto, unha obra dramática de excepcional calidade e de radical orixinalidade. Fronte ao mito clásico elaborado por Eurípides e Séneca, que nos presenta a protagonista como capaz de acometer a violencia máis abominábel (degola os proprios fillos por despeito, xa que Xasón a vai abandonar por outra); na traxedia de Luz Pozo, Medea é unha muller vulnerábel, que sofre e que é golpeada por dous sentimentos antagónicos e extremos que a devastan: o odio máis demencial e a paixón amorosa máis perturbadora. De feito non trata de buscar a explicación dun abandono, mais a súa reparación, que a leva cegamente ao parricidio. A peza sobrecolle pola súa intensidade e por unha altura poética prodixiosa: “Enxendramos os fillos cando vibraba o mundo/Houbo un intre en que quixen vivir en ti por sempre/houbo un intre en que quixen morrer de ti contigo/¡Agora a miña arela é baleirar o útero/porque non puiden ser denantes erma!”.

A súa traxectoria complétase con magníficos estudos sobre a poesía de Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro, Luís Seoane, etc.; coa edición de revistas inesquecíbeis (Nordés, Clave Orión), que fomentaron e divulgaron a creación poética das nosas letras ou coa súa participación na fundación do Pen Clube galego. Agora cúmprense cen anos do seu nacemento e podemos afirmar que en Luz Pozo Garza a súa alma e a súa obra están unidas por outro elemento esencial que a define: a música. Esa arte que vincula o cálculo e o acaso, a vibración do azar coa beleza do mundo, o susurro da vida co lume da palabra.

Suscríbete para seguir leyendo