Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un século de Luz

Poemas dunha constelación

Vista parcial da exposición Constelación Luz. Cortesía do autor

Este ano no que andamos é pródigo en efemérides sinaladas. Unha das de máis relevo para as nosas letras é o centenario da poeta, ensaísta e intelectual Luz Pozo Garza, voz senlleira na escrita galega da segunda metade do século XX e primeiros lustros do XXI. Luz nacera en Ribadeo, o 21 de xullo de 1922, e tivo unha vida longa, intensa e chea de momentos decisivos para as nosas letras e para a súa vida cultural na última centuria, da que se nos foi o 20 de abril de 2020, cando estaba a piques de facer os noventa e oito anos.

Pois ben, con motivo da conmemoración do seu centenario a Xunta de Galicia está a desenvolver un amplo programa de actividades baixo o rótulo xeral de Constelación Luz (Luz Pozo Garza. 1922-2022. Poesía, Arte e Vida). Esta programación inclúe un espazo dixital propio no marco da web de Cultura.gal, unha importante exposición na Cidade da Cultura que conta co seu correspondente catálogo, unhas xornadas literarias, un escolleito concerto musical e poético, a proxección do documental Na procura da Luz e mais a edición facsimilar da revista Mensajes de Poesía.

Para a ideación, elaboración e proxección de todas estas actividades cóntase cun nutrido comité científico dirixido pola profesora da USC Carmen Blanco, que dirixe un grupo de especialistas na vida e obra da escritora no que están representados tanto institucións coma intelectuais de amplo prestixio vinculados, dunha ou doutra maneira, á biobibliografía pozogarciana, sempre arroupados pola familia da escritora e os seus fillos: Gonzalo, Mónica e Luz Vázquez Pozo.A páxina dedicada a Pozo Garza ten xa o seu acomodo no portal Cultura.gal e pode visitarse no enderezo https://www.cultura.gal/gl/luz-pozo-garza Quen ata alí se achegue atopará referencias informativas que orientan sobre a efeméride e, sobre todo, un completo dossier con todas as actividades que se van ir desenvolvendo ao longo do ano.

A exposición Constelación Luz (Luz Pozo Garza. 1922-2022. Poesía, Arte e Vida) constitúe a columna vertebral dos actos de celebración deste centenario. Comisariada pola profesora da UDC Olivia Rodríguez González, abriu as súas portas este 9 de xuño e poderá visitarse ata o vindeiro 17 de outubro na entrada do edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia na Cidade da Cultura en Compostela. Nesta exposición poden contemplarse un cento de pezas procedentes case todas elas do fondo documental e bibliográfico que a escritora cedera á Cidade da Cultura, ás que se suman outras procedentes de institucións como a Real Academia Galega, da que foi numeraria, ou o Consello da Cultura Galega. Entre os materiais expostos hai interesantes misivas da autora con Vicente Aleixandre ou Ramón Otero Pedrayo, ilustracións orixinais de Seoane, manuscritos varios e outros efectos que espellan para os visitantes o particular e xenuíno universo creativo de Pozo Garza, un territorio que queda recollido no valioso catálogo que acompaña a mostra.

Paralelamente á exposición van desenvolverse tamén unhas Xornadas Constelación Luz que se concretarán en dúas conferencias e dúas mesas redondas impartidas todas elas polos especialistas que integran o comité científico da efeméride. A primeira destas palestras será este 21 de xuño no Auditorio Xosé Neira Vilas da CdC, onde Xesús Alonso Montero falará sobre a autora e logo conversarán arredor da súa faceta literaria Olivia Rodríguez González, Xosé María Álvarez Cáccamo e Claudio Rodríguez Fer.

Dúas iniciativas máis abrirán estas celebracións a outros eidos artísticos: o concerto musical e literario Sol de Medianoite, que terá lugar o día do centenario, o 21 de xullo, momento en que na CdC un elenco vinculado á Orquestra Sinfónica de Galicia interpretará doce temas harmonizados a partir do libro homónimo da poeta; e mais a proxección do documental Na procura da luz, realizado pola fotógrafa Rosa Taboada, un traballo no que se fai un extenso percorrido pola súa vida e obra da man dos testemuños de persoas que a coñeceron e estudaron.

Portada da edición facsímile de 'Mensajes de poesía'.

Mensajes de Poesía

Entre as iniciativas documentais e literarias desta Constelación Luz cóntase coa presentación no outono dunha edición facsimilar por parte do Centro Ramón Piñeiro da publicación periódica viguesa Mensajes de Poesía (1948-1952), unha das máis destacadas na literatura peninsular do seu tempo. Dirixida polo escritor Eduardo Moreiras, nela tivo xa dende a primeira obra un papel decisivo Luz Pozo Garza, quen despois emparellou co autor quirogués. As páxinas desta publicación foron frecuentadas por moitas das grandes voces da escrita galega e española daquela hora, dende Vicente Aleixandre a Álvaro Cunqueiro, pasando por Carmen Conde, Pura Vázquez, Luís Pimentel, Aquilino Iglesia Alvariño ou Blas de Otero, entre moitos outros. Doutra parte, a cabeceira incorporou tamén a sinatura de escritores da literatura francesa (Jacques Audiberti, Jean Cocteau, Paul Claudel), inglesa (Mark Turbyfill, E. L. Mayo) e portuguesa (Ernani de Melo Viana).

Os pequenos cadernos que constituían as diferentes entregas de Mensajes de Poesía elaborábanse en Vigo na Imprenta Minerva e a súa sede social era a vivenda do propio Moreiras na Rúa do Areal, 110, 1°. A súa tiraxe era de 300 exemplares, que o seu director remitía vía postal a un escolleito grupo de receptores, entre os que se contaba o máis graúdo da intelectualidade literaria galega e peninsular daqueles anos.

Compartir el artículo

stats