Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un bel dì vedremo

Sobre o Hortus Conclusus de Pilar Alonso

Diferentes momentos da mostra de Pilar Alonso na Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. Eli Regueira

Co título dunha aria de Madama Butterfly de Puccini e inspirada nunha vella capa dun vinilo presente na casa paterna na infancia da artista, a pintora Pilar Alonso elaborou para o espazo da sala Maruja Mallo da Deputación de Pontevedra en Vigo unha peza site-specific. A artista, coa súa instalación crea un dispositivo capaz de suxerir a temporalidade, que combina ver e sentir. Consegue concibir e articular os soportes da representación e ,como noutros traballos anteriores, nel xorden as emocións e circunstancias vitais, o mundo oculto e os seus segredos. A pintora constrúe relatos, encadeados nun bucle de enmascaramentos, co mundo interior e a memoria como fonte de creación, ben patente en toda a instalación.

A artista propón ao espectador penetrar neste universo plástico e faino creando un ambiente que facilita que sintamos unha identificación intuitiva con ese universo, que percibamos un xénero de simpatía -no sentido etimolóxico- intelectual por medio da que nos colocamos no interior do mundo por ela elaborado, de modo a coincidir con aquilo que é único no mesmo e, consecuentemente, non se pode espremer. Sigo aquí os conceptos metafísicos de Henri Bergson porque acho na obra de Pilar Alonso esa vontade de resaltar a centralidade da consciencia da que falaba o filósofo francés, compartindo neste sentido preocupacións co pensador alemán Edmund Husserl. Mais as imaxes son para Pilar Alonso, sobre todo, lugares do tempo-agora (o Jetztzeit de Walter Benjamin), lugares do acontecemento. Acontecementos abertos e fragmentados, mais non por iso menos intensos, en que o espectador debe mergullarse para unha fluída percepción.

Diferentes momentos da mostra de Pilar Alonso na Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. Eli Regueira

O proxecto site-specific Un bel di vedremo, coa suxestión do universo interior da artista como un xardín, conforma un espazo que semella unha transposición do hortus conclusus da pintura relixiosa ao mundo da evocación íntima, transmutado o espazo da pureza en espazo da memoria vital.

O título escollido para este proxecto expositivo da sala viguesa Un bel di vedramo (“Un belo día virá”) –que alude á emoción que lle produce á creadora a memoria do obxecto disco e da súa música- é todo un compendio das preocupacións e dos referentes éticos e estéticos da pintora, entre a concepción íntima da expresión artística e a vontade de comunicación. Estes estímulos van ser desenvolvidos por medio dunha instalación pictórica de sutil rigor plástico -cunha execución e un afondamento nos procesos de elaboración formal- e dun impecábel acabado, mais ao servizo dunha idea, no seu caso case podemos falar dun ideal, ideal acentuadamente ligado á comuniciación reelaborada do íntimo.

Diferentes momentos da mostra de Pilar Alonso na Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. Eli Regueira

Pilar Alonso mostra unha vontade de facer evidente a realidade máis fonda do ser humano, en definitiva sente a necesidade de participar no decurso –e no discurso- colectivos mais desde o íntimo, desde unha posición que combina o reflexivo e o lírico, que reivindica o sentido transcendente da pintura, mais sen ningunha forzada retórica. Por outra banda, é moi evidente a aposta pola pintura, sen querer en ningún momento renunciar á tradición que na arte occidental se foi elaborando ao longo dos séculos, aspecto este que se sente enxergando as súas obras, en que hai unha vontade de ligazón co pasado artístico en xeral, manifesto nos recursos formais de toda a instalación, mais tamén nas sutís pero evidentes alusións á tradición da pintura, permanente fonte para a reflexión e para o diálogo elucidativo sobre o sentido estético, que é no fondo o sentido da vida, un factor que segue en definitiva a dotar de valor actuante calquera actividade creativa ou reflexiva.

Título: Un bel dì vedremo.

Autora: Pilar Alonso.

Comisaria: Paula Cabaleiro

Local: Sala Maruja Mallo. Sede da Deputación Provincial de Pontevedra en Vigo.

Até o 22/07/ 2022

Diferentes momentos da mostra de Pilar Alonso na Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. Eli Regueira

Un abano para a memoria íntima

A instalación está conformada por dous ámbitos, no primeiro, ao entrarmos enxergamos unha estrutura elaborada por medio de varios marcos de madeira en que se poden ver pinturas, fotografías e variado material, mesmo de refugallo. No segundo parte mergullámonos nunha instalación de forma circular que se abre como un abano con pezas que o espectador pode tocar e modificar na súa posición.

En conclusión, as estratexias discursivas en que se fundamenta a traballo de Pilar Alonso están directamente vinculadas con conceptos de base narrativa, mais elabora as obras desde unha formulación plástica, claramente pictórica. Quer na elección dos materiais, quer no proceso de creación, Pilar Alonso parte de cuestións ligadas á sentimentos, a experiencia e ao cotián e á súa transformación, mostrando a posibilidade dunha interpretación da realidade nun sentido semántico sempre aberto e renovado. A obra de Pilar Alonso está ligada á reflexión sobre os mecanismos de recepción da captación da temporalidade e á narratividade, a través dos seus dispositivos presentes e pasados. Mais, sobre todo, nos seus traballos, densos e complexos, as referencias retrotráense á un fondo pulo vital e a unha plenamente conseguida vontade de comunicación.

Compartir el artículo

stats