A comarca de Terra de Celanova, ademais de conxugar historia e natureza, alberga algúns dos santuarios marianos máis fermosos de Galicia, cada cal coa súa particular lenda, devoción e romaría. Un deles é o de Santa María do Mundil, en Cartelle, magnífico coa súa esvelta torre e a súa factura barroca. Unha auténtica xoia cuxas obras finalizaron en 1791.

Na comarca, o barroco resaltou de maneira especial debido á influencia do mosteiro de Celanova, principal propagador do estilo. O templo do Mundil ofrece unha vistosa fachada na que destaca un frontón de formas curvas. No ángulo noroeste do edificio levántase o airoso campanario formado por tres niveis separados por balaustradas. E non se sabe de certo cando comezou a devoción á Virxe en Mundil, aínda que si se supón que é fervor antigo. A historia popular reza que María aparecéuselles a uns pastores que estaban no monte co gando. Ela mesma díxolles que no lugar debía edificarse unha ermida, como así foi. Da primeira construción nada se sabe, nin cando se levantou nin cando se renovou. Si é probable que o actual santuario do Mundil se erguese sobre o anterior eremitorio. A obra rematou no mes de abril de 1791 e o 2 de maio xa chegara o permiso do bispo para bendicir o edificio e colocar a imaxe mariana.

Río Arnoia.

A igrexa é de planta de cruz latina con nave lonxitudinal con dous tramos e capelas nos brazos laterais. Desde o cruceiro álzase un cimborrio de forma octogonal. A porta principal ten dúas pequenas aberturas a cada lado que permiten ver a Virxe cando a entrada está pechada. Da súa parte, a fachada ten outra particularidade: un balcón de estilo clásico con altar de pedra e, detrás, a imaxe da Virxe. Suponse que está disposto así para celebrar a misa ao aire libre en días de grande afluencia, especialmente as xornadas de festa. Remata a parte superior cunha cruz con pináculos a ambos os lados, adornados con bólas. No interior sobresae o retablo maior barroco, con escenas da vida da Virxe, realizado por un artista local.

O Mundil non é o único santuario mariano de Cartelle, concello que destaca polo seu amplo patrimonio relixioso. A igrexa das Marabillas é outro dos edificios barrocos que encerra o termo, construción na que resalta a fachada adornada con pilastras encostadas, un frontón con volutas e hornacina onde se atopa a imaxe da Virxe. No exterior unha frondosa carballeira de árbores centenarias rodea o templo. A igrexa das Marabillas, de grandes dimensións, acolle unha das romarías marianas máis famosas da provincia de Ourense. A procesión que se realiza remonta ao ano 1646, e a imaxe acompáñase con ramos e grandes arcos florais.

Torre de Sande.

Ademais doutras igrexas (Penela, Vilar de Vacas, Couxil, Santa Baia, Sande…), a de Santa Maria de Cartelle está datada no século XVIII, ten planta basilical con tres naves, pertenceu aos templarios e estivo baixo a xurisdición de Quiroga (Lugo). En patrimonio civil, o concello conserva unha ponte romana en Freixo que permitía o cruzamento do río Arnoia. Tras a súa declaración como Monumento Histórico Artístico en 1984, ao ano seguinte foi incluída no “Inventario de Pontes Históricas de Galicia”.

Igrexa das Marabillas.

Sobre o río Arnoia levántase tamén a que foi fortaleza de Sande, sede dunha xurisdición que abarcaba varias parroquias da zona. Foi doada ao mosteiro de Celanova por Afonso VII, alcumado O Emperador, en 1141. Trátase dunha fortificación medieval concibida para vixilancia e defensa das terras baixo o seu dominio, e constitúe un dos principais vestixios de arquitectura militar existentes na comarca. Pertenceu ao mosteiro de Celanova e está emprazada nun montículo desde o que se divisa unha ampla panorámica que comprende os vales dos ríos Miño e Arnoia.

O bosque animado

Moi preto de Mundil poden verse motivos diversos, desde cervos a tigres a ollos que observan ou esferas que todo o envolven. A intervención artística de Pepe Álvarez, o pintor de Cartelle que encheu de cor a área da Pontenova engade intensidade a unha contorna perfilada pola paz vexetal e o arrolo permanente da auga. Neste territorio de río, pedra e verde transcorre o Roteiro do Santo que, seguindo a marxe dereita do Arnoia, desemboca na capela dedicada a San Bertolameu, onde se celebra unha romaría cada 24 de agosto. As pinturas forman unha exposición ao aire libre que segue o que foi un antigo itinerario de pescadores e penetra –partindo do extremo da área recreativa–, nunha paisaxe na que carballos, castiñeiros, abelairas e bidueiros vanse reflectindo nas augas do río e saen ao encontro do camiñante.

No traxecto aparecen tamén elementos de etnografía en forma de pontes e muíños. A capela, punto final do percorrido, está situada no que foi un antigo castro envolto por un fermoso contorno. O 24 de agosto os veciños de Vilar de Vacas levan en procesión ao santo desde a igrexa parroquial ata a ermida. Preto do santuario do Mundil parte outro roteiro por este fermoso territorio. É o de Fonte Ferra, onde se atopa unha fonte ferrosa con augas mineiro-medicinais de uso popular.