Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cinema

Un musical para a historia

50 anos de Cabaret

A actriz Liza Minnelli (Los Ángeles, 1946), nun fotograma do film 'Cabaret' (Bob Fosse, 1972). Arquivo

A priori, unha película musical non sería o mellor vehículo para explicar o ascenso dun réxime brutal como foi o nazismo. O xénero musical aparece, en principio, como o máis frívolo –ou o menos dramático– para narrar unha historia polo protagonismo que na película teñen as cancións. Porén, estas precisan dun envoltorio narrativo para que no seu conxunto o filme teña homoxeneidade.

E esa capacidade narrativa para insinuar o ascenso ou a chegada do nazismo xa se podía atopar en The Sound of Music (entre nós, Sonrisas y lágrimas, 1965), que narra a peripecia da familia de Georg von Trapp, un capitán da Mariña austríaca, que despois de quedar viúvo contrata a unha noviza coma institutriz dos seus fillos. Unha película baseada en feitos reais construída cun rosario de cancións que interpretan os Trapp cun resultado de auténtico azucre hollywoodiense. Non obstante, a interpretación da derradeira canción, “Edelweiss”, reivindica a soberanía austríaca fronte á anexión (Anschluss) feita polo III Reich en 1938.

En 1972 estreouse Cabaret, dirixida polo coreógrafo Bob Fosse. Non foi película de parto doado, comezando porque os produtores preferían, para a adaptación cinematográfica deste musical de éxito en Broadway, un director de cine experimentado, barallando os nomes de Billy Wilder e Gene Kelly, e máis tendo en conta o fracaso de Fosse uns anos antes coa película Sweet Charity (1969), con Shirley MacLaine, Sammy Davis Jr. e Ricardo Montalbán. Mais elixido finalmente Fosse, este non quería aceptar a Liza Minnelli para protagonizar a película por considerar que daquela non tiña experiencia dabondo. Vimbios non lle faltaban á candidata en tanto en canto que era filla de Vincente Minnelli e de Judy Garland.

O pai de Liza –que dirixira diversos musicais, entre eles Un americano en París– aconselloulle que no casting para o papel de cabareteira non seguise o modelo de Marlene Dietrich en O anxo azul (Josef von Sternberg, 1930) senón que tomase un perfil semellante ao de Louise Brooks en A caixa de Pandora (1929), película muda na que representaba unha artista de vodevil de vida desinhibida e cunha imaxe de flapper (saia curta, sen corpiño e cabelos curtos).A película adaptaba un musical de Broadway estreado en 1966, que se inspirara na novela de C. Isherwood Adeus a Berlín (1939) da que derivou a obra teatral I Am a Camera (1951).

O argumento narra a presenza de Sally Bowles, unha artista moza norteamericana, que actúa no KitKat Club de Berlín. Son os tempos dos alegres anos vinte, cando malia as dificultades económicas que Alemaña padecía, os investimentos estadounidenses permitían vías de escape nos espectáculos nocturnos e nos negocios que os acompañaban (prostíbulos, drogas).

Na pensión onde vive Sally está tamén hospedado Brian Roberts (Michael York), un escritor británico, ao que intenta seducir, sen éxito de entrada. A tal relación frustrada segue un triángulo cun rico barón e playboy.

Cancións "espello"

As cancións de Cabaret (entre elas, “Money, money” e “Mein Herr”), alén da súa calidade intrínseca, actúan de espello do ambiente que se vivía naquel Berlín de posguerra, na que se combinaban a evasión, a crise económica e a insatisfacción de boa parte da poboación alemá. E outro espello era o público que asistía ao KitKat Club. E así, se nun primeiro momento un cliente nazi é expulsado, un tempo despois os nazis son os donos da nova situación e forman a maior parte do público. Incluso nunha festa rural, un neno louro canta a prol da natureza e da mocidade. A cámara móvese ata mostrar o uniforme pardo do rapaz e mais a incorporación progresiva dos asistentes á canción, que transforman nun himno patriótico alemán.

Cabaret normalizou no cine a homosexualidade e mais o aborto. Foi adoptada ben axiña coma unha icona do colectivo gai, percepción reforzada cando en 2015, aos seus 82 anos, Joel Grey recoñeceu a súa condición homosexual. Malia iso, a película gañou oito dos Oscar aos que estaba nomeada, entre eles a de mellor dirección, mellor actriz (Liza Minnelli) e mellor actor (Joel Grey polo papel de mestre de cerimonias). Ademais mereceu o privilexio de ser incorporada á Biblioteca do Congreso para a súa preservación histórica.

Cartel da película Cabaret (1972).

Película normalizadora

Desde a consolidación do cine coma produto industrial, houbo unha diferencia, canto aos contidos morais, entre as producións norteamericanas e europeas. Estas estaban condicionadas polas leis vixentes en cada país –máis tolerantes ou menos– mentres que as primeiras estaban literalmente sometidas desde 1930 a unha proposta das produtoras.

Concretamente, á Motion Picture Production Code, máis coñecida coma Código Hays, polo apelido dun senador que era membro da MPAA. Esta norma de autocensura establecía os contidos de imaxes e de argumento que podían ter as películas, regulamento que co paso dos anos foi gañando tolerancia. Na década dos trinta era posible unha película francesa como A bandeira (con escenas da tolerancia sexual da Barcelona de 1935), impensable en Hollywood.

Pero como ao puritanismo sempre lle obsesionou máis un peito de muller ca unha morte violenta, co seu argumento Cabaret (dunha produtora neoiorquina e rodada en Alemaña) fixo posible dar certa normalidade ás relacións homosexuais.

Grazas ao seu éxito, o listón quedou fixado moi alto e nos anos seguintes e o tema deixou de ser tabú, como demostrara un ano antes Visconti con Morte en Venecia, cuxo argumento quizais hoxe non pasaría o filtro dese novo puritanismo do politicamente correcto.

Compartir el artículo

stats