Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

20 anos de traxectoria

Alicerces, lectores, contidos

Ceferino de Blas. Director General de Faro de Vigo (de 1986 a 1994). | FdV

Escribe páxinas adiante Ceferino de Blas que, ao seu xuízo, tres son as claves que explican a pervivencia de FARO DA CULTURA despois de dúas décadas de traxectoria: a presenza arreo dunha editorial que alicerza o proxecto; a conformación dun núcleo de lectores que demandan tales contidos e, finalmente, esoutra dun equipo que se amosa quen de satisfacer semellante pedido.

Pois ben; van aló vinte anos -exactamente, a primeira entrega publicouse o 9 de maio de 2002- da aparición deste suplemento: unha concorrencia que contou, desde logo, co concurso desa editorial -de certo FARO DE VIGO e, en particular, coa do propio Ceferino de Blas- en todo momento. E un concorrer asemade que, moi axiña, deu resposta a ese conxunto de lectores a demandaren contidos culturais redactados en idioma galego. En fin, unha traza defendida por un equipo, cada vez máis amplo, de xentes activistas do eido cultural dispostos, semana tras semana, número tras número, a daren cumprimento a un compromiso verdadeiro.

E cales viñan -veñen- resultar, ao cabo, esas procuras que tentabamos respostar desde as nosas páxinas? Aquel primeiro número do noso suplemento, e tras o saúdo inicial, principiaba cunha achega á obra de J.R.R. Tolkien, da autoría de Moisés R. Barcia, tradutor ao galego do artífice de O señor dos aneis. Ben é certo que podiamos ter dado inicio a FARO DA CULTURA con outra temática diferente. Porén, o grande escritor inglés viña reunir unha cualidade que sempre estivo -e continúa a estalo- presente, como un verdadeiro leitmotiv, no proceder do noso proxecto: en efecto, tratábase -trátase- dun autor de prestixio mundial que, ademais, deviña de especial actualidade pola recente traslación ao cinema do seu labor. Como así mesmo próxima resultaba a tradución para o galego da primeira parte da obra, “A Irmandade do anel”. É dicir; con Tolkien entedíamos, e entendemos, por cultura de noso todo aquel esforzo cultural realizado desde Galicia (e, especialmente, composto en idioma galego e/ou referido ao noso país) pero asemade toda achega que, por universal, en ningún caso nos pode resultar allea. Velaí, xa que logo, a clave a guiar a nosa aportación, o roteiro do noso devezo.

Vinte anos despois daquel inicio, tan só queremos dar as grazas: grazas aos que fixeron posíbel que un soño como FARO DA CULTURA se transformase nunha sólida realidade. Pero especialmente grazas a aqueles e a aquelas que que están a ler estas liñas e que nos favorecen número tras número coa súa amabilidade e apoio. É un verdadeiro pracer, unha honra magnífica podermos estar hoxe aquí con todos Vdes.

Domingo Villar

As praias de Domingo Villar

Estabamos a artellar este número especial de FARO DA CULTURA cando nos chegou a moi triste nova que, a seguir, transmitiron todos os medios: falecera Domingo Villar. Un pasamento tan tráxico como inagardado e que nos veu encher de pesar. Páxinas adiante desta mesma entrega presentamos unha achega á súa obra, sen dúbida unha das máis sobranceiras nas letras de noso do novo século. Mais agora quixeramos destacar aínda que a figura de Domingo Villar, as súas cualidades humanas -así como o afecto e entrega que sempre mostrou para a terra que o veu nacer- constitúe, con certeza, outro verdeiro leitmotiv, unha verdadeira constante na estima de todos aqueles que tiveron a fortuna de coñecelo e tratalo.

FARO DA CULTURA, como toda a cultura galega, está de loito. Queremos, pois, trasladarlles desde aquí aos seus familiares e amigos o noso máis sentido pésame e tamén todo o noso agarimo. Mais de Domingo fica, alén da memoria certa de home de ben, esoutro labor perenne: a praia longa e feliz que nos legou; as ondasda súa poderosa imaxinación, os areais dunhas palabras que han de permanecer arreo canda nós.

Compartir el artículo

stats