Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Letras Galegas 2022

Soto e Gurriarán

Estatuto e República

X. Canabal, Castelao e M. Meilán (Montevideo, 1940). Arquivo

“Si mi pluma valiese tu pistola de capitán, contento moriría”. A pluma de Antonio Machado dedicada á pistola de Enrique Líster. Palabra e pólvora que converxen nun poema. Violencia e oratoria que parecen ser o inesquivable destino da humanidade. Coa derrota da República, o capitán Líster (orgulloso da estirpe como lle espetou a Hemingway nunha entrevista: “son galego!”) dirixiu o seu rexemento cara á fronteira con Francia. No linde o exército galo esixiu a entrega dos fusís: “Xamais darei esa orde”, protestou o xefe republicano.

Diante, á par e detrás dos militares, entraron en Francia numerosos refuxiados. Alí viviron en campos de concentración como facenda nas cortes. Uxío Souto retratou aquela immoralidade en acuarelas, coma se lle dese luz a tanta paisaxe gris. Unha delas expúxose o verán pasado no Reina Sofía. Tamén Florencio Delgado Gurriarán, entón militante do Partido Galeguista (PG), pasara a Francia semanas antes do vítore franquista. En conexión con Luís Soto e Castelao, residentes en USA, prepararon a evacuación dos galegos con destino a América. Nesta dolorísima circunstancia afianzouse a relación à trois.

Elixio Rodríguez, F. Delgado Gurriarán e Ramón Cabanillas (fillo) en México DF (1948).

Un feixe de nacionalistas arribou a México no buque Ipanema. Alí ían Gurriarán, Elixio Rodríguez ou Ramón Cabanillas (fillo). Na propia cuberta decidiron constituír unha delegación do PG na patria de acollida. Cumpriron co acordo. Pola súa parte, Luís Soto entrara en México convidado polo goberno de Lázaro Cárdenas. Isto foi posible grazas ás xestións de Carlos Velo, coñecido cineasta internacional nado en Cartelle. Unha vez integrado na capital mexicana Soto púxose á disposición do seu partido (PCE) e sindicato (UXT) pero co compromiso do encargo recibido por viva voz de Castelao: unidade arredor do Estatuto e República. E Soto, ademais, foi forxar co rianxeiro unha amizade política e persoal das que atravesa a morte. A lealdade foi inamovible porque compartían as “consiñas comúns”. Cofundador do PCE en Ourense e líder sindical do maxisterio, Soto tiña conciencia nacionalista denantes do 36. E tívoa logo da guerra e mantívoa sempre pois foi cerebro central no parto e infancia da Unión do Pobo Galego (UPG, o partido maioritario no BNG) e presidente do arredista Partido Galego do Proletariado (PGP).

A democracia, en letra galega, reuniu o antifeixismo residente en México. Axiña os nacionalistas, con Gurriarán presente, coordínanse co grupo comunista de Soto (chamado Comisión Galega do PCE). A relación foi tensa, polas discrepancias ideolóxicas, pero frutífera e de relativa durabilidade. Porén, unha das primeiras tarefas foi facerlle fronte á colectividade profranquista. Para iso fundaron Fogar Galego e logo o Padroado da Cultura Galega. Nas dúas sociedades desenvolveron unha incansable actividade patriótica e democrática: dende grupos de teatro a equipos deportivos, dende aulas de galego a celebracións polo 25 de xullo. Soto ocupará postos dirixentes, Gurriarán traballará na área cultural. Un froito compartido foi Presencia de Galicia en México (1956).

A nivel político constitúen a Alianza Nazonal Galega (ANG). Tiña unha vocación integradora porque pretendía ser un Consello de Galiza avant la lettre pero con matices destacados: por exemplo, a ANG constituíana os partidos integrados na Fronte Popular vs. o Consello de Galiza constituíano os deputados en decisión persoal. Mais o impulso político-cultural de Soto e Gurriarán tamén tomou forma xornalística como Saudade ou no célebre Vieiros, do cal serían directores. Nesta revista as diferenzas de pensamento desembocaron nunha temporal (e breve) ruptura, tras a renuncia do poeta a seguir na dirección. Carlos Velo mediaría e as augas calmaríanse. Daquela Velo e Soto, militantes da UPG, artellaban dende o exilio os primeiros dous números do Terra e Tempo que logo se distribuirían no interior en papel biblia, coma se chegasen as táboas de Moisés.

"Vieiros"

Vieiros só tivo catro números. Soto deixou preparado o número 5, que quedou inédito e custódiase no seu arquivo privado hoxe accesible en Ourense. Entre os papeis están textos de Florencio Delgado Gurriarán. A revista foi referente indiscutible da cultura galega en canto supuxo unha verdadeira renovación estética e temática, á vez de se converter no espazo de fusión da vella xeración cos novos escritores de Brais Pinto.

Soto e Gurriarán manterían en pé a orde de Castelao: Estatuto e República. Esa orde que chega deica nós, como se viñese do fondo das idades, para lembrarnos o noso particular plebiscito diario. Hoxe, nun mundo abalado polos conflitos bélicos, de Europa a África pasando pola violencia das rúas latinoamericanas ou as ditaduras árabes, repenso na frase que Machado dedica a Líster. A pluma, como palabra escrita, aínda é hoxe a arma máis poderosa.

Porque o rexemento de Líster tivo finalmente que entregar as armas. Pero non as ideas nin as palabras. Elas resistiron. Ás veces como poemas de Antonio Machado ou Florencio Delgado Gurriarán.


Compartir el artículo

stats