Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A palabra como terapia

Intensas vinculacións

Detalle da portada de "Un elefante na sala de estar".

O testemuño de varias persoas unidas por lazos familiares ou de amizade permítelles aos lectores saber quen era Rosa e coñecer as razóns polas cales decide poñer fin á súa vida unha mañá de outono. O seu home e os seus fillos adolescentes, pero tamén a súa amiga, a súa irmá e mesmo a súa médica acabarán por deseñar unha historia que encobre feridas non curadas que non soportan o paso do tempo a pesar da aparente normalidade coa que se revisten.

O monólogo como discurso consíntelle a Berta Dávila construír un relato que se nutre das reflexións que cada un mantén consigo mesmo, de modo que se establece unha intensa vinculación coa interioridade feita pensamento e, ao mesmo tempo, se alimenta dun multiperspectivismo extraordinario que achega unha visión global do comportamento da protagonista ausente ollada ao longo da súa existencia e dende ópticas diferentes que confiren unidade ao conxunto e que posibilitan que encaixen as pezas do quebracabezas que semella ter sido a súa vida.

A palabra como terapia e a literatura como forma de expresión alíanse na obra gañadora da decimoterceira edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil convocado por Xerais dado que o coñecemento do que sucedeu axúdalles aos personaxes a entender a realidade e ao mesmo tempo a poñer en orde sentimentos ocultos ou aletargados que doen por descoñecidos ou irracionais. O propio título, Un elefante na sala de estar, afonda nesta idea no sentido de que hai temas espiñentos dos que un non se atreve a falar finxindo que non existen e que acaban por desbordar os límites da resistencia. Quique, Rosario, Roi, Fran, Alicia, Belén, Aurora, Román danse a palabra uns a outros e tentan deseñar un futuro abordando, quizais tarde, o problema que antes non percibían pero que agora, dadas as circunstancias, non teñen máis remedio que asimilar.

  • DÁVILA, Berta, Un elefante na sala de estar, Xerais, Vigo, 2022, PVP. 12,95€

Compartir el artículo

stats