Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pelouriños, rollos e picotas

Símbolos xurisdicionais do Antigo Réxime

Panorámica da picota do mosteiro de Oia. / Nieves Amado

O pelouriño, rollo ou picota é o nome que recibe unha columna de pedra, eventualmente rematada por un elemento decorativo (unha cruz, unha esfera, un capitel, un pináculo...), que no pasado serviu de insignia dalgunha das 662 xurisdicións que tivo Galicia durante o Antigo Réxime (Castro Redondo; 2019). Xa que logo, estes cilindros, presentes tamén noutros reinos europeos, informaban que o lugar en cuestión tiña xustiza propia e pertencía a alguén. Neles tamén se expoñían os reos á vergoña pública para que servisen de escarmento, e incluso as cabezas dos que xa foran axustizados. En ocasións, estes instrumentos tiñan unha argola para suxeitar os que por máis ou menos horas ían á vergoña pública como castigo pola comisión dun delito e exemplo dos demais vasalos.As picotas foron, con certa frecuencia, reutilizadas. É o caso do Pelourinho de Bertiandos, situado preto de Viana do Castelo, que debuxou Castelao nas Cruces de pedra na Galiza (1950), quen sinala que se trata dun “miliario da calzada román de Braga a Astorga, que foi aproveitado para instrumento da xusticia e convertido en cruceiro de ferro”.

Vista da picota de Albergaría, en Laza. / Nieves Amado

Marcial Valladares Núñez (1884) define a picota “ú horca, hecha de piedra y en forma redonda, ó de columna” (que) “era insignia de la jurisdiccion de villa, odiosa para los pueblos; así es que vino á hacerse de esa voz una palabra de desprecio y á decirse con el tiempo, cual se dice aun: Vait’ò rollo. Vete al rollo, lo mismo que si dijera; Vete á la mierda, vete á la horca, o ahórcate”. Da súa parte, Eladio Rodríguez, no seu Diccionario Enciclopédico (1958-1961), tamén inclúe entre as súas voces o pelouriño, sinónimo de “picota, rollo, columna con una cruz en lo alto, que indicaba jurisdicción. En la parroquia de Beade, del Ribeiro de Avia, se conservó hasta mediados del siglo XIX un pelouriño, o rollo, que denotaba la jurisdicción del comendador a que pertenecía aquella parroquia, que en lo antiguo fué priorato”.

A historiadora Olga Gallego (2001) foi quen de documentar a localización do rollo (lat. rotŭlus) da cidade de Ourense. As ordenanzas ditadas polo Concello nesta mesma cidade en 1509 establecen que “los reos de ciertos delitos estarán espuestos á la verguença pública en la picota o pelouriño de la cibdad.” Polo demais, a toponimia informa de chamadeiros como A Cruz do Rollo (Vedra), A Praza do Rollo (Cambados), A Cruz do Rollo (Viveiro) ou O Rollo (Barreiros e Xeve, en Pontevedra), nomeadas que evidencian a antiga presenza de rollos xurisdicionais. A voz rollo tamén dá nome a lugares habitados de Castro de Rei, A Estrada, Tui ou Zas.

Segundo o Nomenclátor, en Galicia o topónimo A Picota (probablemente derivado de pico, “porque las cabezas de los ajusticiados se clavaban en la punta de la picota”, sostén Corominas; 1981) dá nome a 15 lugares habitados de todas as provincias galegas –agás a de Ourense– de Abegondo ao Incio, pasando por Moraña, Oia, Oleiros ou Mazaricos. En Redondela existiu unha picota no lugar do mesmo nome, que documentou Casto Sampedro e estudou Orge Quinteiro (2017), e na cidade de Pontevedra don Casto documentou un rollo e unha picota. Xa na provincia de Ourense, o topónimo Picota dá nome a prazas (Cualedro e Laza), accidentes terrestres (Castrelo do Val) ou terras de labor (Vilariño de Conso). “Poñer na picota” é unha locución adverbial que equivale a unha situación de descrédito por evidenciar os defectos ou faltas públicas de algo ou alguén.

No noso país a voz que menor presenza ten é O Pelouriño (fr. pilori), que Galicia Nomeada documenta unicamente en Pereiro de Aguiar (Ourense), en concreto na parroquia de Tibiás, un lugar elevado situado nas proximidades da igrexa parroquial de San Bernardo. A documentación histórica permítenos saber que na cidade de Ourense a actual rúa Colón recibiu antes o nome de Rúa do Pelouriño, nomeada que se explica “por el infamante rollo”, en palabras de Otero Pedrayo (1926). Con todo, para nós, os pelouriños en pé máis coñecidos son os que atopamos a cada paso en Portugal.

Emblemas de vasalaxe

As únicas columnas xurisdicionais galegas que nós vimos en pé son as que se conservan no lugar da Albergaría (no concello ourensán de Laza) e no Mosteiro de Oia (Oia; Pontevedra). A primeira é un rollo, unha grosa columna cilíndrica de granito que foi símbolo do Couto e xurisdición de Santa María da Alberguería (Amado Rolán; 2019). A segunda, unha picota de castigo público, é unha delgada columna monolítica coroada por unha esfera granítica que se localiza no exterior do cenobio que mira ao Atlántico.

Pelouriños, rollos e picotas, que fan a súa aparición no século XIII e seguen consolidándose ata o século XVII, permitían xulgar unicamente a viláns, nunca a nobres nin eclesiásticos, de aí que se constituísen como emblemas de sometemento da xente do común. Por iso en 1813, a Junta Superior de Goberno constituída despois das Cortes de Cádiz ordena a “demolición de todos los signos de vasallaje que hubiera en sus entradas, casas particulares, o cualesquiera otros sitios, puesto que los pueblos de la Nación Española no reconocen ni reconocerán jamás otro señorío que el de la Nación misma, y que su noble orgullo sufriría por tener a la vista un recuerdo continuo de humillación”.

Compartir el artículo

stats