Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Singular dicionario

As claves dunha xeira

Cuberta do "Dicionario da nova literatura galega", de Xesús Alonso Montero.

Coa indicación: “Rógaselle conteste axiña ós datos de esta encosta. Moi agradecido”, velaí algunhas das cuestións que a finais dos anos sesenta do pasado século plantexaba Xesús Alonso Montero nun inquérito dirixido ás xentes do mundo literario daquel tempo que non tivesen obra publicada con anterioridade a 1936: “Que escritores -galegos ou de fóra- influíron máis en vostede?”; “que libro galego urxe, o seu xuicio, reeditar?”; “que autores portugueses ou brasileiros deberan estar máis presentes entre nós?”; “cales son os dous libros que máis falta nos fan?”

Máis de cincuenta anos pasaron, polo tanto, desde aquela xeira. Foron oitena e seis as respostas que chegaron onde Alonso Montero; entre elas, as de Manuel Álvarez Torneiro, Vicente Araguas, Darío Xohán Cabana, Xosé Fernández Ferreiro, Bernardino Graña, María Mariño, Uxío Novoneyra, Xesús Rábade Paredes ou Antonio Tovar. Sen dúbida, un número elevado dabondo para coñecermos, e comprendermos, a atmosfera na que se movían as nosas letras nos sesenta e, desde aí, a propia produción -polo menos, a que levaran a cabo naquela altura- dos autores e autoras obxecto da enquisa.

Logo dun prólogo do propio profesor Alonso, o estudo introdutorio -feito con rigor e detalle- vén da man de Ramón Nicolás quen analiza polo miúdo as respostas ao inquérito, establecendo un conxunto de conclusións ao respecto, entre elas a destacar a posibilidade de accedermos aos datos de autores sobre os cales contabamos con escasas, ou inexactas, referencias.

Así pois, estamos diante -como de novo salienta o propio Nicolás- dunha magnífica ferramenta de traballo para os historiadores da nosa literatura e aínda para calquera interesado nos devires da mesma.

  • ALONSO MONTERO, X., Dicionario da nova literatura galega, Xerais, Vigo, 2021, PVP. 17,05€

Compartir el artículo

stats