Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vigo tras a lente

Na XXV edición do Maratón Fotográfico

Unha da fotos vencedoras no XXV Maratón Fotográfico. Antón Gutiérrez Pereira

Foi en 1995 cando se celebrou o primeiro Maratón Fotográfico de Vigo. Daquela, só os socios da súa entidade organizadora, a Agrupación Fotográfica Galega, se podían presentar ao certame. Porén, o seu éxito non tardaría en abrir as portas ao resto de cidadáns. Vinte e cinco anos despois, a mesma pandemia que puxo en pausa o noso mundo, impediu a conmemoración dun aniverasario tan sinalado coma este. Agora, a Casa Galega da Cultura acolle por fin, deica o 23 de xaneiro, a exposición da XXV edición do Maratón Fotográfico Concello de Vigo.

Fotógrafos amateurs e profesionais deixánse levar pola súa creatividade nunha mostra que, desde os seus inicios, mantivo asines as súas bases: catro fotografías arredor de catro temas propostos. Ao longo de vinte e catro horas, e tras unha reunión de punto de partida, a personalidade dunha cidade emana de obxectivos que capturan rúas, persoas, sombras, fragmentos de pensamentos, sensacións ligadas a catro palabras. “Sostible”, “Iluminado”, “Abraiado” e “Abismo” son as temáticas que definen esta edición. “Depende un pouco da inspiración do momento e da situación actual, pero nos últimos anos tentamos buscar temas non tan manidos, como “xanela” ou “flores”, senón máis abstractos, menos tanxibles para que os fotógrafos poidan darlle voltas á cabeza”, comenta Alfonso Durán, presidente da Agrupación Fotográfica Galega, “deste xeito, as series que recibimos son todas ben diferentes porque cada autor procura a súa interpretación persoal”.

Dous dos primeiros premios son asiduos participantes do concurso. O gañador, Antonio Gutiérrez Pereira, é fotógrafo de profesión e xa gañara con anterioridade. “O agarimo e a calidade que dedica ao seu traballo lévao tamén ao concurso”, sinala Durán. Pola súa banda, Nicolás González Pérez participa por primeira vez e as súas imaxes amosan “un punto máis canalla, máis nocturno”. A súa envolvente atmosfera levou o segundo premio, mentres que o terceiro recibiuno Thibaud Dupuy, un “fotógrafo francés que ten un estilo co que traballa moito o branco e negro, as texturas e as sombras moi contrastadas”, finaliza o presidente da asociación.

Con todo, a maxia non remata aínda. Arredor de noventa participantes concorreron a esta edición presencial e, xunto aos tres premios gañadores, entregáronse tres accésits para Manuela Mateo Morales, que fixo dun cristal roto un abismo, Roberto Alarcón López coas súas fotografías minimalistas no CUVI e mais a serie en branco e negro de Adrián Irago Romero. Na súa compañía, outros finalistas abrigan as paredes da Casa Galega da Cultura. No centro da sala da exposición, un mosaico recolle a creatividade de máis participantes que amosan a diversidade do sentir verbo dun mesmo tema. As súas diferentes propostas son un reflexo da cidade de Vigo contido en tantas e tan novas maneiras de mirar.

A Agrupación Fotográfica Galega fundouse moitos anos antes do primeiro Maratón, no ano 1946. Pioneira no referente a este tipo de asociacións en Galicia, daba os seus primeiros pasos na procura de converterse nun punto de encontro para os amantes da fotografía e o cinema, xa fosen profesionais ou afeccionados, e para todos aqueles interesados na cultura en xeral. “No concurso participan moitos máis afeccionados que profesionais, aínda que é certo que aos profesionais nótaselles”, comenta Alfonso Durán, e conclúe: “tamén hai algúns afeccionados que son realmente bos”.

No seu afán por impulsar o seu labor creativo, a Agrupación axudou ao desenvolvemento desta disciplina a través de cursos, seminarios e proxectos de difusión como é o caso do Maratón Fotográfico que, aos cinco anos de vida, comezou a contar co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Vigo e incorporouse dentro do programa de “Festas do Cristo”. Durante a pandemia, o Maratón reinventouse e deu lugar á súa primeira edición virtual, que contou co apoio da Deputación de Pontevedra e, ao non ser presencial, abríu as súas fronteiras para poder participar desde calquera outro lugar. O xurado, que varía cada ano, estivo composto por Blas González Sotelo, Paula Cermeño de Saa, Sara Priego Parada e Raquel García Calviño, e tivo na súa man valorar ambas as modalidades.

Antonio Gutiérrez Pereira.

Das cámaras analóxicas ás exposicións virtuais

Como un referente, a Agrupación Fotográfica Galega viviu ao longo dos seus máis de setenta anos de historia os brutais cambios que acaeceron sobre a fotografía, a maioría deles por mor dos avances tecnolóxicos e a incursión das novas técnicas dixitais. No ano 2020, a Covid–19 pareceu axilizar este proceso, abrindo as portas á innovación para lidiar co tempo de encerro e as restriccións. Da man daquilo que tornaron en chamar “a nova normalidade”, tivo lugar a primeira edición virtual do maratón fotográfico.

Xa na súa segunda edición, o certame conta ademais cunha exposición virtual que pode visitarse a través da web da agrupación. Nela, podemos descubrir as vinte e dous series mellor valoradas polo xurado, nas que se atopan as dos tres gañadores desta categoría, Alán Pérez Fernández, Juan Vilches Llamas e Rosi Pardal, ademais dos tres accésits entregados a Sofía Magán Carrillo, Lida Adsuar Serna e David Martín Pinto.

A maior diferenza con respecto á edición presencial, é que na virtual se aceptan propostas desde calquera parte do mundo, un pequeno xeito de romper as barreiras do Covid; a duración é de trinta e seis horas e, no referente aos temas, continúan a súa andaina polos infinitos significados de “Sostible”, “Iluminado”, “Abraiado” e “Abismo.”

Compartir el artículo

stats