Entrevista | Miguel A. Alonso Diz Escritor e animador sociocultural

“O país da choiva é un libro que parte doutros libros”

Miguel Anxo Alonso Diz, estes  días en Vigo.

Miguel Anxo Alonso Diz, estes días en Vigo. / Eli Regueira

O país da choiva (Antela) é unha novela xuvenil escrita por Miguel A. Alonso Diz e ilustrada por Xosé Tomás. Fala da importancia do idioma, de usalo e conservalo e de como constitúe unha parte esencial da nosa herdanza cultural como galegos.

O país da choiva non é só un libro para ler. Quixera que nos explicase todo o que hai detrás desta iniciativa que, ademais, se publica nunha nova e singular editorial.

–Efectivamente, poderíamos dicir que é un libro do que parten outros libros. Todos os personaxes teñen nomes que fan referencia a persoas da nosa literatura. Na web da editorial Antela, á que lle estou moi agradecido, hai actividades para que a rapazada, a través de O país da choiva, se achegue a eles. Ademais, teño pensado outras relacionadas cos obradoiros de escrita que imparto, os contacontos , ou para incentivar a realización de traballos. O libro funciona por si só. “Un rapaz e unha rapaza que se atopan nunha situación estraña: case todas as persoas da súa vila esqueceron por completo o seu idioma e falan nunha lingua diferente”; pero quería que o libro fose ferramenta de exploración, de diversión, de reflexión. Creo que non existe ningún libro que aborde deste xeito a realidade do noso idioma. Foi escrito hai sete anos con sensibilidade e respecto a todas as linguas xa que non existen linguas mellores. O estado español ten un patrimonio que debe valorar e coidar. Que fermoso sería que a rapazada coñecese e respectase toda esa riqueza!  Detrás desta iniciativa está o amor polo propio. Está Xosé Tomás, Fran Alonso, a miña familia que asume as consecuencias do que levo feito até agora: non publicar en castelán para Galicia, están amigos como Liliana Carro ou Xavier Estévez e, sobre todo, está Antela Editorial que, dende que leron o orixinal, mostraron un firme interese na idea que representa. Teñen un proxecto sólido no que salienta o seu bo facer. Na edición dos seus libros nótase o amor co que traballan, é unha ledicia colaborar con eles. Agradecer tamén á Deputación de Ourense que cofinanciou o libro. 

 –Como foi o proceso de creación desta iniciativa entre Xosé Tomás e Vde.?

–Foi un pracer colaborar con Xosé Tomás. Estoulle moi agradecido porque foi receptivo ás miñas propostas. Pedinlle, por exemplo, que Fonso levase unha camiseta de “The Beatles” xa que nos gusta moito, e el accedeu encantado a todo. Estou acostumado, polo meu traballo con Luz Beloso, a ser partícipe do proceso de ilustración e considero que facelo, sempre respectando o seu labor, é un agasallo. De feito, non considero acabada a escrita até que está a ilustración e podo comprobar que encaixan formando unha unidade.

–Non hai moito, falábase dun auténtico “boom” da LIX en galego. Agora, cal é momento que atravesa a nosa literatura infantil e xuvenil?

–Goza dunha saúde excelente. Temos a sorte de ter libros no eido do teatro, da poesía, da banda deseñada, da narrativa... é imposible amentar todos os autores e autoras. Recomendo sempre a lectura de libros da LIX galega e tamén da de fóra, porque existen moitos libros que non están escritos para nenos e nenas, senón que tamén os poden ler os nenos e as nenas. Esa é a chave. 

Como adulto e como escritor, cal é a mellor maneira de que un rapaz se interese pola lectura ou, por preguntalo doutra maneira: como se “fabrica” un lector?

–É importante xerar e compartir espazos. A lectura compartida é unha ferramenta moi válida que, ademais, permite crear lembranzas que van perdurar nos nosos fillos e fillas. Nosoutros rematamos o día coa lectura dun poema, dun conto. É algo fermoso que ás veces deriva en conversas moi interesantes. Elas aprenden, nós tamén. Logo en idades de lectura autónoma (sen esquecer o anterior) respectar as súas preferencias e, se pode ser, participar das súas lecturas. Nós temos en casa libros: accesibles, visibles, dispoñibles pero, no caso de non poder telos, as bibliotecas son magníficos lugares. Somos usuarias de biblioteca. Que coñezan a biblioteca, que forme parte da súa vida, tamén é importante.

“Estase a detectar unha ruptura interxeracional da transmisión no uso do galego”

A que se debe o, disque, probado descenso progresivo detectado nos últimos anos no uso do noso idioma entre os escolares galegos?

–A análise deste tema levaríanos tempo e espazo xa que son moitas as variables e non me gusta simplificar. Porei nos ollos do lectorado un feito que ten incidencia neste descenso: a transmisión interxeracional do galego rompeuse. Agora mesmo hai unha nai ou un pai galego falante que non lle está a falar ao seu fillo ou filla no idioma propio. A rapazada entra no colexio sen competencia en galego, descoñéceno, non forma parte da súa vida, é un idioma estraño. A “choiva” fixo que desaparecese... Pensade nisto. Por que?

–Hai algunha “fórmula” para reverter esta situación?

–Si, falalo. Para iso hai que liberarse dos prexuízos que existen e son parte da nosa forma de pensar. Eu son da idea de que o galego mal falado é o non falado.

Tería que ser un deber que todos os adultos lesen tamén LIX. Que cre que aprenderían, por exemplo, lendo O país da choiva?

–Deber... non sei. Que ten efectos positivos,seguro. Xa dixen que sempre o recomendo. Confío en que O país da choiva estea en moitas bibliotecas e logre entrar en moitos fogares. Gústame imaxinar a un pai ou a unha nai compartindo a lectura na casa, oxalá invite á reflexión, oxalá aniñe en moitos corazóns.

–Hai unhas semanas, armouse unha polémica porque Ramón Villares, nunha entrevista publicada no FARO DE VIGO, afirmaba que o uso do galego, sobre todo entre a mocidade, aínda tiña connotacións políticas. Que opina Vde. desta afirmación?

–Creo que dixo que “os rapaces deixaban de falar galego pola connotación política que ten”. Se foi así, está equivocado. Para deixar algo, hai que comezar e, como xa dixen, non comezan xa que se rompeu a transmisión familiar. Aprenden galego nos colexios coma se aprendesen unha lingua estranxeira, pero da que escoitan que ten escaso valor. Salvo núcleos de poboación moi pequenos, esta é a realidade. Confío en que esta obra sirva para reflexionar sobre o tema. A elección está en cada fogar. As familias teñen a última palabra... e a primeira.

Suscríbete para seguir leyendo