Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ideación de Luís Seoane

Crónica dun dramaturgo excepcional

Personaxes medievais recreados polos trazos de Luís Seoane (1910-1979).

Sabido é o recoñecemento da obra plástica de Luís Seoane a nivel internacional, quer no eido da creación pictórica ou no da ideación gráfica. Tamén se ten posto en valor a súa poesía (Fardel do esiliado, 1952), de certo anovadora, ou o traballo de acción cultural que desenvolve en Bos Aires, como explicaron Xesús Alonso Montero (As palabras do exilio, 1994) ou Xosé Ramón Pena (Historia da literatura galega, IV, 2019), sen esquecer a súa participación na posta en marcha do proxecto Laboratorio de Formas ou Sargadelos. Un intelectual integral e, por riba de todo, íntegro, plenamente.

Da súa relación co teatro, sábese menos, ao mellor porque tampouco non se fixo moito por recuperalo. Así, cando en 1994 lle dedican o Día das Letras Galegas, o Centro Dramático Galego estrea A fiestra valdeira, de Rafael Dieste, cando a ocasión parecía inmellorable para a recuperación dun dos máis sólidos valores na dramática peninsular ou porteña do século XX. Dous anos despois Xavier Seoane e Lino Braxe publicarían en Ediciós do Castro un volume, Luís Seoane e o teatro, que servía para lembrar as súas moitas achegas. E nese legado temos que destacar a súa obra dramática, e salientar que a Biblioteca do Exilio, dirixida por Manuel Aznar Soler, veña de reeditar dúas pezas súas, publicadas en Bos Aires e tituladas La soldadera (Ariadna, 1957) e El irlandés astrólogo (Losange, 1959), que figuran entre a mellor literatura que naquela altura se tiña escrito en castelán. As dúas foron publicadas en galego, en Ediciós do Castro; a primeira en 1996, segundo o texto orixinal do autor, e a segunda en 1980, con tradución de Francisco Pillado Mayor. Esta reedición en castelán chega da man de Pablo García Martínez, autor dun interesante estudo preliminar.

Personaxes debuxados por Luís Seoane.

A soldadeira, peza en tres actos, recrea feitos acontecidos ás portas da cidade de Compostela nos tempos da Irmandade Fusquenlla, contra 1431, cando os irmandiños tentan asaltar a cidade, comandados por Roi Xordo, e mentres nela os artesáns deciden se apoialos ou non. Recupera entón un feito histórico, para recrealo nunha perspectiva actual. Por iso cabo dos habitantes do país naquela altura, sitúa tres campesiños de hoxe en día, que participan das visións, esperanzas ou expectativas de irmandiños e mesteirais. Desa maneira poden tomar conciencia de como todos os conflitos, as dominacións, e as submisións, teñen a mesma orixe e as mesmas causas, pois as precariedades e pouquidades que eles padecen a cotío son ben semellantes ás que padecían as xentes do común cando no país mandaban nobres, eclesiásticos e señores. A vella Galicia irredenta, onde é imposible vivir con dignidade, con honestidade.

Luís Seoane.

Inquisición

O irlandés astrólogo, peza con prologo e tres actos, recrea outro feito histórico, como foi o proceso que padeceu Patrick Sinnot, un irlandés fuxido de Irlanda tras da conquista e ocupación protestante, e que exercerá como profesor no Colexio de Irlandeses de Compostela entre 1608 e 1622, pero tamén ocupará unha cátedra de gramática na Universidade de Santiago. Será aquí onde un grupo de alumnos o denuncien ante a Inquisición por supostas prácticas de astroloxía, o que implica a apertura dunha investigación que, naquela altura, supoñía o paso pola sala de torturas para facilitar a confesión e orientala na dirección máis axeitada aos intereses do Tribunal do Santo Oficio. Agroma así o conflito dunha persoa que por ser católica vive exiliada e refuxiada nun país católico que finalmente tamén o condena. Pero polo medio agroman outras leas, abeiradas ás circunstancias persoais de cada personaxe.

  • SEOANE, Luís, La soldadera - El irlandés astrologo, Renacimiento, 2021. PVP. 17,90 €

Nas dúas pezas déixanse sentir influencias de dramaturgos como Ramón del Valle-Inclán ou Michel de Ghelderode, nas tonalidades cincentas e sombrizas coas que se mostra a realidade social, pero moi especialmente de Bertolt Brecht, en todo o que atinxe ao modelo de composición. Seoane incorpora á dramática en lingua castelá ou galega os principios da dramática épica, onde abrolla con forza unha mirada dialéctica, crítica e cubista ante as circunstancias do pasado e do presente. De igual xeito, na figuración dos mundos dramáticos, aposta sempre pola escala de grises, para mostrar a realidade en toda a súa complexidade. Dous textos magníficos, para explicar o presente.

Esquema de farsa

Hai unha terceira peza, Esquema de farsa, publicada en Galicia Emigrante en 1957, pouco considerada e peor entendida, pois non se acertou a calibrar o seu alcance, que vai alén dunha simple farsa ou sátira. Estamos ante un verdadeiro monumento literario que contén un poderoso dispositivo dramático co que artellar un espectáculo de masas, de signo claramente factográfico e documental. Unha peza vinculada con proxectos de Percy MacKaye, presentacións escénicas de rúa das primeiras sufraxistas, o espectáculo de masas que presenta Nikolai Evreinoff en 1920 na cidade de Petrogrado (O asalto ao Pazo de Inverno), ou achegas varias de Erwin Piscator.

Seoane activa unha recreación do Día del Emigrante Gallego, que as autoridades franquistas, co aparato de propaganda habitual e a coa retórica da vitoria, celebran na Coruña un 12 de outubro de 1956, como recollía a prensa da cidade con gozosa e poderosa fanfarra. A fascinante ideación dramática e teatral de Seoane contempla tres niveis de presentación e recepción escénica: o dos que realizan a homenaxe, o dos homenaxeados, e o do público. Unha proposta radicalmente novidosa naquel tempo, que, por razóns de aforo, tería que armarse en polideportivo ou nave industrial, ao ser tres e ben diferentes os espazos onde situar tanta xente. Lino Braxe sempre acreditou no valor inmenso de Seoane na literatura e no teatro de noso, pero ao mellor estamos ante un legado que nin entendemos nin merecemos. Magoa de país.

Compartir el artículo

stats