Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Luís Seoane, Bertolt Brecht e a editorial Losange

Luís Seoane, na procura da creación dun teatro nacional para Galicia seguindo o camiño irlandés do Abbey de Dublín, adopta o modelo histórico e dialéctico de Bertolt Brecht. As súas obras La soldadera (Ariadna, Buenos Aires, 1957) e El irlandés astrólogo (Losange, Buenos Aires, 1959) escritas orixinariamente en galego foron traducidas para a súa publicación na Arxentina. Ambas están traspasadas de contido ético e os seus personaxes encarnan, loitando fronte da inxustiza e da represión, os anceios de liberdade dos desterrados.

Seoane incorpora nestas obras teatrais a súa particular poética creativa, baseada no compromiso e na liberación dos pobos oprimidos.

Na obra A soldadeira é recoñecible a historia da Galicia medieval que lle sirve ó autor de fundamento argumental para contrapoñer á Galicia actual da inxustiza. Na outra, O irlandés astrólogo, a condición de exiliado en Compostela do protagonista, Patricio Sinot, serve para dotalo de numerosos rasgos autobiográficos onde as protestas pola súa condición de desterrado, coinciden casi textualmente con algunhas cartas enviadas por Seoane ós seus amigos.

O teatro de Seoane, no seu afán dignificador da historia e da memoria colectiva de Galicia, plantexa, coa técnica do distanciamento do teatro épico de Brecht, os problemas máis actuais da sociedade galega. Tanto é así, que nada máis publicar a primeira destas obras, La soldadera, envíalla a Ramón Piñeiro que, enfrascado nos problemas existenciais da saudade, ve a proposta de Seoane como unha provocación polo carácter marxista da mesma que chocaba de fronte co seu espírito elitista e anticomunista.

Pero interésanos destacar neste artigo a conexión de Luís Seoane coa obra de Bertolt Brecht, inspiradora sen dúbida do plantexamento e estructura teatrais das obras do artista galego. Observamos en primeiro lugar que as editoriais responsables da edición das dúas obras de Seoane son Ariadna ediciones e Losange. Nada extraño se valoramos que tamén outros selos arxentinos como Eudeba (32 refranes criollos), Sudamericana (Arte mural. La Ilustración) ou Brújula (Retratos furtivos) se teñen ocupado da edición da obra de Seoane. Pero estas dúas encerran claves que volven a conectar ao artista galego coa colonia hebraica de Bos Aires que compartía con el os rigores do exilio.

"O teatro de Seoane, no seu afán dignificador da historia e da memoria colectiva de Galicia, plantexa, coa técnica do distanciamento do teatro épico de Brecht, os problemas máis actuais da sociedade galega"

decoration

Efectivamente, para explicar esta fecunda relación no campo teatral temos que remontarnos ao ano 1939, data da fundación da axencia International Editors’Co, coñecida deseguida como IECO, dedicada a difundir escritores en lingua alemá que non tardarán en converterse en clásicos indiscutidos como Thomas Mann ou Bertolt Brecht. Os fundadores desta axencia son o matrimonio vienés formado polo abogado de orixe xudía Hugo Lifczis e a editora e tradutora Anna Sherman. Cando chegan a Bos Aires fuxidos da persecución nazi comproban que no mundo editorial arxentino non adoitaban pagarse dereitos de autor, tan necesarios para os autores alemáns perseguidos e exiliados.

Pois ben, as editoriais Ariadna e Losange publicarán con este obxectivo numerosas traducións de autores alemáns onde o dramaturgo Bertolt Brecht ocupará un lugar preferente. E será Anna Sherman con diferentes pseudónimos, Annie Reney o máis utilizado, a responsable das traducións, unha delas co título de La ópera de dos centavos [sic] será representada o mesmo ano da súa publicación en Bos Aires por Losange coa dirección de Onofre Lavero.

Cando Seoane publica en Losange, esta editorial fundada en 1952 polo polifacético escritor e profesor Fernando L. Sabsay (1919-2007) era xa unha publicación periódica que incluía un estudo introdutorio da obra de teatro publicada e outros artigos e notas críticas. E Anna Shermann era xa unha reputada axente literaria que ensinou o camiño e se adiantou a outras mulleres máis coñecidas, como Carmen Balcels, recentemente falecida.

*Numerario da RAG

Compartir el artículo

stats