Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Como en Irlanda, como en Irlanda!

Un espello no pasado para construír futuro

Cuberta de "A figuración galega de Irlanda (1840-1936)".

Segundo o Lebor Gabála Érenn, o libro das conquistas de Irlanda escrito polos monxes irlandeses antes do século XI, sería dende Galicia de onde chegou a estirpe celta á illa. Non en van, de acordo coa lenda, a celtización da illa tivo lugar logo de que os fillos de Míl -neto de Breogán- e os irmáns de Ite -o fillo de Breogán que viaxara á illa que se lle aparecía nos soños dende neno e que alí fora traizoado e asasinado-, invadisen a illa en vinganza pola morte do seu tío e irmán, converténdose nos primeiros poboadores celtas da illa.

Así, nun momento no que o galeguismo comezaba tomar forma política baixo o provincialismo de Faraldo, Irlanda e Galicia convertíanse en pobos irmáns por razón do seu pasado celta. Por ese motivo, dende o mesmo momento fundacional do galeguismo, que se constitúe como proxecto político arredor da ‘celticidade do pobo galego’, velaí a ‘Nazón de Breogán’ d’Os Pinos pondalianos, Galicia verase reflectida en Irlanda. Neste sentido, entre os anos 1840 e 1875 os galeguistas atoparon que Irlanda e Galicia non só tiñan un pasado común, senón que compartían unha mesma situación de atraso económico. Posteriormente, sobre todo despois de que en Irlanda se constituíse o Partido Parlamentario Irlandés, liderado por Parnell, e a mobilización agraria levase á guerra pola terra (1879-1882) que levou á elaboración das primeiras leis que recoñecían unha certa autonomía á illa (1886-1912), nun momento no que en Galicia se estaba a loitar pola redención dos foros e o agrarismo se convertía nun elemento mobilizador do pobo, Irlanda deixou de ser o espello no que se podía proxectar unha imaxe da Galicia real para converterse no modelo a seguir. Logo de 1916, cando a insurrección de Pascoa, a entrada en vigor da Home Rule (1920) e a creación do Estado Libre (1922), levaron á división do movemento de liberación irlandés en bandos enfrontados, que chegaron provocar a morte de vellos amigos e aliados, provocaron que o nacionalismo galego, que comezaba construírse arredor das Irmandades da Fala (1916), proxectase a súa propia división interna (autonomistas fronte a independentistas) no espello irlandés, aínda que cada vez dun xeito menos recorrente. Con todo, cando no ano 1932 principiou a vía autonómica no contexto republicano, Irlanda, que por esa volta avanzaba cara a fundación do novo estado republicano irlandés (1937), reapareceu outra vez na nosa prensa e a intelectualidade galeguista volveu pensar no Eire como modelo, a considerar, pero a sublevación fascista de 1936 truncou as esperanzas.

A evolución político-ideolóxica desa comparanza especular é o obxecto de estudo d’A figuración galega de Irlanda (1840-1936), a erudita obra do historiador Xavier R. Madriñán.

  • MADRIÑÁN, Xavier R., A figuración galega de Irlanda (1840-1936), Laiovento, Santiago, 2021, PVP. 44,95€

Compartir el artículo

stats