Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Peregrinos desde o Gran Norte

O Camiño de Santiago na Galicia escandinava

Peregrinos suecos camiño de Compostela.

Eran estranxeiros, foráneos, persoas que deambulaban fóra das súas fronteiras. Polo menos iso era todo ao empregar a palabra peregrinus antes do século IV. Co tempo, amosou unha característica de certo máis interesante: a de visitar lugares sagrados. Así aparece nas escrituras do século XI, momento no que os peregrinos se converteron nunha presenza indelébel da nosa historia.

No marco do programa O teu Xacobeo, organizado pola Xunta de Galicia, a Casa da Cultura en Vigo acolle deica o 7 de novembro a exposición Galicia Escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela. Comisariada por Gustavo A. Garrido e no seo da Fundación Carlos Casares, ábrenos as portas aos miles de escandinavos que, entre os séculos XII e XVI, peregrinaron a Santiago na súa procura da Terra Santa e, o máis importante, á pegada daquela Galicia altomedieval nas sociedades do norte. É a Gallaecia escandinávica da que xa falara o medievalista Vicente Almazán e ao que, xunto aos investigadores do período Xacobeo, se lle dedica esta exposición.Así, a través dunha serie de paneis, adentrámonos nunha realidade de influencias. Os países escandinavos (Noruega, Suecia e Dinamarca, así como os seus antigos territorios, Islandia, Illas Feroé e Orcadas) levaron o seu paso por Galicia ás súas respectivas rexións. Así, erixiron catedrais en nome do Apóstolo, pintaron murais con motivos xacobeos nas igrexas e portaron insignias que, unha vez, se concibiron e na cidade de Santiago.

O rei de Galicia no Códice Albeldense.

Un dos primeiros puntos da exposición son as invasións viquingas, co obxectivo de saquear as terras. Viñan de rexións pobres e eran coñecedores do importante punto de peregrinaxe que acaecía sobre Santiago. Por iso, “durante douscentos anos, subían polo río Sar para tentar entrar na cidade, pero sempre os estabamos esperando”, conta Garrido, “de maneira que nunca chegaron a asentarse, como si fixeron, por exemplo, en Normandía”. Descubrimos a personaxes da historia como Ragnar Lodbrok, “curiosidades agora por formar parte da serie Viquingos”, lémbranos aínda Garrido cun sorriso.

“As reliquias dos santos abrían as portas do ceo e traían doazóns dos devotos, pobres e ricos”, reza un dos paneis. Conta un texto do século XIII que o conde Herman de Grez, con permiso do rei de Galicia, levou unha peza de gran transcendencia á abadía bieita de Santiago o Maior en Liexa (Bélxica). Trátase do fragmento do brazo de Santiago, un agasallo aínda exposto na igrexa e que fixo cambiar a devoción da abadía de “Santiago o Menor” a “Santiago o Maior”.

Coa mostra descubrimos os diferentes roteiros marítimos e terrestres polos que os peregrinos chegaban a Santiago. Tales eran, entre outros, o Comiño da Tropa que comunica o norte da península de Xutlandia coas terras xermanas, coñecido desde o tempo dos viquingos; ou os Camiños Inglés, Sueco e Danés, grazas o cal atopamos igrexas dedicadas a Santiago en Roskilde, antiga capital danesa, como a que en 1808 serviu de hospital para as tropas españolas que combatían a Napoleón. Os peregrinos escollían as súas rutas en función das tumbas de heroes que houbese polo camiño, así como da súa carga simbólica ou da presenza de reliquias e imaxes de culto.

Portada de "De festo translationis".

Portada de "De festo translationis".

Uns dos panies finais da exposición, fálanos das Sagas, relatos literarios sobre os reis nórdicos que, se ben no son textos históricos, amosan personaxes reais. Unhas das máis trascendentes é a Saga de San Olaf, rei noruegués que, tras converterse ao cristianismo, eririxiu igrexas en todo o territorio. Un pequeno fragmento dela consérvase na Biblioteca Nacional de Islandia. Trátase, polo demais dunha “temática non demasiado coñecida”, asegura Garrido, mentres expresa o seu interese en que a mostra, cuxo inicio coincidiu co Ano Xacobeo 2020 e que se viu retardada pola crise sanitaria, “sirva de punto de información para os peregrinos que se atopen percorrendo o Camiño de Santiago”. Aínda así, visitou xa os concellos de Carral, Catoira, Ourense e Xinzo de Limia. Actualmente, atópase tamén na Universidade de Oslo, en Noruega. “Quédanos un ano por diante”, conclúe, en referencia á prórroga do Ano Xacobeo ata 2022 e á posibilidade de que a exposición, que tamén inclúe actividades didácticas para os máis cativos, transite por máis localidades galegas, como Allariz ou Lugo, e noutros puntos europeos como Alemaña.

O ronsel da vieira

Cando viaxamos, temos o costume de levarnos un pequeno recordo connosco, xa sexa para amosalo aos demais ou para reter un pedazo da súa esencia, unha lembranza que non poidamos esquecer. Os peregrinos da Alta Idade Media tamén portaban os seus recordos con eles, ben colocados nos seus sombreiros, mais cun significado cargado de simbolismo e que lles proporcionaba certos beneficios.

Foi na época das cruzadas, no século XII, cando xurdiron as primeiras insignias e selos de peregrinos. Neles indicábanse os santuarios polos que pasaban e “tiñan moitas vantaxes, eran como unha tarxeta de crédito”, comenta Gustavo A. Garrido, “pois a xente tiña a obrigación de darlles asilo, comida, auga e o que precisasen”.As insignias podían ser conchas vieiras naturais ou de estaño, cobre e chumbo, e a súa máxima difusión chegou nos séculos seguintes, por mor de que o Papa Gregorio IX prohibise, en 1228, a súa fabricación fóra da Santiago de Compostela. A cidade, que xa contara con cen tendas especializadas, alcanzou así o auxe económico. Eran un verdadeiro símbolo da peregrinación e da súa espiritualidade. A meirande parte das veneras xacobeas ou conchas de Santiago localizáronse en tumbas dos países escandinavos e mesmo unha cuncha de vieira aparece na bandeira da Unión Escandinava.

Compartir el artículo

stats