Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xavier R. Madriñán Historiador

“Foi a miseria, e non o celtismo, a orixe da irmandade con Irlanda”

Xavier Rodríguez Madriñán

En A figuración galega de Irlanda (1840-1936), libro editado por Laiovento, Xavier R. Madriñán describe e analiza o proceso polo que, dende hai case dous séculos, Irlanda foi constituída polo galeguismo como un dos principais referentes simbólicos de Galicia

“A mediados do XIX - explica Xavier R. Madriñán- Irlanda tiña unha frecuente presenza nos medios de comunicación europeos. Primeiro de nada, porque formaba parte do Reino Unido, un dos focos principais de noticias de toda clase, reproducidas as informacións dos seus xornais na prensa do enteiro continente. E en segundo termo, porque a miseria que enchoupaba a súa sociedade, da que moitas das novas daban conta en dramáticas crónicas, xa antes da Gran Fame de 1846-49, chamaba a atención polo seu contraste coa imaxe da Gran Bretaña industrial e liberal como o espazo de maior prosperidade e liberdades de Europa”.

–Os primeros teóricos do galeguismo tiñan outras opcións de nacións-espello de Galicia, poñamos por caso as tamén célticas Bretaña ou Escocia. Daquela, por que escolleron Irlanda?

–É que non foi o elemento céltico o impulsor da primeira comparanza, senón a pobreza extrema na que esmorecía Galicia. E a este respecto, ningún outro país como Irlanda, ben coñecida pola prensa, podía ser proposto como mellor exemplo da fondura da miseria que enchoupaba o país galego. A iso se refería Antolín Faraldo ao cualificar en 1845 Galicia como a “Irlanda de la Península”. Era esa triste realidade a que xustificaba a demanda de atención que el e outros escritores lles requerían aos gobernos españois.

–O mito de Breogán nace a través das lecturas que os galeguistas fan dun episodio do Lebor Gabala Érenn (Libro das Conquistas de Irlanda). Trátase dunha interpretación subxectiva ou, efectivamente, lido hoxe ese capítulo (fose fantasía ou non) alí fomos saber da existencia no só de Breogán senón tamén da súa “conquista” de Irlanda?

–Os textos historiográficos do século XIX galego pertencen, na súa inmensa maioría, a un xénero literario, quer dicir, que se compoñen de narracións onde pesa máis a subxectividade do autor e a súa capacidade para compoñer un relato que lle permita soster a súa tese sobre un asunto determinado, que a un esforzo de investigación e coñecemento. Aí vale case todo, desde as xenealoxías bíblicas sobre a ascendencia céltica ata lendas que se supón que agachaban un fondo de verdade. A isto responden a utilización das fantasías recollidas nos manuscritos medievais irlandeses sobre a orixe da súa poboación, que chegaría á illa procedente das costas galegas. Así o escribiu Verea y Aguiar no texto fundacional do celtismo galego, en 1838, e así o recolleron de inmediato os liberais que querían reivindicar un pasado glorioso para Galicia, contra a tradicional historia española que lles reservaba o pulo civilizador aos pobos mediterráneos.

  • Os 'tuits' ilustrados que se posteaban desde o Vigo do século XIX

–O Lebor Gabala Érenn é, entón, un libro de Historia, un niño de lendas ou, dende o punto de vista da súa fiabilidade, unha especie de Odisea ou IIíada de Homero?

–É unha narración lendaria sobre o pasado de Irlanda, composta hai uns mil anos, que fabula sobre sucesivas chegadas de pobos á illa, desde os netos de Noé ata os gaélicos. O seu valor é como testemuño da época na que se escribiu, non como relato do tempo pretérito. Nada que ver cunha obra de historia tal como se entende hoxe.

Lebor Gabála Érenn

–Podemos considerar a inclusión de Breogán na letra do himno de Galicia como a culminación de todo o labor realizado por aquel galeguismo/nacionalismo que abrangue desde 1840 a 1916?

–Hai que entendelo como un recurso poético que resume a posición celtista de Pondal. Pero este non escribiu o poema co fin que despois se lle deu, ao convertelo en himno de Galicia. En todo caso, pode tomarse como mostra da utilización política instrumental da comparanza irlandesa.

–Vde. divide o seu libro en tres partes, e chámame a atención a segunda, que encadra entre 1875 e 1916. Por que se caracteriza esta etapa intermedia no proceso de “figuración galega de Irlanda”?

–Polo cambio da utilidade política da referencia irlandesa. É o momento dos soados versos apelativos de Brañas, convertidos deseguido no lema arengador dos galeguistas: “Ergue labrego! Érguete e anda! Coma en Irlanda!”. Lonxe da primeira imaxe de espello da miseria propia, Irlanda foi convertida en modelo para Galicia polo espírito combativo que demostraron daquela os labregos da illa para reivindicar os seus dereitos sobre a terra que cultivaban, así como a enteira sociedade para demandar un réxime de autogoberno. A masiva mobilización popular de Irlanda tiña que provocar envexa ao contrastala coa resignación, coa “mortal indiferencia”, en palabras de Murguía, que condenaba a poboación galega ao esmorecemento.

–No primeiro terzo do século XX, ,a xeración Nós toma o relevo e reafirma a Irlanda como espello de Galicia. Que aportaron os de Nós ás contribución feitas polas xeracións anteriores ao respecto da irmandade Galicia-Irlanda?

–A súa principal achega foi a confirmación da irmandade céltica que unía as dúas nacións e a campaña de apoio aos republicanos rebeldes na guerra da independencia contra Inglaterra, unha vez que o vieiro autonómico pareceu pechado. Porén, dificilmente podía ser proposta Irlanda como modelo político para Galicia, despois da fractura interna dos nacionalistas insulares que seguiu á sinatura por unha parte deles dun Tratado co Goberno británico que lles outorgaba un Estado Libre autónomo, aínda que suxeito á soberanía da Coroa. Mesmo despois de concluída a cruenta guerra civil entre os republicanos (1923), os galeguistas foron incapaces de se declarar a prol dos gobernantes do novo Estado Libre de Irlanda ou dos que o rexeitaban por fidelidade ao ideal independentista.

–O subtítulo do seu libro é De imaxe especular a modelo frustrado. Frustrado por que?

–Frustrado, porque non se aplicou como modelo para Galicia cando máis útil puido parecer, nos anos do proceso autonomista aberto durante a Republica española. En efecto, dispoñendo Irlanda dun goberno e un parlamento propios, podería ser axeitado tomar o seu réxime como referencia específica para a redacción dun Estatuto para Galicia. Sorprendentemente, as alusións a Irlanda non pasaron das apelacións xenéricas á admirable loita irlandesa pola liberdade, inconcretas e escasas, por demais de ambiguas. De feito, nos seis meses previos á celebración do decisivo referendo sobre o Estatuto galego de xuño de 1936, Irlanda apenas apareceu nos medios galeguistas.

Compartir el artículo

stats