Son xa cincuenta anos os que transcorreron tras dos primeiros lanzamentos musicais de Jei Noguerol, referente da Nova Canción Galega a carón doutros nomes coma Xerardo Moscoso ou Miro Casabella. Agora, noutro século e con algunhas feridas en Galicia tan abertas como hai décadas, chega este primeiro libro publicado de Noguerol: Folgos. Trobas existenciais. Dende o inicio, transloce unha ollada clara e limpa cara ao tempo vivido, cun protagonismo no ritmo nos versos e mesmo na rima que remiten, inevitablemente, á dimensión artística dominante no autor, a música.
A cita que abre o libro, de Marco Aurelio, é reveladora e ten un valor anunciador. Dinos que o retiro está dentro do espírito dun mesmo e remarca, así, a forte pegada íntima destas trobas existenciais. Poderiamos dicir que se abre unha ruta polos sendeiros interiores na traxectoria de Noguerol: contraditorio e dubitativo, afírmase, mais sen abandonar a vitalidade. Cómpre saír xa a cómbaro aberto / para chegarmos sen feridas ao presente. Non obstante, nesa contradición aparece tamén a melancolía ou certa sombra: Quedan dúas marés para deixar o barco / para deixar de navegar logo de tantos anos. Sexa a ollada vitalista -mesmo irónica e mordaz nalgúns momentos- ou sexa a melancólica, permanece unha vontade de fondura, de transcendencia. Moi lonxe non irei: / vou a min mesmo.
Ademais da introspección, no libro latexa a contemplación. A herba, as mazás, o asubío do merlo, o mesmo transcorrer do tempo no ceo, o rexistro das sensacións polo contacto coa natureza e os seus sons. Evocacións sensoriais e tamén hábitos, coma ir buscar o leite, que remiten a un tempo pasado de ambiente calmo e incluso idealizado porque chama a atención que o autor, referente da canción protesta naquelas décadas, decidise rexistrar a vida rural sen que albisquemos conflito social.
En definitiva, se hai un termo salientable porque se repite e exerce como fío condutor do libro, é “destino”. Aquí cheguei. Daquí xa non me movo.
NOGUEROL, Jei, Folgos. Trobas existenciais, Xerais, Vigo, 2021, PVP. 9,02€