Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sergio Moure: corcheas, maxia e celuloide

Músicas para a gran pantalla

O compositor galego Sergio Moure (A Coruña, 1969).

Igual Sergio Moure non é un dos nomes que máis che soen dentro da escena da música galega, e máis se non es dos que quedan a ler os títulos de crédito despois de gozar dunha boa película nunha sala de cine. E é que Sergio Moure de Oteyza é un compositor galego con máis de vinte anos de experiencia que xa, sobre as súas costas, conta con múltiples producións e composicións de bandas sonoras para cine e televisión. Falamos de traballos nacionais e internacionais tan recoñecidos como El cuerpo (Oriol Paulo), Secuestrados e Extinction (Miguel Angel Vivas), Inconscientes (Joaquín Oristrell, coa súa correspondente nominación á Mellor Banda Sonora nos premios Goya), Todo es silencio (José Luis Cuerda), Feedback (Pedro Alonso), Tesis sobre un homicidio (Hernán Goldfrid), La Jauría (Carlos Martín Ferrera) ou a longametraxe de animación A Galiña Turuleca. Tamén puxo música a Lobos de Arga, Un Buen Hombre, Seis Hermanas, Trinta Lumes, Lobos Sucios, La Batalla Desconocida, Codigo 60, Haze o Mayon Volcano, entre outros moitos traballos. Asemade, na televisión a súa música vestiu un monllo de producións como La batalla desconocida (Paula Cons), Mercado de futuros (Mercedes Álvarez) ou as series de TVE, Seis hermanas e Hospital Valle Norte. Traballou e traballa para proxectos de Netflix, de Amazon e tamén e, por suposto, que cun monllo de produtoras que confían no seu talento. Tamén exerceu como compositor e profesor para o ESCAC (Escola Superior de Cine de Cataluña) e como compositor e coordinador musical para o CECC (Centro de Estudios Cinematográficos de Cataluña). As súas composicións pasaron polas mans de formacións da talla da Orquestra Sinfónica Ciudad de Praga, a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Sinfónica de Córdoba, a Orquestra Sinfónica de RTVE, a SIF 309 de Sofía (Bulgaria), a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Sinfónica de Euskadi, a Orquestra Sinfónica de Macedonia ou a Orquestra Mad4Strings (Madrid) por citarmos algunhas da formacións que deron corpo ás partituras de Sergio nos últimos anos. En fin, colaborou aínda coa súa música coa compañía Nova Galega de Danza e mil cousas máis que farían interminable este artigo e dan fe da medida da obra dun compositor tan prolífico como sobresaínte.

O caso é que tiven a fortuna de falar con Sergio sobre o que supuxeron para el todos estes anos de traballo e profesión, co gallo do recente recoñecemento co premio especial do Festival Internacional de Cine de Ourense 2021, que premiou a traxectoria do músico coruñés como músico de cine e como autor de máis de cincuenta composicións para películas, curtas e series. O festival de Ourense tamén vén de publicar un volume autobiográfico de Moure dentro das súas Monografías onde o autor nos conta a súa viaxe e nos dá pistas e argumentos para entender de onde e como xermolaron moitas das súas pezas.

Todo comezou coa visita a un cine de pequeno, co seu pai, a ver un spaghetti western coa música do inesquecible, xenial e, dende aquela, referente total Ennio Morricone. Despois foi vivir para perseguir un soño coa idea ben apuntalada na cachola, os mapas trazados e por suposto que sen escatimar en esforzos, e claro, ás veces, os soños cúmprense. Iso si con duro traballo, horas e horas de formación e días e noites enteiras na trincheira do seu estudio aló pola parte da Zapateira, na Coruña, onde está de volta dende hai uns anos e onde o traballo non entende de reloxos nin preguizas. Tamén me contou que anda a producir o novo disco de Rosa Cedrón e quen sabe se o veremos coa súa guitarra acompañándoa nalgún directo cando toque presentalo polo mundo.

É posible que xa escoitaras moitas veces a súa música e que te emocionaras, ou te asustaras ou pasaras un anaco agradable diante dunha pantalla grazas a el e descoñecendo quen era o autor desa marabilla. Prometemos de agora en adiante agardar ao final dos títulos de crédito para ver o seu nome ou o do compositor de turno que alí deixa o seu traballo nese lugar onde os sons se fan de celuloide e maxia. Nas distancias curtas unha persoa cercana e humilde que fala do seu traballo con toda a paixón dun home que adora o seu oficio. Nós adoramos a súa música.

Desde Miranda de Ebro, 'celtic rock' co grupo Norem.

Norem: 'celtic rock'

Hai unhas semanas, o carteiro timbroume á porta e deixoume unha carta. Pensaredes vós que qué ten de especial este feito, mais para min foino, e moito, recibir unha carta que non chege en forma de recibo, de recordatorio de facenda, publicidade.... Ademais cando abrín o sobre, dentro contiña un cedé e un manuscrito contándome a causa do envío. “Ola Chámome José, son do Porto do Son e nesta carta envíoche o cd dun grupo que me gusta moito. Mesturan o punk coa música tradicional galega e son de Miranda do Ebro. O grupo está formado por fillos de galegos e mais xentes de Miranda e envíoche o disco para que o escoites, e co convencemento de que che van gustar.”

Escoitei, e claro que me gustaron. Guitarras e gaitas. Once cancións onde o tradicional galego e a senda de bandas como Pogues, Dropkick Murphys, Mahones, Diplomáticos de Montealto ou todo aquilo ao que podes chamar celtic rock ou celtic punk, se mestura con total e fermosa naturalidade. “A saia da Carolina”, o “Pousa pousa”..., muiñeira e percusión tradicional mesturada coa alta tensión das bases rockeiras. Roncos, pandeiretas, overdrive e todo en galego, de arriba abaixo, póñenme o sorriso na faciana e as ganas de bailar en “on”. Serán de Burgos, que non digo que non, mais son unha das bandas de rock máis apegadas á raiz das que un escoitou en anos. Norem Noites de Rock e Meigas, que é a forma correcta de chamalos, preséntase con este Fun polo aire e cunha formación que chega aos trece membros entre gaiteros, percusionistas, cantareiras e rockeiros e, ademais, prometendo para os seus directos unha auténtica celebración do país na que abofé farán bailar e gozar a calquera que se achegue ao turreiro da festa. Haberá que darlle as grazas ao José do Porto do Son pola descuberta.

Compartir el artículo

stats