Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os sons da pel

Rebordando o mapa

Todos os pasos fan ruído, asinado por Sara Plaza, levou o XXXIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé e con el a autora queda xa rexistrada na poesía galega, un terreo que coñece ben por decisión propia. Por elección, como dixera Xela Arias ao reivindicarse negra, así se foi achegando Plaza a nós. Hai algúns anos decidiu que se iría facendo dona das palabras desta lingua e tamén se foi facendo cargo das dores que nos atravesan como pobo ou como comunidade lingüística. Achegóusenos e nós a ela. Di a autora que o título deste libro a atopou, que foi un achado porque non ía na súa procura. E, na realidade, así aconteceu tamén para nós. A mestra e tradutora que xa era, a poeta que tamén era, sen sabelo ou sabéndoo, albiscounos dende lonxe, atopounos, avanzou cara a aquí, leunos, abriu as portas desta nación e, lonxe de misticismos, púxose a estudar a lingua, a ler a literatura e a desentrañar a historia complexa dun territorio colonial que se extingue ou case. Unha das mostras dese traballo voluntario e, asemade, tan rigoroso e preciso é esta sorte de diario dunha época ou poetización dos sons da pel escrito cunha riqueza léxica e gramatical absolutamente desacostumada. Diría que se enxergan as pegadas dalgúns mestres inmellorables coma Fernández Rei ou o poeta Xabier Cordal.

Porque todos os pasos fan ruído, porque no movemento sempre hai un latexo e pode percibirse neste libro un latexo que abrolla del como tamén sae do papel no relato de Poe, mais sen o pánico porque aquí está, sobre todo, un certo amor. Este é un libro que reborda o mapa, do que alguén dirá que vai a medio camiño entre o poético e o narrativo, que a nós se nos revela xenuinamente poesía e tamén un inicio. O comezo de moita máis Sara Plaza na poesía galega. Benvida. Hónrasnos.

Pasos

Pasos

PLAZA, Sara, todos os pasos fan ruído, Espiral Maior, A Coruña, 2021, PVP. 12,35€

Compartir el artículo

stats