Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O mito Venezia

Belezas para unha traxedia

A ponte de Rialto nos pinceis de Giovanni Antonio Canal, Canaletto (1697-1768).

Para observar certas cousas, hai que crear un estado emocional propicio. Nesta ocasión, a perplexidade é oportuna, esa que aparece ante a idea de que o universo cabe nun gran de area. Hai que pensar Venecia, dende ese estrañamento que xera coidar que a totalidade pode resultar mínima e máxima nun mesmo tempo. A Serenísima celebra os seus 1.600 anos cun número de eventos en consonancia coa súa dimensión cultural. A tradición veneciana sostén que o nacemento da cidade foi o 25 de marzo do año 421. Pero esta precisión é parte da imaxe imprecisa que a envolve. O historiador Giorgio Ravegnani di que o nacemento de Venecia é un capítulo escuro da historia do Medievo e as fontes narrativas mesturan con facilidade o verdadeiro e o fantástico.

Esta imaxe nebulosa parece replicarse ao longo da historia. Porque aínda que Venecia non parece un lugar firme, si foi terra estábel para os refuxiados que escapaban da invasión dos hunos. A cidade foi daquela un territorio que ofrecía a experiencia emocional da seguridade, un lugar de salvación para aquelas consciencias. Unha situación paradoxal; pero sucede que a vida cambia os sentidos do que observamos; ambas dimensións -física e simbólica- veñen constituílo.

Perspectiva espacial da cidade de Venezia.

Non menos nebulosa observárona os pintores a través dunha delicada gradación da cor e da luz, moi propicia para crear voluptuosidades e potenciar os brillos dos refinamentos da forma. Unha estética, a da escola veneciana, que contrastaba coa tradición clásica das formas do debuxo. Esta forma de interpretar o percibido na lagoa foi decisiva para a súa identidade, e así a cidade conquistou moitos escritores a través da promesa do pracer que desprendían as imaxes pictóricas e o voo das palabras. A máis inverosímil das urbes, como a chamase Thomas Mann, non debe o seu mito á magnificencia das obras arquitectónicas. Porque hai unha Venecia construída no imaxinario que transcende a observación de calquera artificio material. A insondábel natureza desta cidade non se mide nos centímetros nin no peso dos mármores, senón nas conciencias sumadas a través de todas as percepcións. Son tantos os escritores que se ocuparon de Venecia que poderíamos describila mediante fragmentos literarios: Petrarca, Byron, Dickens, Goethe, Twain, James, Ruskin, Proust, Joyce, Rilke, George Sand, Gauthier, Morris, Hemingway, Carpentier… Non é posibel pensar Venecia sen estar tomados pola mirada de Tiziano, Tintoretto, Veronese ou Canaletto ou sen sentir a emoción de Aschenbach -o protagonista da Morte en Venecia- que atopa mel na grácil beleza adolescente de Tadzio, un antídoto para o seu cansazo. Neles emerxe unha paixón espontánea que é inmanente á cidade. Venecia nunca é un fondo, eles son porque están en Venecia; a cidade é unha forma de ver a vida e a morte.

Do sublime ao inferno, unha natureza completa, menciña poderosa que salva pero tamén mata, por iso caben nela todas as emocións. Será a forza da súa historia, tantas veces creada e destruída que alimenta esta totalidade. Tantas mortes en Venecia e tantas mortes de Venecia anunciadas en cada conquista: un principio e fin que se perpetúa en cada latexo dos seus palacios bizantinos, góticos, renacentistas, barrocos... Pode que a beleza acrecentase o sentimento tráxico da súa existencia pero a cidade afrontou sempre con éxito as adversidades da súa historia mesmo no seu declive. A peste de 1630 exterminou a un terzo da poboación, mais neste ocaso Venecia atopou un sentido, foi o esquecemento, convertido nun recurso preservador da súa riqueza.

Hai en Venecia a suficiente beleza para que se anticipe a traxedia. A cidade ameaza con afundir no Adriático, pero a historia dos seus múltiples nacimentos e renacementos desafía o destino: unha idea que percorre a celebración e que se instala na memoria como estratexia para afrontar os malos agoiros suspendidos na súa bretemosa realidade. Será que os organizadores intentan, cun cambio de perspectiva, dar luz sobre o que podemos gañar ou perder. A realidade parece indicar que, máis que o devir do tempo, o que precipita o seu deterioro son os dragados dos canais para a entrada de embarcacións imposíbeis. Venecia historicamente superou moitas ameazas externas cun conxuro estraño de proxeccións e circunstancias, veremos agora se cunha nova identidade sobrevive a ela mesma.

Compartir el artículo

stats