Os artistas Eduardo Sourrouille e Ignacio Goitia expoñen conxuntamente en Lisboa unha selección das súas creacións. A Galería Nave vai acoller, entón, unha senlleira parte dos seus catálogos, aquela que discorre polas intermitencias do corazón dos dous homes, celebrando a mostra que leva por título 'Príncipe Azul'. Ese nome evoca a peza teatral homónima de Eugenio Griffero cuxa historia é a de dous homes que asinan unha promesa de amor para se reunir cincuenta anos despois. Sourrouille e Goitia son do tipo de artista que forxa un universo creativo cunha linguaxe propia, propiciandio uns contextos de absoluta fidelidade ao seu acervo no que afondan e argumentan máis co paso das décadas. Pódese, ademais, engadir outro elemento ás facianas dos artistas: os dous debullan contidos políticos como a liberdade, a igualdade, a hibridación social. Canto aos contidos estéticos, ambos profesan un novo estilo Belas Artes, un camp moi vertixinoso e unha atemporalidade contemporánea realmente versátil.

Sourrouille e Goitia son do tipo de artista que forxa un universo creativo cunha linguaxe propia

Polo demais, cómpre indicar que os dous se iniciaron no espazo da arte arredor de 1988, na facultade de Belas Artes da Universidade do País Vasco e dende entón veñen deseñando un discurso creativo constante e sólido facendo obra en solitario e asemade creacións conxuntas e tamén colaboracións con outros artistas, modistas, artesáns e realizadores. Xa nas obras en solitario, é frecuente que Goitia sexa modelo e actor das creacións de Sourrouille no mesmo contexto que este último convoca o primeiro como alter ego amatorio, estético ou inspirador. Eduardo Sourrouille colabora en ocasións con Miriam Ocáriz, con quen tamén ten cooperado Ignacio Goitia quen asemade fai panos de seda ou zapatos nunha colaboración coa casa de calzado Stubbs & Wootton. En fin, cando axeitan obras cooperando, non hai inicio ou remate na man creadora, pois non se arrea sen cuestionarse se a orixe das creacións está nos mitos de Pigmalión, Narciso ou Eco. Quizais son obras de arte inspiradas nunha trama como a da novela de Evelyn Waugh Brideshead revisited, the Sacred and Profane Memories of Capt. Charles Ryder (1945) onde Lord Sebastian Flyte e Charles Ryder manteñen unha historia sentimental habitada polas artes.

Unha das creacións da mostra 'Príncipe Azul'.

Poderían Sourrouille&Goitia ser unha parella singular do tipo dos artistas británicos Gilbert&George que existen e crean conxuntamente. Ou se se trata de dous personaxes entresacados dun colectivo ou xeración, poderíamos evocar os poetas do cadro de Henri Fantin-Latour Un coin de table (1872), onde aparecen retratados Arthur Rimbaud, Paul Verlaine, Leon Valade, Ernest d´Hervilly, Camille Pelletan, Pierre Elzéar, Émile Blémont e Jean Aicard. De todos eles coñecemos as vidas, mais gravitan por enriba das miserias do existir a sublimación da arte e a permanencia na memoria da creación. Tal é o caso dos nosos artistas en Lisboa, cuxo vínculo é eminentemente intelectual.

A mostra 'Príncipe Azul' exponse en Lisboa.

Hai tamén outra cuestión relevante que se debe considerar para acercarse á obra destes dous artistas: a creación contracorrente. Coñecemos a antítese entre os pintores académicos ou pompiers no remate do século XIX fronte os pintores dos salóns dos rexeitados ou Salon des Refusés onde xorde o impresionismo. Coñecemos tamén a relevancia das vangardas como o cubismo, dadaísmo, suprematismo, futurismo, surrealismo... fronte os pintores de sociedade como Sir John Singer Sargent, Joaquín Sorrolla, José María Sert, Giovanni Boldini ou Fernando Álvarez de Sotomayor. No caso de Sourrouille e Goitia, a súa posición cosmopolita, camp e declarativa dos human rights e gay rights, colócaos nunha escena contraria ao dominante abstracto conceptual. Levoulles moitos anos ter un recoñecemento sólido como do que arestora gozan, sen renunciaren aos seus principios estéticos e conviccións filosóficas. A moda, para eles, é facer un pano de seda ou un deseño téxtil de festa para unha noiva, mais a moda non pula o seu discurso persoal na arte.

Os dous artistas teñen os seus labores en importantes coleccións públicas e privadas, amosaron o seu esforzo en institucións e feiras de arte en Europa e América e representan a escola de figuración e pintores europea que abrangue dende a escola de Londres, pasando por Paula Rego e evocando os mestres barrocos españois. Son dous dos creadores máis salientables da escena figurativa europea e americana no século XXI e agora podemos ver o seu traballo conxunto en Portugal.

Pavillón de repouso

Sourrouille e Goitia son amigos, amantes, ex amantes, colegas e confidentes até o día de hoxe. Cando, en xullo de 2020, Ignacio Goitia, gran afeccionado a viaxar en moto, sufriu un grave accidente que o obrigou a permanecer baixo coidado médico durante unha longa tempada, os dous amigos enfrontáronse a un novo contexto na súa relación, onde Sourrouille visitaba e entretiña a un convalecente Goitia que se movía empurrado na cadeira de roldas polo seu camarada,

Desa afinidade non electiva xurdiu a posibilidade das fotomontaxes de Goitia mesturando vellas arquitecturas, persoeiros e o amigo Sourrouille. E xurdiron asemade novas potentes imaxes dos dous xuntos e pezas asinadas por Sourrouille. Desde sempre, Goitia facía fotomontaxes e de vello eran un modelo do outro, nesta volta aproveitaron o “Tempo reencontrado” e forxaron as bases deste novo capítulo na súa produción.

A visita de Eugenia Griffero, directora da galería Aldama Fabre en Bilbao e de Proyectos Internacionales de FIG Bilbao e da “The Basque Corner”, unha iniciativa apoiada pola Deputación Foral de Bizkaia que promove o traballo dos artistas vascos no exterior,abrollou logo desta mostra da que gozamos. A cita vai do 17 de xuño até o 23 de xullo.