Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Literatura postal

Mensaxes con acuse de recibo

Fotograma de Miguel Strogoff (1956). De arriba abaixo: Rabindranath Tagore (1861-1941); Charles Bukowski (1920-1944) e Xosé Neira Vilas (1928-2015).

A necesidade de enviar mensaxes escritas entre as persoas que se atopan arredadas é unha realidade documentada xa nas máis antigas civilizacións. Agora ben, a figura do carteiro tal como hoxe a entendemos non cobrou forza literaria ata moitos séculos máis tarde.

Rabidranath Tagore (1861-1941) Armando Requeixo

Talvez fose o sempre sorprendente Jules Verne, pioneiro en tantos sentidos, quen nos regalou o primeiro gran protagonista do servizo postal: Miguel Strogoff, personaxe principal da novela homónima publicada en 1876. Imposible esquecer as aventuras sen fin deste correo do tsar Alexandre II, a quen se lle encarga a épica tarefa de facer chegar dende Moscova unha mensaxe para o irmán do tsar, o Gran Duque, que se atopa incomunicado en Irkutsk, na Siberia Oriental. Ata alí terá que chegar o intrépido Strogoff para avisalo de que o militar traidor Iván Ogareff quere entregar o país aos tártaros e acabar coa súa vida, unha mensaxe que deberá percorrer nada máis e nada menos que 5200 vertsas (5547km) cheas de incribles peripecias e perigos sen número.

Charles Bukowski (1920-1944) Armando Requeixo

A comezos do século pasado veu a luz outro dos títulos mundialmente coñecidos nos que a figura do empregado postal polariza a atención: O carteiro do rei (1912), do polímata bengalí e Premio Nobel de Literatura Rabindranath Tagore. Esta breve peza teatral achéganos a historia de Amal, un neno orfo e adoptado, que padece unha enfermidade incurable que o obriga a permanecer recluído na casa. Dende a fiestra do seu cuarto descobre un día que no edificio de enfronte están as oficinas do Correo do rei e comeza a soñar con mellorar para medrar e converterse en carteiro, pois nada o ilusiona máis que chegar a recibir unha carta do monarca.

Xosé Neira Vilas (1928-2015) Armando Requeixo

Moi outro é o relato que máis de medio século despois deu a coñecer o iconoclasta Charles Bukowski en Oficina de correos (1971), protagonizado por Henry Chinaski, un álter ego do propio autor, quen verte nestas páxinas moitas das vivencias dos seus catorce anos como empregado do Servizo Postal dos EE. UU. O resultado é unha novela ácida, extrema e inmisericorde, na que abundan as borracheiras, os episodios sexuais sórdidos e as debilidades ludómanas.

Peculiar é tamén a narración tecida polo chileno Antonio Skármeta en Ardente paciencia, unha obra publicada en 1985 que literaturizaba o filme homónimo estreado polo autor, con discreto pasar, dous anos antes. Porén, mercé ao éxito da adaptación cinematográfica da novela realizada por Michael Radford en 1994, por razóns comerciais nas edicións posteriores a obra pasou a chamarse O carteiro de Neruda, título co que se fixo notoriamente popular esta historia dun prófugo de mariñeiro que acaba convertido en carteiro na Illa Negra, onde deberá entregar o correo a un único destinatario: Pablo Neruda.

A intoxicación da transformación (1982) é unha novela póstuma de Stefan Zweig. O escritor austríaco estivera traballando nela entre os anos trinta e corenta, pero nunca a deu ao prelo, cousa que se fixo corenta anos despois do seu pasamento. A obra trasládanos a historia de Christine Hoflehner, unha humilde funcionaria de correos dunha pequena localidade preto de Viena, que malvive pobremente na escaseza deixada tras a Primeira Guerra Mundial, e que vai ter a fortuna de ir vivir un tempo a Pontresina, en Suíza, acompañando uns familiares americanos acomodados que alí van morar. Mais os días helvéticos de benestar acaban e ten que regresar á gris oficina de correos, o que a sumirá nunha crise existencial da que renacerá do xeito máis inesperado.

Non menos celebrada, pero ben diferente, é a proposta de O carteiro (1985) de David Brin, quen nos mergulla nunha sociedade post-apocalíptica na que un ex-soldado da Terceira Guerra Mundial vai acabar converténdose nun heroico carteiro do Servizo Postal dos EE. UU. que axudará ás comunidades dispersas desa sociedade caótica a se uniren contra os señores da guerra e lograr así un mundo máis libre e xusto, tal como reflicte tamén o ben famoso filme homónimo dirixido e protagonizado por Kevin Costner en 1997.

Por remate, presta lembrar aquí Todos os amantes da miña nai (2020), a recente e moi aplaudida novela da escritora americano-israelí Ilana Masad, na que unha filla acaba por se converter na carteira que faga chegar as misivas deixadas por súa nai morta prematuramente aos que foron en vida os seus amores.

Carteiras e carteiros de noso

Coido que é Xosé Neira Vilas o escritor galego que con máis afán ten posto no centro das súas historias a figura do carteiro, pois non en van el desempeñou este nobre oficio entre os doce e os catorce anos. Aínda que aparecen en diversos textos seus, foi no volume De cando o Suso foi carteiro (1988) onde reviviu con toda a intensidade tales vivencias.

Seguindo o seu ronsel, tamén nos trouxeron carteiros memorables outros creadores de noso. Así, Marcos S. Calveiro en O carteiro de Bagdag (2007), narración xuvenil dun Iraq devastado pola guerra onde un heroico carteiro continúa a repartir esperanzador correo no medio dos bombardeos.

Acabados de saír do prelo están A carteira (2021) de Santiago Lopo, novela que nos mergulla nas xeiras dunha moza carteira de substitución que se enfronta á complexidade do oficio na Galicia dos nosos días; e mais Eva, a carteira espacial (2021), obra coa que Gloria Pavía se fixo acredora do I Premio Alberto Quiñoi de Álbum Ilustrado, convocado polo Concello da Estrada, un relato de solidariedade sideral protagonizado por unha carteira noviña, filla igualmente de carteiros, repartidora de misivas pola Vía Láctea.

Compartir el artículo

stats