Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xela foi ela

Pequena grande achega

Xela foi ela

Non é tarefa doada achegar a homenaxeada do Día das Letras á rapazada; unha encomenda imprescindible para que a conmemoración teña verdadeira transcendencia. Pero é labor máis arriscado realizalo elaborando un material que cumpre de sobra o seu cometido e ademais se converte nunha obra que tamén pasa a criba do lector maduro. Isto é o que acontece coa entrega de Yolanda Castaño, escritora, tradutora, crítica literaria e incansable dinamizadora cultural, que destina a biografía sobre a de Sarria á xente máis nova sen perder o foco do lector experimentado.

O volume achega as nenas e nenos á Xela Arias editora, tradutora, poeta e profesora, e dálles a coñecer a escena cultural e social da Galicia dos anos 80 e 90, enfocada principalmente na cidade galega da “movida”, da que tanto gustou gozar e na que podía contemplar acotío un dos seus amores: o mar.

A narración comeza en Sarria mesmo antes de nacer a protagonista, coa relación de amor de quen serán os seus pais, Valentín Arias e Amparo Castaño. A historia preséntase de xeito cronoloxicamente lineal desde o nacemento nun ambiente rodeado de libros e escritores que pasan pola súa vida familiar, ata a súa inesperada morte o 1 de novembro de 2003. Así, vai percorrendo as etapas ou episodios esenciais da súa vida para poder chegar a entender todas e cada unha das facetas de Xela Arias como editora (darlle brillo a un texto), correctora (nos libros había que empregar un galego ben correcto. Que esa era a maneira de que o noso idioma se fixese forte), tradutora (darlles vida a textos estranxeiros na nosa lingua), escritora (a poesía era un espazo para non conformarse) e docente que entra no corpo máis tarde do habitual (manter a súa total independencia económica aínda vivindo en parella). Ao ganduxar todo este percorrido, que se narra de xeito simple, claro mais tamén moi rigoroso, imos coñecer unha das traballadoras máis completas da cultura propia malia a súa curta existencia.

Descubrimos a través das páxinas unha Xela desconforme cos clixés dados, remisa ás inxustizas e desexosa de querer vivir unha vida sen ataduras de ningún tipo e plenamente independente. Non é, xa que logo, un simple compendio de datos, ou unha biografía sen máis, senón que cada un destes datos é pertinente para nos transmitir toda esa afouteza e loita por chegar a cumprir os desexos de crearse a si mesma, a Xela que quería ser, que quixo ser, que foi: libre e feliz.

O volume conclúe cunha pequena escolma de poemas dos catro libros que Xela Arias publicou en vida. Podemos dicir que é unha pequena grande achega para darnos a coñecer de xeito claro e conciso a figura de Xela Arias, que está a acadar unha repercusión na celebración das Letras Galegas de 2021 claramente superior á de edicións pasadas.

CASTAÑO, YOLANDA. Xela quixo ser ela. Biografía de Xela Arias. Xerais, Vigo, 2021, PVP. 11, 87 €

Compartir el artículo

stats