Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Hoteis de primeira

Do teatro de Xohana Torres

Ilustración de Díaz Pardo para a primeira edición da peza. Na imaxe pequena: Xohana Torres (1929-2017)

Logo de quedar finalista no Primeiro Concurso Castelao de Teatro Galego, que convocara en 1964 a Asociación Cultural o Galo, coa peza Á outra banda do Iberr, en 1966 Xohana Torres obtén tal galardón cunha nova achega, Un hotel de primeira sobre o río, publicada por Galaxia en 1968, e agora recuperada por Engaiolarte, nunha edición magnífica que tamén inclúe ilustracións orixinais de Isaac Díaz Pardo.

Xohana Torres (1929-2017).

Xohana Torres (1929-2017).

Descoñezo os ditames do xurado na concesión daquel premio, e mesmo cales foron os outros títulos e as valoracións dos mesmos, mais non hai dúbida de que o texto ben o merecía por motivos que direi. En primeiro lugar, pola temática presentada, tan común onda nós, cando os intereses privados se antepoñen aos colectivos, incluso ao deber institucional de conservar e manter o patrimonio, e aínda andamos nesas. Intereses privados que, no concello onde eu me criei, Oleiros, foron a causa de que se destruísen dous fermosos castros que tanto poderían dicir sobre a proxenie de Breogán. Eran tempos aínda duros da ditadura, e onde mandaba o patrón calaban os mariñeiros.

Xohana Torres retrata o conflito que estoura nunha aldea cando unha empresa privada quere urbanizar un outeiro que se debruza sobre unha ampla foz na que un fermoso río se vai facendo mar. Un hotel e un campo de golf. Cousas peores pasaban naquela altura en Galicia, coma o asolagamento do val de Castrelo de Miño. Miro Casabella, que cantou con Voces Ceibes, compuxo un fermoso romance de cego en defensa dos labregos privados das súas terras. Velaí tamén a valentía da autora por tratar cuestións tan espiñentas e prohibidas por censura.En realidade o que estaba denunciando Un hotel de primeira sobre o río era un proceso do que hoxe coñecemos como xentrificación, ben que daquelas non supuxese a recuperación dun medio degradado senón a eliminación dun medio que se consideraba prescindible e sempre en beneficio do que se entendía como fonte de progreso e riqueza. As vellas casas labregas, os rueiros, as corredoiras, os eidos, as cortes do gando ou as murallas de pedra deixaban paso á o que se definía como civilización. As xentes desprazadas marchaban para os pisos nas cidades e para outros traballos, normalmente como man de obra sen cualificar, con salarios baixos, o suficiente para a mera subsistencia coas privacións que cumprisen. Ou marchaban para a emigración. Así foi, e así é aínda, que os feitos non menten, por moito que os queiran disfrazar.

Personaxes

En segundo lugar, destaca a galería de personaxes, coa que se mostran as diferentes maneiras de enfrontar e vivir ese tipo de situacións, desde o feitío que sente Nena Catarina ante o espectáculo da cidade, ata a reconversión de Silvia coa teima de que súa filla fale en francés, e sen esquecer a Inge, a mociña emigrada que xa non se lembra do feliz que era naquela casa da súa infancia, perdida a súa identidade nunha mestizaxe que despersonaliza. E no medio da tempestade de emocións e sentimentos encontrados, temos a Ruth Soar, dona do casal embargado que finalmente perde o sentido, ou á Vella Comba, que cos paxaros que leva nunha gaiola compón e recompón presentes e futuros. Crease con todos eles unha atmosfera na que pouco a pouco vai penetrando a negrume máis mesta, que podrece as conciencias.

Como adral da peza, a autora ofrece un verso da Ilíada de Homero, no que podemos ler: “Aquiles, ausente, estaba, non obstante, presente”. Ao mellor fai referencia ao feito de que cando Aquiles, tras discutir con Agamenón, abandona o campo de batalla, Heitor sente que a vitoria poida caír da banda dos teucros, e máis cando perece o que levaba as armas do fillo de Peleo e Tetis, en realidade Patroclo.

Pois en efecto, a pesar de todo, Aquiles seguía alí, e cando sabe da morte de Patroclo, a súa cólera desátase. Outro tanto foi pasar asemade con tantas loitas das xentes do común, pois o monstro sempre está aí, á espreita, agatuñado e disposto. Así aconteceu, sen ir máis lonxe, co 15M, infelizmente. O dinosauro volveu.

Clásicos do país

Segundo o Dicionario da nosa Academia, clásica é aquela obra literaria que destaca polos seus valores no seu xénero. Sendo así, na nosa dramática temos unha manchea de clásicos totalmente esquecidos que forman parte dun patrimonio literario oculto, que mesmo serían pretextos ben interesantes para a creación teatral, se o teatro neste noso país tivese algo de europeo na súa organización e planificación. Velaí pezas tan magníficas como Alén, de Xaime Quintanilla, Vinte mil pesos crime, de Bernardino Graña, ou Era nova e sabía a malvaísco, de Inma António Souto. Con elas e tantas outras, as dúas que nos legou Xohana Torres.

No caso de Un hotel de primeira sobre o río estamos ante un texto que, lido despois de que pasaran xa máis de cincuenta anos, non perdeu cuartillo de actualidade, pois todos os diversos conflitos que vai revelando e debullando seguen formando parte das cuestións máis latexantes e ferintes do presente. Velaí temos, por exemplo, tantas vilas e aldeas de Galicia que esmorecen sen vida engulidas por xestas e silveiras. Hai máis de medio século Xohana Torres xa reclamaba un proxecto sustentable para a nosa xeografía física e para a nosa cultura. Para sermos, antes que nada, persoas, que os cartos de nada serven na cova.

Compartir el artículo

stats